lunes, 2 de marzo de 2009

A CAMELIA







Filgueira foi un dos promotores da creación fai máis de corenta e cinco anos do concurso exposición internacional da camelia, organizado, de xeito itinerante, polas tres capitais das Rías Baixas: Vilagarcía de Arousa, Pontevedra e Vigo, que altenativa e sucesivamente cada ano celebran esa xa famosa exaltación da fermosa flor que nos chegou de Oriente e que tan ben se aclimatou entre nós.
Un bo amigo de Filgueira e do Museo, Antonio Odriozola, que sempre levaba prendida na súa lapela unha flor, as máis das veces, unha camelia, era un gran sabedor de todo o relacionado con ela, como tamén dominaba outros moitos temas, entre eles, os seus saberes bibliográficos e musicolóxicos.
Pois Filgueira e Odriozola, entre outros, animaron aqueles primeiros concursos exposición da camelia e fixeron todo o posible para que se consolidara esta festa sobre unha flor, que é hoxe a raíña das Rías Baixas.
Filgueira, en artigos dos seus Adrais, refírese ás flores e aos fermosos xardíns de tantos pazos de Galicia, destacando, neste aspecto, dous moi próximos a nós, os de Rubiáns e A Golpelleira, templos da Botánica e pazos das camelias e tantos xardíns públicos e rúas que se adornan con estas flores que viñeron de lonxe.
Recollemos unhas verbas de Filgueira Valverde sobre as flores que nomeou Linneo homenaxeando ao xesuita moravo P. Kamell, que viñeron de Luzón ata Galicia alá polo ano 1733, dicía D. Xosé:

“Este cumprido xardín botánico que son as Rías, este paraíso dos naturalistas que é un don de Deus –lede a Sarmiento, a Merino, a Areses, a Luis Iglesias- revela o lecer señorial polas plantas exóticas, os raros froitos, as belidas flores… Porque aquí tense cultivado, dende hai moitas séculos –lembrade as palmas de Herbón- a capacidade estética para gozar da beleza dunha árbore ou do efímero engado dunha flor.
A camelia é cifra e símbolo do espírito da nosa vizosa beiramar.
Festa da Camelia, 1965” (1)

E referíndose a Antonio Odriozola, gran amante das camelias, dos libros e da Música, comentaba Filgueira:
“Unha flor na lapela. Tanto tiña que premiada nun concurso ou ventureira, collida nun valado. Era a súa insignia, o seu brasón. E na man dereita un groso e pesado cartafol negro. Dentro del unha incrible mestura, espello das variegadas xeiras do dono: o libro do trinque mercado en Seoane, (…).
Coa carga ía cara á Biblioteca, viña ó Museo, saudaba ós siareiros na que el chamou ‘a roita dos viños’, demorábase nas rúas a falar con traballadores e con estudiosos…”. (2).

As camelias enchen de beleza á nosa Galicia, son xa unhas flores que forman parte da nosa identidade, e como dicía Federico García Lorca nun fermoso verso:

“Branca camelia no ar”.


(1) XFV: V-ADRAL, A Coruña, Do Castro, 1989, pp. 95-98.

(2) ____: VIII-ADRAL, A Coruña, Do Castro, 1994, pp. 244-245.

No hay comentarios: