miércoles, 28 de enero de 2009

FILGUEIRA, CALDAS DE REIS E OUTRAS HISTORIAS







(Imaxes do coroamento do antigo baldaquino do XV-XVI, conservado na igrexa románica de Santa María de Caldas de Reis)



Ben sabido é que Filgueira Valverde era un gran viaxeiro, era un home que tiña unha grande mobilidade, aínda que non era conductor. Utilizou con moita frecuencia o servicio de taxis. Neste medio percorreu Galicia enteira. Comentábanos D. Antón Fraguas que pronunciou conferencias en tódolos concellos da nosa amada Galicia, neste cometido un gran amigo e auxiliar seu foi D. Severino Buceta Fontenla, do que nos congratulamos ser amigo e compartir a admiración sobre o ilustre pontevedrés.
Pois ben, Filgueira pronunciou algunha que outra conferencia en Caldas de Reis e dedicoulle a esta querida vila algúns artigos nos seus Adrais. Filgueira estudou e revalorizou as pezas do baldaquino da parroquia de Santa María de Caldas, que como escribe D. Xosé, constitúen unha “xurdia mostra do arte dos nosos canteiros de fins do século XV ou comenzos do XVI”. Estas valiosas pezas estaban abandonadas e descoidadas, situadas nun lugar indigno, preto duns valados exteriores á importante igrexa románica de Santa María de Caldas de Reis. Sendo D. Marcelino Torres Villar párroco de dita freguesía, alá polos anos sesenta do pasado século, Filgueira fíxolle ver a este crego, que na década dos trinta estivera destinado en Pontevedra e fora profesor dunha famosa academia e do instituto, que eses restos arquitectónicos e monumentais había que poñelos en valor e buscar un lugar máis axeitado para a súa ubicación, cousa que D. Marcelino comprendeu, recoñeceu e intentou resolver de bo grao. Ese coroamento do antigo baldaquino pétreo do Renacemento, segundo a opinión de Filgueira reflectían aspectos da conquista de América por parte de Cristobo Colón, dicía que “mesmo, poidera ser unha das primeiras figuracións da xesta colombina”.

O DR. SANTOS JUNIOR

O Dr. José R. Joaquín dos Santos Junior, gran investigador portugués e amigo de Filgueira, estivo sempre moi vinculado a Galicia e as súas institucións culturais. Durante moitos anos visitaba tódolos veráns a Nosa Terra. Eu tiven a sorte de coñecelo entre os anos 1968 e 1969, eu era case un neno e non podía darme conta, naquel intre, da valía da persoa coa que entraba en contacto. Coñecinno no Hotel-Balneario Dávila de Caldas de Reis, onde el viña toma-las augas termais, que tiña en grande estima, incluso nas instalacións do balneario hai uns mosaicos feitos por el (segundo é costume en Portugal) con poemas e palabras moi eloxiosas das milagreiras augas termais caldenses.
Aínda me lembro con simpatía da gracia que me facía o seu coche, un “escaravello”, un Volkswagen que tiña uns intermitentes dos que sobresaían unhas pezas que se estendían e repregaban para facer ben visibles os sinais de intermitencia. Recordo que fun facendo de guía para levalo a unha panadería que facía uns boliños de manteiga moi ricos que se atopaba no barrio caldense da Canle, era moi curioso aquel coche e os seus donos eran moi agradables, así como moi simpáticos e amables, o Dr. Santos Junior estaba acompañado pola súa dona.
Unha das primeiras cousas que facía o sabio portugués ao chegares a Galicia era parar en Pontevedra para saudar a Filgueira e visitar o Museo. Dicía o pontevedrés sobre Santos Junior, que veu moitos anos “a descansar traballando a Caldas de Reis. Tan puntual e metódico que, no Museo de Pontevedra, xa sabiamos a data e a hora da súa chegada, sempre con libros para a Biblioteca e con galanos para os amigos”.
Seguía a decir Filgueira que o ilustre lusitano engadía a “Arte de ser portugués”, a de “ser galego”. Adicáballe Filgueira verbas moi agarimosas, ben se notaba que eran amigos e colaboradores.
Lembrando todo isto, fago memoria dos anos felices da infancia vividos na inesquecible e fermosa vila de Caldas de Reis, onde tiven a honra de coñecer a grandes personaxes; Filgueira estudando o baldaquino de Santa María e as visitas ao Hotel-Balneario Dávila por parte do Dr. Santos Junior.

Recomendamos a lectura dos seguintes artigos publicados por Xosé Fernando Filgueira Valverde:

- “Un recordo das navegacións en Caldas”. ADRAL (1979), pp. 263-266.

- “O milagre de Caldas”. SEGUNDO ADRAL (1981), pp. 144-146.

- “Dos eloxios académicos do Dr. Santos Junior, e no coloquio ‘Gallaecia’”. VI-ADRAL (1990), pp. 303-305.

jueves, 22 de enero de 2009

O SALNÉS E AROUSA NA OBRA DE FILGUEIRA VALVERDE



ALGÚNS APUNTAMENTOS RECOLLIDOS DA SÚA MAGNA OBRA

Escomenzamos por referirnos a unha obra moi recoñecida e fundamental na bibliografía do profesor Filgueira, trátase da súa tese de doutoramento sobre a cantiga CIII de Afonso X o Sabio, que ten como base a coñecida lenda de San Ero da Armenteira, o monxe que quedou extasiado escoitando á “pasarinha” nos bosques dos lindeiros do famoso mosteiro saliniense durante trescentos anos. A importante tese foi publicada en Santiago de Compostela na imprenta do Eco Franciscano en 1936 e sería reeditada varias veces posteriormente.
Seguimos agora o catálogo coordinado por Mª Xesús Fortes Alén (1996) e reflectimos sintéticamente algunhas das publicacións e a continuación as conferencias e intervencións nos medios de comunicación nos que o ilustre pontevedrés fai referencia á nosa comarca e a Vilagarcía ou teñen lugar nas mesmas, seguindo unha orde cronolóxica e indicando a páxina, o número de referencia e o contido asegún figuran no mencionado traballo.

Publicacións

Páx. Ref. C O N T I D O

64 1.036 “La Tierra de Salnés”. En: Inventario. Pazos y Torres. 5.
El Salnés. Introducción de X. Filgueira Valverde. Amigos
dos Pazos. Vigo, Artes Gráficas Galicia, 1979. (L.F. 227).

78 1.541 “O Alvariño”. En: Cambados y el Valle del Salnés. Festas
de Cambados, 1987.

79 1.547 González López, Emilio: Luís López Ballesteros (1782-
1.853). Ministro de Hacienda de Fernando VII. Presenta-
ción de X. Filgueira Valverde. Colección “Ilustrados, so-
ciólogos y economistas gallegos”, Fundación Pedro Barrié
de la Maza. A Coruña, 1987.

84 1.721 Álvaro Pelagio. Hijo de Pai Gómez Chariño. Teólogo, Ju-
rista, Confesor Pontificio. Obispo de Silves. (Salnés, c.
1275 – Sevilla, 1349). “Día de la Hispanidad”. Pontevedra,
Imprenta da Deputación Provincial, 1990. (L.F. 339).

91 1.949 Visita a Toxa. Salnés. Ed. Everest, 98 pp., 1993 (L.F.
373).


Conferencias y diversas intervenciones

Páx. Ref. C O N T I D O


102 2.170 Sobre las peregrinaciones a Compostela. Cine Fantasio de
Vilagarcía, “Juventud Católica” de Vigo e Casino de A
Estrada, 1934. (C. 52).

107 2.312 A festa dos Maios. Casino de Vilagarcía, 1/V/1953. (C.
225).

108 2.353 Poesía y música. Casino de Vilagarcía, 14/IV/1956. (C.
266).

114 2.524 Lisardo Barreiro. Xogos Florais de Vilagarcía de Arousa,
24/VII/1966. (C. 460).

117 2.634 Elogio de la Ría de Arosa. “Fiesta de la Perla de Arosa”.
Vilagarcía, 4/VI/1971. (C. 553).

131 3.103 Galicia na obra de Alfonso X. Caixa de Aforros. Casa da
Xuventude. Vilagarcía de Arousa, 9/V/1980. (C. 875).

141 3.427 O Entroido en Galicia. Radio Arousa, 29/II/1983.

144 3.517 No centenario de Rosalía. Radio Arousa, 4/I/1985.

144 3.540 Bos días, Arousa, Radio Arousa, 28/II/1985.

150 3.739 Na morte de Valentín Paz Andrade, Radio Vigo, Radio
Pontevedra, Radio Cadena Española, Radio Popular de
Vigo, Radio Arosa-SER, Antena 3 e TVG. Do 19 ó 26/
V/1987.

151 3.764 A Lanzada. Radio Arousa-SER, Vilagarcía, 1987.

152 3.815 No Día das Letras Galegas. Radio Arousa, 17/V/1988.

153 3.844 Pregón e Ofrenda das Festas de San Roque. Vilagarcía de
Arousa, 13/VIII/1988. (C. 1.223).

161 4.115 Intervención na conmemoración da primeira misa en gale-
go en Vilagarcía de Arousa. Homenaxe ó P. Isorna. 15/
VIII/1991.

164 4.230 Bouza Brey, polígrafo. Ciclo de Conferencias da Funda-
ción “Pedro Barrié de la Maza” e o Concello de Vilagar-
cía de Arousa, 16/XI/1992. (C. 1.438).

164 4.243 “Galicia-América”. Presentación da exposición. Casa da
Cultura. Vilagarcía de Arousa, 5/II/1993.

169 4.411 Lembranza de Aquilino Iglesia Alvariño. Centro Parro-
quial de Santa Olaia de Vilagarcía de Arousa, 17/XI/1994.
(C. 1.544).


Nesta síntese da obra de Filgueira referida a nosa bisbarra, constatamos que a derradeira conferencia do profesor pontevedrés en Vilagarcía, a que leva o número 1.544, foi pronunciada na parroquia de Santa Baia de Arealonga de Vilagarcía de Arousa, moitos tivemos a sorte de presenciar dita intervención, precisamente a fotografía que ilustra esta entrada, correspóndese con ese memorable acto.

BIBLIOGRAFÍA:

· FORTES ALÉN, Mª Xesús (coord.) et alt.: O Dr. Filgueira nos seus noventa anos (1906-1996). Traballos. Eloxios. Pontevedra, Caixa de Aforros de Pontevedra, 1996.
· FUENTES ALENDE, José: Bibliografía. Cursos, conferencias y curriculum de José Filgueira Valverde. (Homenaje de sus discípulos). Vigo, 1976.



lunes, 19 de enero de 2009

REFLEXIÓNS SOBRE A PÁXINA 78 DO LIBRO: "VIDA, PAIXÓN E MORTE DE ALEXANDRE BÓVEDA" (1972) DE XERARDO ÁLVAREZ GALLEGO




(Na imaxe, Bóveda e a que sería a súa dona, Amalia Álvarez Gallego, irmá do autor do libro. Foto publicada no tomo 4 da Gran Enciclopedia Gallega).

Como introducción, desexamos precisar certas cuestións para que quede claro o noso cariño e a nosa admiración cara un personaxe tan importante e exemplar para Galicia como foi e como é Alexandre Bóveda, quen tivo unha relación moi intensa e moi estreita con Filgueira Valverde. Non hai que esquecer que ámbolos dous tiveron un papel protagonista e determinante na creación en 1931 do Partido Galeguista e na vida deste partido nos primeiros tempos.
As guerras, e sobre todo unha guerra civil, como a nosa de 1936, supoñen un fracaso social, un fracaso de todos; ao racharse a convivencia pacífica entre irmáns. Teriamos que remontarnos a moi lonxe na historia do noso país para buscar as causas dese tráxico desenlace do ano 36. Pero, ímonos centrar nos séculos XIX e XX, dun xeito moi sintético.
Practicamente ao longo do século XIX, século de grandes tensións e guerras civís, hai unha loita constante entre as persoas e os partidos que mantiñan ideas e posturas liberais e os que mantiñan ideas conservadoras ou ultraconservadoras. E no medio destas liortas sempre topamos coa Igrexa Católica, as máis das veces, poñéndose a carón dos que defendían as ideas máis conservadoras de entender e regulamentar a vida no noso país. Tratábase de defender os intereses de clase: oligarquía versus burguesía liberal. E logo cando irrumpe con forza na sociedade a clase traballadora, por mor da extensión da revolución industrial, aliarase o capital para enfrentarse á clase obreira. Esto agudizarase xa no século XX na monarquía de Alfonso XIII, recordemos a Semana Tráxica en Barcelona, o nefasto ano 1917, a equivocada solución que supón a dictadura do xeneral Primo de Rivera, a crise económica de 1929,… E finalmente, a entrega do poder por parte dos monárquicos aos partidarios da república en España. Nace así a II República Española dun xeito festivo e totalmente incruento. Pero xa, a esta República, dende os primeiros días da súa proclamación, xúrdelle unha conspiración contra dela fisexe o que fisexe. Os monárquicos arrepentíronse de entregar o poder e a toda costa querían recuperalo. Tamén hai que ter en conta a irrupción do fascismo. Os militares alentados por elementos civís moi axiña tratan de derrubar o sistema republicano apoiados polo capital e pola Alemania nazi e a Italia fascista. Xa en 1932 o xeneral Sanjurjo trata de dar un golpe de estado, despois a radicalización do PSOE e das forzas de esquerda tratan de face-la revolución, de aí os sanguinolentos sucesos de 1934 en Asturias e a brutal represión, onde participa xa o militar africanista, Francisco Franco. Como podemos ver, moi axiña, a República ten moitos nemigos e crécenlle os ananos por todas partes.
Debemos tamén contemplar certos erros da política republicana, un deles, foi non saber levar unha política sosegada de consenso e concertación, de saber levar unha vida política máis pousada, menos violenta e non entrar nas provocacións e trampas que se lle tendían. O enfrentamento, moitas veces, gratuíto coa Igrexa Católica e cos cidadáns de crenzas católicas, establecendo unha división que non conducía a ningures. O contexto nacional e internacional prebélicos non axudaban en nada.
Mais a experiencia, brevísima experiencia republicana, á que non lle deron tempo para nada, tivo unha extraordinaria política educativa e cultural, inspirada fortemente na Institución Libre de Ensinanza. Foi mágoa que non fose posible que a República prosperase, as situacións de loitas intestinas no interior, sumadas a un contexto internacional onde o capitalismo, o fascismo e o comunismo intentaban facerse coa hexemonía de poder no mundo, impediron o normal desenvolvemento da experiencia republicana no noso maltreito país.
E Bóveda e Filgueira viviron aquelas circunstancias adversas que marcaron as súas vidas como tamén determinaron as dos seus contemporáneos. Consideramos a Bóveda como un santo, como un mártir que ofreceu o seu sangue para a redención da súa amada Galicia, pola que traballou e sufríu sen escatimar nada, nin tan siquera a súa propia vida.
Sentado esto, imos reflexionar e comentar a nosa impresión e as nosas ideas sobre a páxina 78 do libro: “Vida, paixón e morte de Alexandre Bóveda”, escrito polo cuñado de Bóveda, Xerardo Álvarez Gallego, e publicado en Bos Aires en 1972. Dita publicación causou enorme pesar e tristeza en Filgueira, porque hai certas afirmacións inxustas e trátase de ferir ao ilustre pontevedrés. Pensamos e comprendemos que están escritas dende a dor e o resentimento, lóxicos por outra parte, pero faltos de rigor histórico. A dor e o horror causados pola crueldade do asasinato de Bóveda, que nos privaron dun home aínda mozo, cunha familia numerosa, que se atopaba na madureza para ofrecer vizosas obras e iniciativas para un mellor futuro da Nosa Terra e que xa estaba considerado como un dos homes máis importantes da nosa historia. Pero, esto non é causa para usar calquer argumento para aldraxar o nome dun home, que tamén é unha das figuras senlleiras da cultura galega. E do que pensaba Bóveda, que alí onde estivera Filgueira, habería sempre un gran defensor da causa de Galicia.
Vaiamos ao asunto, nesa páxina prodúcese unha imprecisión cronolóxica, o que nos leva a pensar que non se está a facer historia, senón a manipulala, dende unha óptica de resentimento e de revanchismo, comprensibles mais non aceptables. O suposto diálogo entre Bóveda e Filgueira, cando acaban de coñecerse en Pontevedra, é un diálogo imposible, vexamos por que:

- Bóveda chega a Pontevedra recén aprobadas as súas oposicións á Facenda nos anos vinte do século homónimo. Filgueira non lle pode dicir que el viña de aprobar ás súas oposicións á cátedras de instituto, porque esto ocorre no ano 1935. Que lle dixera a Bóveda que pensaba ser director do Museo de Pontevedra, é bastante impensable naquelas datas, estando vivo D. Casto Sampedro y Folgar, quen morre en 1937. Filgueira chega a ser director desa entidade na década dos 40. Os que coñecimos a Filgueira sabemos que era un home correcto, extremadamente educado e incluso tímido, polo que esa postura arrogante, chulesca e despectiva non cadraba coa súa personalidade, non penso que poidera dirixirse a Bóveda nos termos que lle adxudica D. Xerardo, é algo difícil de soster. E téñase en conta que logo ámbolos dous personaxes relacionáronse moito e colaboraron en moitas empresas de sumo interese para a Nosa Terra. Ese non podía ser o comezo da relación entre Filgueira e Bóveda, tal como o relata o Sr. Álvarez Gallego.

- A primeira apreta de mans entre Bóveda e Filgueira non podía ser algo falso e ruín como o autor trata de suxerir. O tema do xuízo (bueno, a pantomima de xuízo) a Bóveda e algo que haberá que investigar e aclarar a fondo. As declaracións ou non declaracións de Filgueira, ao mellor ni tan sequera foi citado a declarar, el trataba de non prexudicar a Bóveda, nin negou nunca a Bóveda. As súas hipotéticas declaracións en nada poderían favorecer a Bóveda. Nese estado arbitrario e cruel de guerra, Filgueira estaba mobilizado como tenente do exército nacional. Presidía o Consello de Guerra a Bóveda un xefe ou oficial de superior categoría militar a Filgueira, diante de tal situación, que podía facer el? Ademáis, Bóveda xa estaba condenado antes do xuízo. O que fixera ou deixase de facer Filgueira non ía supoñer nada significativo nin determinante nesta causa. A sentencia xa estaba sinalada antes da burla de xuízo, a pantomima de proceso ao que foi sometido inxusta e ilegalmente Bóveda, a sentencia xa estaba marcada antes de ser dictada, estabamos nun Estado arbitrario e antidemocrático, sen ningunha garantía procesal, non se trataba dun Estado de Dereito. Había a consigna que non podía quedar vivo ningún dirixente do Partido Galeguista.

Esta páxina e outras do libro que comentamos, nas que se menciona a Filgueira son inexactas e moi despectivas cara Filgueira, el non eran tan petulante e fachendoso como se trata de indicar, ademais nunca traicionou á causa galeguista. Aquela triste situación de violencia extrema e irracional separou definitivamente a seres que se amaban, que se respectaban e que traballaban xuntos para soerguer Galicia.

Aprendamos da historia para desterrar actitudes intransixentes e violentas. Convén unha actitude dialogante, comprensiva, tolerante para que sempre triunfe a vida. Por eso, non son de recibo obras supostamente históricas, que están escritas dende a xenreira, dende a paixón e dende a dor; eso alónxanos da verdade e do respecto que toda persoa merece. Que nunca máis no noso país se vexan interrompidos proxectos de vida e arelas de futuro por causa das guerras e das inxustizas; loitemos todos xuntos, aínda pensando distinto, por conseguir un futuro para a xente moza e para dar seguridade aos nosos maiores, que traballaron arreo para entregarnos un país polo que se merece vivir e para construir todos un mundo habitable e máis humano. Galicia meréceo, ti non llo negues.

miércoles, 14 de enero de 2009

CELULOSAS





(No centro da imaxe ao lonxe, Celulosas fumegando)

Filgueira non tivo nada que ver na decisión política de instalar o complexo industrial de Celulosas na Ría de Pontevedra. Foi unha cuestión adoptada e imposta polo goberno do xeneral Franco. A Filgueira tocoulle participar na inauguración en representación do Concello de Pontevedra, a medida fora tomada executivamente en alcaldías anteriores a el, incluso aínda que como alcalde se opusera, sería unha cuestión inútil, pois prevalecían as ordes, ao respecto, do Gobernador Civil e do Estado, que tiñan a última e definitiva palabra. Sabemos que houbo un forte rexeitamento, non só popular, senón doutras instancias, á instalación do complexo pasteiro en Lourizán. As posturas en contra foron reprimidas, esmagadas e silenciadas polas autoridades gubernamentais daqueles momentos históricos.
O galeguismo desde sempre e na época de D. Daniel de la Sota como presidente da Deputación Provincial de Pontevedra, soñaba con enriquecer Galicia, non tan só culturalmente, senón tamén económicamente, industrialmente. E sostiña que había que repoboar os montes e acadar beneficios de tal acción, entre os que se atopaba instalar o ciclo completo do aproveitamento da obteción da pasta de papel, por medio dunha axeitada explotación madereira. (Así xurdiron iniciativas como a creación da Misión Biolóxica de Galicia). Non sabían naqueles tempos, como tampouco calibraban moito cando se instalou Celulosas do impacto medioambiental e dos graves problemas de contaminación que iba a ocasionar dita industria. O obxectivo, en circunstancias de penuria e de paro, era crear postos de traballo e xerar riqueza. Axiña se comproban as nefastas consecuencias para o medio ambiente da colocación de Celulosas na fermosa ría, levantáronse moitas voces en contra, que foron fortemente aplacadas.
Para mostra das inquedanzas da poboación e dalgunhas autoridades e entidades, amosámoslle un estracto do Libro de Actas do Concello de Pontevedra, sendo Filgueira Valverde alcalde da cidade:

“Sesión Extraordinaria del día 11 de agosto de 1965

P. 43-V: Fábrica de Celulosas.

El Ilmo. Sr. Alcalde da lectura a la propuesta motivo de resolución con informe preceptivo para calificación y legalización de funcionamiento de la fábrica “Celulosas de Pontevedra”.

P. 44: Por Decreto de 15 de noviembre de 1956 fue encomendado al Instituto Nacional de Industria la creación de una empresa para fabricar pastas crudas y blanqueadas mediante la utilización de la madera de pino producida en las provincias gallegas, principalmente de Pontevedra y La Coruña.

La Dirección General de Puertos y Señalizaciones autorizó a dicho Instituto el 13 de junio de 1958 para ocupar una parcela de terreno en zona marítimo-terrestre de la Ría de Pontevedra.
“(…) condicionando la concesión a la obligación de adoptar ‘todas las precauciones necesarias para evitar malos olores, humos, polvo, gases tóxicos y cuantas circunstancias puedan ser molestas para el vecindario y nocivas para la salud; disponiéndose también que el incumplimiento de cualquiera de las condiciones sería causa de caducidad de la concesión”.
“Amparándose en esa concesión, ‘Celulosas de Pontevedra’ consideró que no era necesaria licencia municipal de construcción”, omisión comunicada oportunamente por la Alcaldía al Gobierno Civil.
[Dada esta situación de no tener licencia municipal] “la Comisión Provincial de
P. 45: Servicios Técnicos *constituyó una Ponencia para el estudio de la situación de la fábrica instalada por Celulosas de Pontevedra, S.A., Ponencia que el 22 de mayo de 1965, elevó informe al Excmo. Sr. Gobernador Civil, en cuyas conclusiones se manifestaba que procedía exigir licencia municipal, sin perjuicio de las facultades que el art. 14 de la Orden de 15 de marzo concede a los Gobernadores Civiles. (…) con fecha 22 de mayo de 1965, fue requerida la empresa Celulosas de Pontevedra, para la presentación de memoria y planos correspondientes a sus instalaciones industriales de fábrica, habiéndose presentado por parte de dicha empresa, con fecha 8 de junio de dicho año, solicitud para la concesión de licencia municipal de industria ya establecida en fecha previa a la existencia del Reglamento mencionado, acompañada de memoria y planos que la Ley preceptúa.
RESULTANDO que por edicto publicado en el Boletín Oficial de la Provincia nº 263 de fecha 19 de julio del corriente año [1965] se abrió información pública de la exposición de dichos documentos, exposición a la cual se presentaron cincuenta escritos por las Corporaciones, personas jurídicas e individuos que a continuación se relacionan: Excma. Diputación Provincial, Ayuntamientos de Bueu, Poyo, Sanjenjo, Marín y Vilaboa, Comandancia de Marina de Vigo, Cámara Oficial de la Propiedad Urbana de la
P. 45-V.: Provincia de Pontevedra [siguen otros organismos], Unión de Fabricantes de Conservas de Galicia, Sindicato Provincial de Hostelería de Pontevedra (…), Liceo Casino de Pontevedra, Médicos Colegiados de la villa de Marín (…), D. Ignacio Suárez,
P. 46: José Mª López Fernández y 22 firmantes más (…),* D. José Pazos Feijoo y otros 59 propietarios de mejilloneras y viveros flotantes (…).
RESULTANDO que procede agregar a dicho expediente informe de los daños ocasionados en los cultivos por los humos producidos por la Empresa Nacional de Celulosas de Pontevedra, emitido por la Jefatura Agronómica de Pontevedra y enviado por la Cámara Sindical Agraria, así como copia de los demás informes técnicos emitidos con anterioridad por la Jefatura Provincial de Sanidad, Instituto Español de Oceanografía, Instituto de Investigaciones Pesqueras y Delegación de Industria.- RESULTANDO que en dicha información todos los escritos presentados acusan molestias, peligros o daños procedentes de dicha fábrica, que se resumen así:

A) Contaminación de la atmósfera por polución de gases de olor hediondo, hecho que señala la mayoría de los informantes subrayando muchos de ellos las repercusiones negativas que tales olores acarrean para la atracción de forasteros. P. 46-V: “actividad excluyente del turismos”, dice el Ayuntamiento de Marín.

B) Desprendimiento de gases nocivos para la salud (Ayto. de Bueu) con aumento de morbilidad en determinadas afecciones de vías respiratorias y piel entre los vecinos de las zonas más directamente afectadas (Médicos Colegiados de Marín).

C) Contaminación de las playas con residuos (Diputación Provincial y otros).

D) Daños causados en la pesca, por el vertido de aguas residuales (Comandancia de Marina, Aytos. de Marín y Bueu, Cofradías, Unión de Fabricantes de Conservas de Galicia, marisqueos), daños atribuibles a la defectuosa instalación de la balsa (Cofradía de Pescadores de Pontevedra) con peligro remoto pero grave por la sedimentación de residuos en el fondo de la ría.

E) Anomalías en el marisco extraído en la zona de Lourizán.

F) Perturbaciones de las operaciones de compraventa de pescado en la lonja de Marín por malos olores.

G) Daños en los cultivos, especialmente en las viñas.

H) Pérdida de valor de terrenos de término. <= P. 47 I) Ruidos molestos. J) Daños producidos por los residuos en la pintura de los edificios. La empresa en un escrito de “29 de julio” pondera “los beneficios económicos y sociales. P. 47-V.: trabajo permanente “in situ” 358 trabajadores, de quien dependen 1.273 personas. P. 48: Fábrica autorizada por el Consejo de Ministros. P. 48-V: Concederse licencia de apertura STS - 29-11-1954 “ “ - 17-12-1956 “ “ - 16-12-1957 P. 49: CONSIDERANDO probada la existencia de molestias y daños. “ la trascendencia social económica que comportaría la clausura definitiva de la fábrica. P: 49-V: - Declaración de molesta y nociva - Medidas correctoras - Condicionar la licencia - Cierre estacional P. 51: Informe.”

domingo, 11 de enero de 2009

AS RUÍNAS DE SANTO DOMINGO, SÉ PRIVILEXIADA DA SOCIEDADE ARQUEOLÓXICA DE PONTEVEDRA






(Nestas miñas imaxes, as famosas ruínas de Santo Domingo de Pontevedra)

Unha das persoas máis queridas de Filgueira, e que foi un dos seus mestres gratuítos, foi D. Casto Sampedro y Folgar (1848-1937), avogado de orixe redondelá quen desenvolveu un gran labor profesional e cultural na Pontevedra de finais do século XIX e nas tres primeiras décadas do XX. D. Casto é unha figura que debera ser obxecto de máis estudos e de máis homenaxes. El foi o fundador e “alma mater” da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, xermolo do que logo sería o Museo de Pontevedra, do que D. Casto foi o primeiro director e o seu discípulo Filgueira o primeiro secretario técnico.
A Sociedade Arqueolóxica fixo grandes tarefas e magníficos esforzos pola preservación do patrimonio monumental e artístico pontevedrés. Un dos grandes fitos foi evitar a destrucción total das fermosas ruinas de Santo Domingo, que hoxe son unha sección importante das instalacións museísticas de Pontevedra, que se poden contemplar en pleno centro da cidade do Teucro, na avenida de Montero Ríos.
A Arqueolóxica, comandada por D. Casto Sampedro acompañado doutros moitos pontevedreses ilustres, entre eles o padriño de Filgueira, o lembrado e querido médico de Lérez, D. Enrique López de la Ballina, fixo todo o posible para frear a piqueta infernal e destructora que esnaquizou tantas e tan fermosas construccións antigas: as murallas, as torres arcebispais, templos, ermidas, pazos; tantas rúas e recunchos de arquitectura típica, unha grande parte desa Pontevedra monumental xa tristemente desaparecida. O pouco que queda, foi grazas ao interese e á implicación de grandes homes como D. Casto Sampedro y Folgar e o seu pupilo Filgueira Valverde.


NESTAS PÁXINAS SOBRE FILGUEIRA E OS TEMAS CON EL RELACIONADOS, DESEXAMOS QUE NOS ENVIEN COMENTARIOS, SUXESTIÓNS, PETICIÓNS DE POSIBLES CUESTIÓNS A TRATAR… GRAZAS.


LIGAZÓN RECOMENDADA:

Zuloblog, directorio de blogs de fala hispana: http://www.zuloblog.com/

miércoles, 7 de enero de 2009

FILGUEIRA E CASTELAO




(Nas imaxes, monumento a Castelao no lampán dos xudeos en Pontevedra, nun detalle captado pola miña cámara, e autocaricatura do rianxeiro, reproducida na Gran Enciclopedia Gallega)


Castelao (Rianxo, 1886 - Bos Aires, 1950) chega a Pontevedra en 1916 como funcionario de Estatística, o que compaxinará con múltiples e variadas actividades (profesor auxiliar de Debuxo no instituto e na Normal, membro fundador da Coral Polifónica, membro do Patronato e fundador do Museo, participante no grupo Karepas,…), aquí en Pontevedra madura como artista (escritor, pintor, debuxante, caricaturista, escenógrafo,…), participa moi activamente na vida social e política (tertulias, activista do Partido Galeguista,…). Son vinte anos en Pontevedra (1916-1936) de vida fecunda que non olvidará endexamais e que lembrará con nostalxia e saudade no seu exilio bonaerense, onde escribirá e exclamará: MEU PONTEVEDRA!
Moi axiña entrará en contacto coa familia Filgueira, especialmente con D. Xosé María e logo co seu fillo D. Xosé Fernando, co que se atopa en tantas actividades: as tertulias, a revista “Nós”, o Seminario de Estudos Galegos, a revista “Logos”, a Coral, o Museo, o Partido Galeguista,… Establécese entre eles unha mutua amizade, comparten amigos, inquedanzas, tarefas. Sempre se admiraron o un ao outro e manifestáronse mutuo respecto; pero, a partires da fundación da Dereita Galeguista (1935) por parte de Filgueira e outros compañeiros, comezan a distanciarse por razóns políticas, este distanciamento agudízase co estoupido da Guerra Civil do 1936 e coa posterior dictadura, onde xa a ruptura de relacións é total, segundo nos aseverou D. Francisco Fernández del Riego.
Non obstante, Filgueira sempre mantivo un sagrado respecto e unha fonda admiración por Castelao e a súa obra. Traballou para que o Museo de Pontevedra conservase e incrementase o legado de Castelao, resgardando diverso material (escritos, debuxos, pinturas, caricaturas, escenografías, variados obxectos persoais) e abrindo salas no Museo a el dedicadas, mantendo a súa lembranza, e brindándolle o único ADRAL monográfico, o que leva o número IV.
Sabido é que Filgueira xunto a Sánchez Cantón, principalmente, e outros amigos fixeron todo o posible para que se publicase en Madrid unha edición moi coidada do álbum NÓS de Castelao.
Daniel foi profesor de Debuxo de Filgueira e logo, por breve tempo, compañeiro de Claustro no instituto pontevedrés.
Consta que Castelao, a pesares da separación por razóns estrictamente políticas, sempre gardou respecto a Filgueira e mantivo ata morrer a súa relación co Museo de Pontevedra, o seu legado, por vontade da súa viúva e das súas irmás, consérvase, na súa maior parte, no Museo que axudou a configurar e a crear.
A relación entre ámbolos dous foi moi intensa, tan só rota polos avatares políticos e bélicos, que ás veces, e desgraciadamente truncan e se interpoñen en tantas vidas, impedindo o normal desenvolvemento das relacións humanas e de tantos proxectos, que ao final, vense frustrados. O desencontro e o alonxamento de Castelao, sen dúbida, foi unha perda para Galicia.

LIGAZÓNS RECOMENDADAS:

Zuloblog – Directorio de blogs de fala hispana: http://www.zuloblog.com/

jueves, 1 de enero de 2009




LEMBRANDO A FILGUEIRA NO PRIMEIRO MILENARIO DA REAL BASÍLICA DE SANTA MARÍA A MAIOR DE PONTEVEDRA
(Na imaxe, da que son autor, unha vista da Basílica dende a praza de Santa María)


O 29 de novembro de 2008, o Arcebispo de Santiago de Compostela, Rvdmo. Sr. D. Julián Barrio Barrio procedeu á apertura do Xubileo co gallo do Milenario de Santa María A Maior de Pontevedra, a clausura do mesmo será nunha data moi significativa para a familia Filgueira-Iglesias, o 15 de agosto, día da Nosa Señora, da Asunción da Virxe María, día da patroa da parroquia na que Filgueira foi bautizado.
Filgueira dedicou moitos estudos á arquitectura e á arte da basílica, era un gran coñecedor de todo o concernente á súa parroquia, ao igual que do Gremio de Mareantes, impulsores e artífices da construcción do templo parroquial, na que participaron os mestres: Cornielis de Holanda, Juan de los Cuetos, Mateo López e Diego Gil, tal como se indica na páxina WEB da parroquia de Santa María de Pontevedra, onde tamén se recolle a cita do coengo compostelán e gran intelectual galego do XIX, López Ferreiro, quen denominaba o templo basilical como “Perla da arte galega”. Non se entende unha visita á vila filgueiriana sen ir a coñecer á parroquial de Santa María.
D. Xosé participou activamente sempre na vida da parroquia:

- Pertenceu á Conferencia de San Vicente de Paúl

- Foi visitador de enfermos e acompañante do Viático

- Articulista da Folla Parroquial

- Participaba nas celebracións do Corpus, era todo un experto nas orixes e tradicións da festividade sacramental

- Asistía ás procesións de Semana Santa, pertencía a unha das súas confrarías. Tamén participaba nas procesións da Virxe Peregrina, entre outros moitos actos e actividades da parroquia.


D. Xosé foi un home dunha fonda e fundamentada fe católica, que antepoñía a calquera outra ideoloxía.

O templo foi elevado á categoría de Basílica en tempos do papa Xoán XXIII, sendo Filgueira alcalde de Pontevedra, na revista do Museo nº 14, correspondente ao ano 1960, publicouse a acta de elevación do templo a dita categoría, e no proceso para alcanzar tal dignidade, D. Xosé Filgueira Valverde xogou un papel moi importante, moveu todos os seus recursos dispoñibles, colaborou en todas as xestións necesarias; corroborounos toda esa disposición e todos os esforzos de D. Xosé, o Rvdo. Sr. D. Lino Arcos Salgado, actual Arcipreste de Arousa, o seu finado pai fora moi amigo de Filgueira, xa que ocupou durante moitos anos o cargo de xefe de Correos en Pontevedra.
O cariño e os vencellos de Filgueira cara a súa parroquia e cara a súa patroa foron unha constante na súa longa vida, e por algo escollería casar nun 15 de agosto.



LIGAZÓN RECOMENDADA:

Zuloblog – Directorio de blogs de fala hispana: http://www.zuloblog.com/

WEB DE INTERESE:

http://www3.planalfa.es/santamarialamayor


BLOGS AMIGOS:

http://www.grupo-bretema.blogspot.com/

http://www.ascronicasdeulisis.blogspot.com/