lunes, 20 de abril de 2009

D. XESÚS GARRIDO, UN IRMÁN GALEGUISTA DE FILGUEIRA VALVERDE






D. Jesús Garrido foi mestre represaliado de Zamar (Vilagarcía de Arousa), posteriormente, mestre e director do afamado e lembrado colexio vilagarcián, denominado “León XIII”, onde nalgún momento deron clase, Otero Pedrayo, Aquilino Iglesia Albariño, Germán Quintela, Manolo Castelao (malogrado primo do gran Castelao), ademais doutros insignes mestres que xunto co alumnado encheron de gloria a esta institución educativa que favoreceu a formación de tanta xente da comarca do Salnés. O colexio despareceu a finais da década dos setenta do pasado século.
D. Jesús tamén tentou ás musas, probando sorte cos versos, tendo ganado algún famoso certame poético. Tamén se atrevía coa música, deixando a súa numerosa prole o gusto polo canto, polo cantigueiro galego.
Foi patriarca dunha numerosa familia, o matriarcado correspondíalle a súa muller, dona Concepción Castromán, tamén magnífica profesora, entre os seus quince fillos e fillos políticos tamén algúns probaron fortuna coa docencia.
D. Xosé Filgueira apreciaba moito a D. Xesús, compañeiro do Partido Galeguista. Ténnos indicado o fillo de Filgueira que Vilagarcía de Arousa e a súa comarca debían render tributo a D. Jesús Garrido, como un home que traballou por promocionar ás clases populares e a clase media, facilitando a súa formación. Cando tan só existía un único Instituto de Ensino Medio na capital da provincia ou en moi poucos sitios da mesma, no colexio de D. Jesús, o “León XIII” preparábase aos bachilleres que acudían a Pontevedra para se examinar por libre. Ían tan ben preparados que obtiñan moi boas calificacións, temos comprobado os magníficos resultados dalgunhas persoas moi vinculadas con Vilagarcía, como o Sr. Sopkowsky ( quen foi profesor de Matemáticas no primeiro instituto da vila, hoxe coñecido como IES “Castro Alobre”), Xaquina Trillo (poetisa tan lembrada), Fernando Quintela Novoa (que exerceu a mediciña na especialidade de odontoloxía na mesma cidade e que hoxe é testemuña viva daqueles inesquecibles anos do “León XIII”, ténnos falado principalmente de dous grandes mestres, o poeta e excelente latinista, Aquilino Iglesia Albariño e Núñez Búa, galeguista de primeira hora, que lle transmitía o amor pola Nosa Terra a todo o seu alumnado).
Despois da guerra de 1936, o colexio perviviu algunhas décadas máis, pero xa en declive, a situación xa non era a mesma.
Serva esta entrada como lembranza agradecida a unha persoa que dedicou a súa vida ao ensino e ao servicio de Galicia.


PARA SABER MÁIS:




  • PORTO UCHA, A. S.: Historias de vida. O maxisterio pontevedrés na II República, Guerra Civil e Franquismo. Vigo, Alén Miño, 2003, pp. 173-174.



  • VILA FARIÑA, X. L. e V. VIANA MARTÍNEZ: Diccionario biográfico de la comarca de O Salnés. Deputación Provincial de Pontevedra, Servicio de Publicacións, 2001.

No hay comentarios: