martes, 24 de febrero de 2009

FILGUEIRA, POETA NEOTROBADORISTA




Xosé Filgueira Valverde como literato tentou as musas en tódolos xéneros, foi narrador, ensaísta, dramaturgo e poeta. A súa vida e a súa obra dan para escribir moito. Eu sempre atopo unha faciana nova del, matices e perspectivas novas na súa traxectoria e no seu traballo. Sempre hai un Filgueira novo por descubrir.
Hoxe, ímonos referir a súa faceta poética. Despois da lectura das 6 CANCIÓNS DE MAR IN MODO ANTICO, atopámonos co Filgueira poeta “neotrobadoresco”, como dicía Ricardo Carballo Calero, ou co poeta “neotrobadorista” nunha acepción máis moderna, á que alude a profesora Camino Noia. O camiño do neotrobadorismo foi percorrido por eminentes poetas galegos, parece que o primeiro que se achegou a tal movemento foi o bardo Eduardo Pondal; pero, máis próximos a nós, xunto con Filgueira, os seus amigos, Fermín Bouza Brey, Álvaro Cunqueiro, Xosé Mª Álvarez Blázquez e o propio Aquilino Iglesia Albariño tocaron ese modo de facer poesía, polo entusiasmo que espertaba neles a nosa lírica medieval, descuberta cando son achados e divulgados os cancioneiros medievais ben andado o século XIX e incluso no século XX.
Os poetas neotrobadoristas tratan de imitar, con xeitos e perspectivas novas, os recursos estilísticos característicos da poesía medieval, utilizan pois, as formas paralelísticas, as repeticións, o leixa-pren. A pesares de seren modismos antigos, conseguen con eles unha beleza nova, un aire fresco que nos vén do medievo e nos descobre o goce estético das cousas próximas como o mar, o amor, unha nova espiritualidade de orixe mariano; tal como podemos comprobar nas 6 CANTIGAS DE MAR IN MODO ANTICO de Filgueira e concretamente nunha das súas cantigas:


II

NO SANTO DO MAR


Un loureiro esguío
un cantar antigo,
no Santo do Mar.

Un loureiro illado
un cantar lonxano,
no Santo do Mar.

Un cantar antigo
por amor amigo,
no Santo do Mar.

Un cantar lonxano
por amor amado,
no Santo do Mar.

Por amor amigo
das ondas traído
ó Santo do Mar.

Por amor amado
das ondas levado
ó Santo do Mar.

Das ondas traído
co loureiro esguío
do Santo do Mar.

Dos ventos levado,
co loureiro illado
do Santo do Mar.

XFV




PARA SABER MÁIS:


CARBALLO CALERO, R.: Historia da Literatura Galega Contemporánea. 1808-1936. Vigo, Galaxia, 1981, pp. 737-738, 740, 744-745, 752-753.

FERNÁNDEZ DEL RIEGO, F.: Historia da Literatura. Vigo, Galaxia, 1984, pp. 134, 140-141, 143-144, 169-170.

NOIA CAMPOS, C.: “O neotrobadorismo das 6 canciones de mar ‘in modo antico’”. En A.A.V.V.: El Museo de Pontevedra LII. Homenaxe a Xosé Filgueira Valverde. Vigo, Museo de Pontevedra, 1999.

viernes, 20 de febrero de 2009

MÚSICA NO MUSEO






Mario Prisuelos, un pianista aínda mozo, nado en Madrid e cun currriculum xa importante, ofreceu o 19 de marzo de 2009, ás 20:00 h. un magnífico concerto de música de compositores españois desde o Barroco ata a actualidade no salón de actos do edificio Fernández López do complexo museístico pontevedrés. Ofrecemos imaxes do programa e unha nosa instantánea do pianista que deleitou coa súa interpretación ao numeroso público asistente.

Esto danos pé a comentar que no Museo de Pontevedra son tradición os actos musicais, e por algo veñen todas esas actividades musicais que se organizan, non debemos esquecer que D. Casto Sampedro y Folgar, o primeiro director era un extraordinario musicólogo e un apaixonado intérprete de órgano, e que dicir do terceiro director, que en realidade vén sendo o segundo, porque o seu antecesor o foi de transición; pois ben, Filgueira Valverde era un gran amante da Música, no seu despacho tiña un ambiente para escoitar música e ler, eran dous praceres nos que ocupaba o seu tempo de lecer. Tamén no seu lugar de traballo había un armonio, onde D. Xosé tecleaba as melodías de certas partituras e onde trataba de descifrar a música das cantigas medievais e do cantigueiro popular galego. Foi un dos impulsores da creación e mantemento da Coral Polifónica de Pontevedra, editou o Cancioneiro Musical de D. Casto Sampedro, colaborou co certame internacional Música en Compostela e cunha extensión do mesmo no Museo, Música á luz dos candelabros, amigos íntimos seus, dous homes cruciais da Música en Galicia, Blanco Porto e Iglesias Vilarelle, os dous primeiros directores da Coral Polifónica de Pontevedra, gozou da amizade dun gran mestre e musicólogo galego o Padre Calo S.J., no Museo dende moi antigo gárdanse gravacións e obxectos musicais dignos de mérito. En Pontevedra sempre tivo grande relevancia a Música, lembremos os célebres concertos no pazo das Mendoza, ao gran violinista Manolo Quiroga, a Filarmónica, o Coro dos Cantores do Instituto, promovidos por Filgueira,…

Seguindo esa longa traxectoria musical, onte no Museo tivemos a ocasión de gozar dun estupendo concerto, Mario Prisuelo interpretou maxistralmente dez composicións de música española para piano e debido aos enfervorizados aplausos do público tivo que facer un bis, interpretando a “Danza del Fuego” do “Amor Brujo” de Manuel de Falla.

lunes, 16 de febrero de 2009

"PONTEVEDRESES UNIVERSALES" (1956-1996), UNHA SERIE DE ENSAIOS BIOGRÁFICOS NOS QUE FILGUEIRA NOS DESCOBRE A RIQUEZA HISTÓRICA DA NOSA PROVINCIA





(Na imaxe José Antonio de Mendoza y Sotomayor, Marqués de Vilagarcía, Vizconde de Barrantes, Virrei do Perú e a súa rúbrica, tal como figuran no tomo XXXVII de “Pontevedreses Universales”)


Filgueira comeza en 1956 unha colección de biografías de personaxes históricos relevantes da provincia de Pontevedra, que se publicaban puntualmente cada 12 de outubro, coincidindo coa chamada festa da hispanidade, a edición auspiciada pola Deputación Provincial, o Concello de Pontevedra e o Goberno Civil. Os persoeiros e os feitos polos que destacaban eran, a maioría, descoñecidos para o gran público e, ás veces, tamén para os especialistas; por tanto, eran un descubrimento co que nos regalaba Filgueira cada outono, e no que se poñía de manifesto a erudición histórica do polígrafo pontevedrés. Dende aquí recomendamos a súa lectura e consulta.
Filgueira era un gran coñecedor de todo o que concernía á cidade de Pontevedra e a toda a provincia. Precisamente, nos seus últimos días, estando xa coa saúde e coas forzas moi minguadas, Filgueira tiña entre mans unha nova entrega para a colección, un traballo sobre novos aspectos dun tema que xa tratara, San Telmo e do chamado lume de San Telmo, pois viña de descubrir novos matices sobre o asunto en bibliografía francesa que estaba a consultar. Pero, segundo nos manifestaba o seu fillo a memoria traicionábao (el que fora durante toda a súa vida posuidor dunha feliz memoria) e nas cuartillas manuscritas que tiña feito (de moi difícil lectura) repetía ideas e conceptos dun antigo traballo e non era quen de saír de aí. Xosé Fernando Filgueira Iglesias comentáballe ao seu pai que non ía ser capaz de rematar dito traballo e menos o podería ler no pazo provincial polas dificultades físicas que lle afectaban. Filgueira traballador e loitador incansable solicitaba un administrativo a quen lle dictaría os textos e falaba dunha cadeira de rodas, non lle faltaba a ilusión deica o derradeiro momento. Era toda unha lección como un home minado pola saúde e practicamente sen folgos quería seguir mantendo viva a súa actividade intelectual.

Nós quereriamos subliñar hoxe o tomo XXXVII das conmemoracións de “Pontevedreses Universales”, correspondente ao 12 de outubro do ano 1992 e que leva por título: CUATRO VIRREYES PONTEVEDRESES EN AMÉRICA. E dos catro personaxes dos que trata Filgueira, destacar un, pola súa relación con Vilagarcía de Arousa e a comarca do Salnés, falamos de José Antonio de Mendoza y Sotomayor (13 de marzo de 1667 – 14 de decembro de 1746), Marqués de Vilagarcía, Vizconde de Barrantes, Virrei do Perú.
Imos entresacar as primeiras páxinas do traballo (XXV-XXVI), nas que se fan referencia as orixes e relacións familiares. Mais, antes diso indicar que o seu virreinato foi moi accidentado e con moitos problemas, porque como dicía Filgueira, “gobernó en tiempo aciago”. Imos cos temas familiares deste nobre que toma posesión do virreinato de Perú en 1736:




“LOS MENDOZA, SEÑORES DE VILLAGARCÍA

Don José Antonio de Mendoza y Sotomayor era descendiente del Mariscal Suero Gómez de Soutomayor, Tenenciero del Señorío de Pontevedra y de García Camaño, ‘el Hermoso’, fundador de Vilagarcía por una carta puebla de 1461; y sobrino del gran do Fernando de Andrade, Capitán General y Arzobispo de Santiago. Heredaba el Marquesado de Villagarcía, el Vizcondado de Barrantes y los señoríos de Vistaalegre, Rubianes, Lamas y Vilanova. Fue Marqués de Monroy y de Cussano por su casamiento con doña Clara Barrionuevo y Monroy. Los Mendoza alcanzaron auge en Galicia, desde la presencia del Arzobispo don Lope en Compostela, en el siglo XV; los Caamaño que pretenden un origen helénico y se ufanan en descender de posesores romanos, pueden remontar sus genealogías hasta la alta edad media.
Aunque siempre se tuvo por gallego, y lo fue por linaje y títulos, nació en la casa materna de Vegas de Matute (13, marzo, 1667); su padre, sí, fue bautizado en Pontevedra. Los cargos que desempeñó señalaban ya el futuro del hijo; porque don Antonio Domingo de Mendoza fue Embajador en Venezuela y electo de Francia, y Virrey y Capitán General del Reino de Valencia.

Sus hermanos ocuparon también puestos importantes: Álvaro fue Arcediano de Trastámara y Sumiller de la Casa Real; Francisco, Arzobispo de Farsalia; María Antonia casó con el Conde de Villardompardo”.

O ensaio sigue relatándonos as peripecias do virreinato de Don José Antonio e outros aconteceres da súa vida. Traballos deste xeito, de carácter divulgativo, pretenden darnos a coñecer aspectos que doutra maneira quedarían para sempre no anonimato. Os pontevedreses deberamos manifestar a nosa gratitude ao traballo sen desmaio de D. Xosé Fernando Filgueira Valverde que conservou o patrimonio histórico da nosa provincia para goce das xeracións vindeiras.

miércoles, 11 de febrero de 2009

O CARBALLO DE SANTA MARGARIDA - MOURENTE




(Na primeira imaxe o famoso carballo, na segunda, Roberto Taboada Rivadulla acompañado na presentación do seu libro por María Martín Seijo e por Israel Picón Platas)

Para coñecer ben a Filgueira Valverde é preciso coñecer en profundidade á cidade que o veu nacer e finar, porque están intimamente unidos, son inseparables. E un dos símbolos naturais máis importantes desta cidade é o carballo milenario de Santa Margarida en Mourente, aldea pontevedresa de onde é nativo o pai de Filgueira.

O martes día 10 de febreiro de 2009 ás 20:00 h., presentouse no pazo de Mugartegui o fermoso libro de Roberto Taboada Rivadulla, político, profesor e artista pontevedrés nacido en 1953, o traballo leva por título: O CARBALLO E A SÚA HISTORIA. PONTEVEDRA E A MADEIRA. Nunha sala ateigada de público, comeza o acto coa desculpa da inasistencia das autoridades do grupo de goberno local por mor da convocatoria doutros actos de ineludible presencia para ditos gobernantes. Seguidamente, Roberto dalle paso a Israel Picón, que en nome do autor e colaboradores agradece a todos os que se implicaron co proxecto editorial e coas exposicións que o precederon. Logo comenta o protagonismo do carballo ao longo da historia, sinalando que significativamente o carballo foi protagonista do cartel do ano 2002, ano Sarmiento. Tamén menciona a exposición sobre o carballo de Santa Margarida, celebrada neste mesmo pazo entre o 15 de febreiro e o 6 de marzo de 2007. Indica que o carballo de Mourente foi moi mal tratado ao longo do tempo, foi soporte do tendido eléctrico, tantos e tantos clavos que o feriron. Precisamente, a maltreita árbore concedeulle unha entrevista en 1973 ao Diario de Pontevedra, na que se queixa da súa lamentable situación.
Continúa argumentando, que esta árbore é un símbolo da natureza, que representa a Pontevedra e á cultura da Nosa Terra. Hai noticias deste senlleiro carballo dende moito tempo atrás, unha das referencias literarias do mesmo débese á pluma do sabio bieito, Pai Sarmiento, mestre remoto de Filgueira Valverde, este insigne monxe sitúa a árbore preto do pazo de Santa Margarida e da ermida homónima da aldea pontevedresa de Mourente. Tamén Manuel Murguía se refire ás bondades que a tradición e a mitoloxía lle atribúen aos carballos. No Museo de Pontevedra, consérvase un manuscrito de Casto Sampedro no que fala do carballo de Redondela, como centro de reunións e de distintos actos importantes do pobo, igualmente sucedería co carballo de Mourente e doutros lugares. Finaliza Israel a súa intervención aludindo a uns versos que o poeta Manuel María lle adica ao carballo.
María Martín eloxia o traballo de Roberto Taboada, tan ben documentado e froito dun esforzo continuado no tempo, menciona a estreita relación deste carballo coa cidade de Pontevedra. Un fillo do carballo de Santa Margarida xa crece vizoso nas fragas do Eume, asimesmo indica a importancia dos carballos na fraga de Cecebre. (Subliñar, que a exposición sobre o carballo de Santa Margarida tamén puido verse na Fundación Wenceslao Fernández Flórez). Considera importante e moi significativo que unha árbore sexa o símbolo dunha cidade, que o carballo de Santa Margarida sexa un dos símbolos máis importantes da cidade de Pontevedra.
Remata o acto co agasallo deste fermoso e atractivo libro ao numeroso público asistente.

O carballo é a árbore nacional de Galicia, árbore sagrada para os celtas; por tanto de gran significado para todos os galeguistas, foi unha árbore fundamental para movementos que amaban a nosa querida patria, tales como as Irmandades da Fala, Xeración Nós, Xeración dos tempos do Seminario de Estudos Galegos, á que pertencía Filgueira Valverde. É mágoa, pero os galegos tratamos moi mal a esa árbore senlleira e protectora, cantas carballeiras e cantas fragas totalmente destruídas! Debemos, pois, facer un labor de recuperación e de repoboación con carballos por toda a nosa querida Galicia.
FILGUEIRA VALVERDE en ADRAL (1979) dedica nas pp. 194-196 un artigo ao admirado e histórico carballo de Mourente, co seguinte título: O CARBALLO DE SANTA MARGARIDA.

sábado, 7 de febrero de 2009

O MUSEO DE PONTEVEDRA, UN LUXO PARA TODA A PROVINCIA






(Un meu debuxo con lapis de cores dos edificios máis antigos do complexo museístico pontevedrés)

Como outras institucións pontevedresas de importancia (Caixa de Aforros, Misión Biolóxica, Coral Polifónica,…), o Museo de Pontevedra foi xestado por homes moi significativos da nosa cultura; por exemplo, foi obxecto de conversas e proxectos na animada tertulia da casa de Losada Diéguez, á que asistía Filgueira dende os trece anos. Castelao e Sánchez Cantón deseñárono ata os seus máis mínimos detalles, consérvase relación epistolar entre ámbolos dous sobre o tema.
Aproveitaron a experiencia e o precedente da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, poñendo á fronte de todo ao sabio redondelán afincado en Pontevedra, D. Casto Sampedro e Folgar. E así, en 1927, redáctase a acta fundacional e configúrase o padroado, todo co auspicio e respaldo do boísimo D. Daniel de la Sota, presidente daquela da Deputación Provincial de Pontevedra.
Na véspera das festas da Peregrina de 1929 o Museo abre por primeira vez as súas portas para o goce de toda a poboación. Foi o seu primeiro director D. Casto e o primeiro secretario técnico, un mozo Filgueira adornado xa dun grande prestixio e que dedicou a maior parte da súa vida e dos seus esforzos por ir construíndo un dos mellores e máis galardoados museos provinciais de España.
O Museo é hoxe unha institución de grande proxección nacional e mesmo internacional, fogar que acubilla a tantos investigadores, que teñen a súa disposición nas instalacións do mesmo un magnífico fondo documental e bibliográfico, destacar a importancia do arquivo gráfico, as extraordinarias salas expositivas, a organización de variadas e importantes actividades culturais ao longo de todo o ano, as exposicións monográficas de grandes artistas, os memoriais de Filgueira Valverde, as actividades musicais, os concursos escolares, a organización de visitas para todos os niveis educativos “Coñece o Museo”… O Museo de Pontevedra é un verdadeiro faro de cultura, unha institución necesaria e imprescindible para a nosa Galicia.
Toda persoa que queira coñecer a cultura da Nosa Terra ten necesariamente que frecuentar o Museo de Pontevedra, hoxe dirixido por dous discípulos do profesor Filgueira Valverde, Xosé Carlos Valle Pérez, como director, Xosé Fuentes Alende, como secretario técnico e destacar o labor de Mª Xesús Fortes Alén como experta documentalista. Non o dubiden e gocen coas visitas e consultas neste atractivo Museo.


WEB RECOMENDADA:

http://www.museo.depo.es/