lunes, 27 de abril de 2009

NO ANO DE RAMÓN PIÑEIRO



(A fotografía que ilustra esta entrada foi obtida na páxina WEB da RAG)


Os galegos tan inclinados a ignorar e desprezar a súa propia cultura, ao seu propio ser, algo que aínda hoxe estase a producir na nosa sociedade do século XXI e todos debemos superar ese absurdo complexo de inferioridade e traballar xuntos por soerguer Galicia.
Sen dúbida algunha entre os “bos e xenerosos” atopamos a Ramón Piñeiro (1915-1990), galeguista e filósofo que seguiu a chamada da Terra e ofertou a súa vida para servila dende a súa obra literaria, a súa acción política, ao seu labor cultural e editorial.
Foi fundador e director da histórica editorial Galaxia, que a pesares de circunstancias moi difíciles xurde no ano 1950. Ramón Piñeiro xunto con Fernández del Riego tratan de manter vivo o galeguismo no interior e manter relacións estreitas cos galeguistas exiliados, o galeguismo exterior, fundamentalmente radicado en Latinoamérica, máis concretamente en Arxentina, Buenos Aires era a capital galega no exterior.
Piñeiro era o prototipo de filósofo comprometido, desexaba unha Galicia libre e próspera, tamén solidaria. O seu maxistral ensaio sobre a saudade, ese sentimento de apego e de identificación coa Terra nai, tan propio de Galicia e do fraterno Portugal, recordemos o movemento saudosista portugués, amosaba o seu amor pola “nazón de Breogán”.
Ramón Piñeiro reivindicaba o galeguismo, sostiña que tódalas forzas políticas galegas deberan contar cunha corrente galeguista. El traballaba incansablemente para que dita corrente tivera o seu peso dentro de cada partido político. As súas posturas políticas non foron ben comprendidas (senón lean o artigo de Méndez Ferrín no Faro de Vigo do venres 24 de abril de 2009, no que se refire á persoa de Ramón Piñeiro). Nós mantemos que nunha sociedade democrática e libre son lexítimas todas as opinións e todos os posicionamentos, esa é a grandeza da democracia que ampara a todos.
Filgueira Valverde no panexírico que lle adica no VII-Adral, argumenta que Piñeiro era “home de paz e de comprensión, desprendido dos bens materiais e do culto á fama, conforme nos infortunios de unha vida onde non faltaron angurias das que nunca falaba”. E máis adiante, indicaba “en canto á obra, espello da craridade da súa mente, foi todo un esforzo por troca-lo xorne da Filosofía en Galicia”.
Manifestaba Filgueira sobre Ramón Piñeiro, que lle quedaba “a memoria dunha amistade longa, intensa, leal”. Recoñecíalle, Filgueira, ao mestre Ramón Piñeiro o “don de consello”. E no mesmo Adral, pero noutro artigo, no que D. Xosé gaba ao Piñeiro traductor e que remata con estas xustas verbas: “Téñense louvado con xusticia os merecimentos de Ramón Piñeiro na filosofía, na interpretación do ser e do vivir histórico dos galegos, na política cultural, no cultivo dunha prosa limpa, doada, xangal á fondura do pensamento. Mais temos asemade que pór de resalte esa vontade de acrecer as nosas letras coa vizosa presencia de obras alleas, anque tivera que coutar para facelo o tempo das creacións propias”.
Para coñecer un pouco máis o pensamento de Piñeiro, sobre todo en temas referidos á linguaxe e as linguas, recomendamos a lectura do discurso da súa entrada na Real Academia Galega, que foi lido o día 25 de novembro de 1967 e a conseguinte resposta de Domingo García Sabell, outro dos grandes da nosa cultura e tamén íntimo de Filgueira. Magnífico e enriquecedor círculo de amizades! Estes discursos poden baixarse da WEB da RAG:
http://www.realacademiagalega.org/

Para finalizar reseñar o extraordinario artigo do gran teólogo galego, Andrés Torres Queiruga, no nº 162 da revista ENCRUCILLADA, no que lembra con verbas moi rigorosas e documentadas ao esgrevio Ramón Piñeiro, quen foi o primeiro presidente do Consello da Cultura Galega e antecesor nese cargo do propio Filgueira.


DE LECTURA OBRIGADA:


- XFV: VII-ADRAL, A Coruña, do Castro, 1992, pp. 332-337.

- VV.AA.: ENCRUCILLADA, nº 162.

No hay comentarios: