jueves, 30 de julio de 2009

DANZA DAS ESPADAS DE CARRIL (III)




Algúns veciños de Carril interesáronse pola nosa reportaxe sobre a Farsa / Danza das Espadas e indicáronnos que na comitiva hai nenos e nenas moi noviños, que era necesario poñer un límite de idade mínimo para participar. Moitos dicían que deberan participar mozos e mozas a partires dos 16 anos e os máis cativos observar e aprender para que se siga mantendo na memoria esta antiga danza; pero, que hai que regulala un pouco. E a xente que sabe do asunto que investigue para que se respecte ao máximo a tradición e non se cometan certas aberracións. Para algúns é negativo que os mantóns se leven como "pareos" parece ser que non era así. Sobre as faixas moitos comentaban que habería que estudar cando se introduciron as de cor vermello e amarelo. Non deixaban de comentarnos un sinfín de detalles e facernos moitos comentarios.


Sen ánimo de polémicas, para seguir a manter a pureza da farsa habería que estudar e documentarse, que se busquen fotos antigas, artigos de prensa, documentos de todo tipo. Na parroquia e na confraría é posible que se atope algún tipo de documentación.


Mais, sobre todo, parabéns para o pobo de Carril.

video

miércoles, 29 de julio de 2009

DANZA DAS ESPADAS DE CARRIL (II)






Filgueira e moitos dos seus amigos e discípulos foron e son grandes defensores do patrimonio cultural e inmaterial de Galicia, constitúen un exemplo para todos nós. Filgueira era un intelectual de envergadura, sendo un modelo de científico humanista do que a nosa mocidade pode aprender moito. No seu tempo, Filgueira non puido disfrutar dos avances tecnolóxicos dos que gozamos hoxe; nembargantes, el fixo todo o posible e aproveitou os medios dos que dispoñía para publicar e dar a coñecer súa magna obra.
Despois deste breve limiar, porque nunca cansarei de valorar e tomar como modelo a Filgueira, imos retomar o tema da danza ou farsa das espadas de Carril, que tivemos a sorte de contemplar, unha vez máis, o pasado 25 de xullo de 2009, data tan significativa para todos os galegos. Esta vez, fixemos tomas fotográficas e videográficas desta antiga danza branca de carácter gremial e procesional, que ten un gran valor etnográfico e antropolóxico.
O pobo mariñeiro de Carril honra ao seu patrón, Santiago Apóstolo, ofrecéndolle como homenaxe dos homes de das mulleres do mar esta fermosa farsa, que souberon conservar como un tesouro de tempos ben antigos. A vila de Carril énchese de corido e beleza para ofertar esta reliquia, que é a Danza ou Farsa das Espadas, transmitida de xeración en xeración. De certo, é algo que non debe perderse e do que queremos deixar testemuña.
Compre estudar ben as orixes e formas da farsa para recuperar elementos que nos acheguen a como era nos seus inicios. Hai pouco recuperáronse os mantóns orientais de ricas e variadas cores. Habería que estudar ben como se colocaban. Sería interesante recuperar como era o antigo chapeu dos mariñeiros. Tamén habería que propagar o uso das zapatillas de esparto con fitas de cor vermella. Os danzaríns van todos unidos, collidos dunha fita fixada nas tres espadas, que dan nome á danza. Así, unido debe permanecer o pobo de Carril, transmitindo á mocidade as costumes dos devanceiros.
Sabemos que pola Asociación de Danzas Brancas estase a documentar ben esta farsa carrilexa, é necesario fixar ben a música, os ritmos, os pasos, a coreografía; investigar de cómo era e é esta danza para buscar a pureza e a fidelidade á tradición. Pero, sobre todo, parabéns as xentes de Carril que tan ben souberon conservar ao longo do tempo esta senlleira danza mariñeira.

video

viernes, 24 de julio de 2009

A DANZA DAS ESPADAS DE CARRIL







Filgueira era un namorado da cidade de Santiago de Compostela e de todos os temas relacionados co Apóstolo e cos camiños de peregrinación a Compostela. Incluso escribiu un libro: “EL LIBRO DE SANTIAGO”, dedicado a temas composteláns, foi moita a ilusión e moitos os traballos que adicou á capital xacobea e que os santiagueses souberon valorar e premiar, otorgándolle unha medalla de ouro da cidade e dedicándolle unha rúa. En Santiago viviu e exerceu a docencia un gran seu amigo, compostelán de adopción, Antón Fraguas Fraguas, de tan grata lembranza para todos.
Nós, hoxe, imos falar de Santiago, de Santiago de Carril; pero, fixándonos nun dos aspectos máis chamativos desta parroquia arousana, que está nun lugar preminente da chamada ruta marítima xacobea, como é a súa antiga Danza das Espadas, danza procesional, realizada todos os 25 de xullo na honra do apóstolo Santiago.
Esta danza, catalogada dentro das chamadas danzas brancas (pola cor da vestimenta dos participantes), é executada polos entusiastas veciños desta vila mariñeira, que perpetúan no tempo a herdanza deste patrimonio inmaterial recibido dos devanceiros.
Son varios lugares de Galicia que comparten a realización de distintas variantes destas chamadas danzas brancas, como a danza das espadas e as penlas en Redondela, na provincia de Pontevedra hai outras vilas con danzas destas características, como, ademais das xa citadas, as de Marín, Cangas, Ponteareas, Baiona, Dena-Meaño,... sen ser exhaustivos e por mencionar algunhas das vilas máis importantes no que se produce este feito etnográfico e folklórico de orixe gremial, en moitos casos relacionados co mundo mariñeiro.
En Carril, a danza tamén se coñece como farsa, e é representada por un grupo de homes en número que vai dos trinta a cincuenta individuos. (Rencentemente, incorporáronse á comitiva da farsa tamén mulleres). Parece ser que comeza a representarse esta danza procesional na data de 1666 ou incluso antes. Os danzantes van vestidos con pantalón e camisa brancos, a camisa coa estampación da cruz vermella de Santiago, tamén levan faixas de distintas cores, tradicionalmente, ían calzados con alpargatas de esparto que levaban unhas cintas vermellas e cubrían a cabeza cunha boina negra (antes levaban un chapeu típico dos mariñeiros). Infórmanos o noso amigo, Carlos Rey Cebral, tan versado en temas etnográficos e folklóricos, que os mantóns de orixe oriental, que levaban antigamente os mariñeiros que participaban nesta danza, levábanos desde a ombreira e cruzados por riba da camisa branca, podían levar un ou dous, neste caso superpoñéndose un ao outro.
A representación comeza no adro da igrexa parroquial, a saída da procesión do santo patrón, os farsantes fan unha xenuflexión diante da imaxe do santo e arrinca así a farsa, que é acompañada por un toque peculiar e típico das castañolas que tocan os acompañantes dos espadachíns. Os danzantes fan varias figuras, como as do caracol ou a estrela, para rematar cun acto simbólico no que o párroco pasa por riba das espadas debidamente colocadas no chan, a continuación pasan por debaixo das andias que portan a imaxe de Santiago Apóstolo. Despois da danza, o grupo de farsantes acompaña ao Apóstolo durante a súa procesión polos principais lugares da vila carrilexa, tamén van na comitiva un grupo de xigantes e cabezudos.
É un espectáculo digno de ser comtemplado, é outro aliciente máis para achegarse a vila mariñeira de Carril, que conta con inmellorables paisaxes, unha excelente gastronomía e con bos servizos de hostelería.
Lembramos a famosa cantiga, que todos os arousáns aprendemos e cantamos desde pequenos:

Se vas a Carril, nada máis chegar,
verás Cortegada deitada no mar.
Deitada no mar, mirando para ela,
van os mariñeiros en botes de vela.

PARA CONSULTAR:

AA.VV.: “Danza” en DICCIONARIO ENCICLOPÉDICO GALEGO UNIVERSAL. Tomo 20. Vigo, Ir Indo, 2003, p. 45.

FRAGUAS FRAGUAS, Antón: “DANZA”. En GRAN ENCICLOPEDIA GALLEGA. Tomo 8. Silverio Cañada, Vitoria, 1974, pp. 223-226.

XFV: "AS PENLAS DE REDONDELA" en ADRAL. A Coruña, do Castro, 1979, pp. 148-151.

video

viernes, 17 de julio de 2009

TEÑO UN BARCO DE XOGUETE


É ben sabida a atracción que Filgueira e os seus amigos Fermín Bouza Brey e Antón Fraguas sentían pola Antropoloxía cultural e social e pola Etnografía. Gusto que transmitiron aos seus discípulos, por tan só citar a un dos máis próximos, como é Xosé Fuentes Alende. No momento actual, en Vilagarcía, podemos citar ao noso benquerido amigo e condiscípulo, Carlos Rey Cebral, persoa interesantísima, que debía ser mellor tratada e considerada polas autoridades culturais. Pero, xa sabemos para que se utiliza moitas veces a cultura, para ser instrumentalizada.
Despois de citar a algunhas persoas valiosas no campo da Antropoloxía, conxeturar que hoxe os nenos e a mocidade pasan moito tempo con tecnoloxías que inducen á pasividade e á comodidade e que os alonxan de practicar artes que promoven a manipulación de certos materiais e favorecen a creatividade.
Non refugamos das chamadas TIC; pero, queremos sinalar que non hai que deixar de lado outras cousas como o debuxo e a pintura, a música, a arte de ler e de escribir…
A nenez do noso país dos anos 50 e dos anos 60 do pasado século XX, sobre todo a pertencente ás clases populares, era quen de fabricar e de utilizar moitos dos xoguetes cos que se divertían grandemente.
Vou narrar unha miña experiencia vital sobre este asunto, vivida na década dos 60 por moitos nenos e nenas de Caldas de Reis. Pois ben, aquelas criaturas collían cascas de piñeiros e con navallas e coitelos traballaban e esculpían nesas cascas barcos que logo poñían a navegar polo chamado río Pequeno na vila termal. Hoxe xa poucos tramos quedan dese río e seguramente, case ningún neno fai con cascallos de piñeiro un fermoso barco, que botar a navegar cos dos outros compañeiros nun río calquera.
Remato esta fermosa anécdota da infancia cuns non menos fermosos versos de Manuel María, tal como eu os recordo:

Teño un barco de madeira
nel me quero embarcar.
Polos mares dos meus soños
quen me verá navegar!

No libro editado por Xosé Fuentes Alende (2008), do que xa temos falado noutra entrada, nas pp. 73-74, indícansenos outras maneiras artesanais de como os rapaces facían barcos aproveitando todo tipo de materiais e poñendo en xogo a imaxinación, a creatividade, e diríamos, a economía de medios.

jueves, 9 de julio de 2009

ROMA, CIDADE IMPRESIONANTE









Tiña moita razón Filgueira cando na súa acción docente e directiva propoñía e efectuaba co seu alumnado múltiples viaxes, tanto por Galicia e España como polo estranxeiro.
Viaxar é coñecer, entrar en contacto con nova xente, con outras culturas e costumes. Viaxar faite máis rico por medio de novas experiencias, novos contactos. Ábreche o corazón e a mente para poder apreciar arte, sociedade e historia doutros países. Viaxar fainos cidadáns do mundo, recoñecendo que pequeno é; e ao mesmo tempo, que grande. Como curiosidade e como anécdota simpática constatar que onde queira que vaias sempre atoparás a alguén coñecido.
Roma é unha cidade abraiante, en calquera recuncho atopas arte, historia; podes empaparte, mesmo podes darche unha enchenta de cultura en moi pouco tempo e espazo; sen dúbida algunha, é o berce da nosa civilización.
É unha cidade sorprendente nada máis chegar. O tráfico é caótico, cruza ou pasa o primeiro que chegue ou o máis forte. Pero, semella un caos controlado, pois os choques son escasos. Eso si, os peóns teñen que extremar as precaucións; mais, hai que facer como os romanos, cruzar en vermello e non amosar debilidade.
Non é preciso enumerar toda a riqueza artística que atesoura, máis de novecentas igrexas, a cada cal máis fermosa, pazos, ruínas de diversos momentos históricos, testemuñas senlleiras do seu glorioso e influente pasado. Eu propoñería como imprescindibles a visita ao Coliseo, ao Foro e Museos Palatinos. Tamén os Museos Capitolinos. A visita pausada á Basílica de San Pedro no Vaticano, os Museos Vaticanos e contemplar de vagar, saboreando e gozando a increíble fermosura da Capela Sixtina. Tampouco me perdería por nada do mundo contemplar despazo en San Pietro in Vincoli o Moisés do divino Miguel Anxo.
En Roma quedas embriagado, saturado, asombrado de tanta arte e historia. Filgueira foi viaxeiro, sabía ser un bo gourmet, comía e bebía non tan só dende o aspecto gastronómico, que tamén, senón de degustar, saborear e dixerir a historia, a arte, a cultura. Facendo boa a máxima de ENRIQUE JARDIEL PONCELA: “Viaxar é imprescindible. E a sede de viaxe un síntoma neto de intelixencia”.

viernes, 3 de julio de 2009

AQUELES TRISTES SUCESOS DE XULLO DO 36












As desavenencias persoais e familiares son algo que se debe evitar e todos debemos poñer o que estea nas nosas mans para non provocar conflictos. Ou unha vez, desencadeados debemos saber xestionar as situacións conflictivas. Temos que construirnos como persoas de paz, para seres sementes de concordia e persoas positivas que aporten algo á sociedade.
Esa harmonía persoal, familiar debemos transmitila a nivel social. Hoxe fálase moito no mundo do ensino da resolución pacífica dos conflictos e de saber xestionalos, porque na vida sempre poden xurdir, e ata é bo que xurdan, pero teremos que xestionar e buscar solucións humanas e racionais.
Despois desas verbas introductorias que poñen como ideal a xestión e a resolución pacífica de conflictos, foi algo que por razóns complexas e múltiples non se soubo ou non se poido facer na España de xullo de 1936.
A modo dunha síntese moi simplista, pero que non adolece de certa verdade, é que en España non foi posible a paz a partires de 1936, senón antes; porque no mundo xestábase un conflicto, máis ou menos larvado naquel tempo, entre tres grandes forzas que trataban de afacerse co poder hexemónico no planeta, esas forzas en pugna crecente eran: o capitalismo, o marxismo, e o fascismo. Esa loita polo poder e pola influencia alimentan a Guerra Civil en España. Logo pasou o que pasou e as consecuencias de todo aquel embrollo internacional aínda o estamos a pagar agora.
O século XIX, tamén moi sanguinolento en España, primeiro co conflicto bélico coas tropas napoleónicas, co trasfondo da loita intestina entre o liberalismo e o conservadurismo, seguindo coas sucesivas guerras civís ou carlistas, coas revolucións industriais, coa irrupción da clase traballadora ou proletariado e os seus conflictos co capital configuraban o que había ser o século XX.
No conflicto do 36 en España non só eran os españois os que pelexaban entre si, intereses internacionais estaban en xogo. A globalización non é un invento de agora, a interdependencia de todo o que sucede, dalgún xeito nos afecta a todos. Quenes estaban detrás dos golpistas na España do 36?
Oxalá que tanto a nivel nacional como internacional aprendamos da Historia e xestionemos a vida económica, social e política con outras actitudes máis pacíficas e solidarias. A ver se conseguimos que o home non sexa a peor besta para o home.
Dende o bando capitalista, nunha prestixiosa revista como a THE NATIONAL GEOGRAPHIC MAGAZINE, dedícase unha reportaxe á turbulenta España en outubro de 1936, do que nas imaxes damos conta. Cos tópicos de sempre sobre o noso país, indícase como a guerra nos cambia a vida, da esperanza de melloras económicas e culturais, os sucesos do 36, sumiran ao noso pobo na máis absoluta das miserias. Nunca as guerras melloran nada, só traen destrucción e dor. Por eso, faise urxente en que aprendamos a resolución e xestión pacífica dos conflictos para construir entre todos un mundo novo, penso que paga a pena intentalo.