jueves, 9 de julio de 2009

ROMA, CIDADE IMPRESIONANTE









Tiña moita razón Filgueira cando na súa acción docente e directiva propoñía e efectuaba co seu alumnado múltiples viaxes, tanto por Galicia e España como polo estranxeiro.
Viaxar é coñecer, entrar en contacto con nova xente, con outras culturas e costumes. Viaxar faite máis rico por medio de novas experiencias, novos contactos. Ábreche o corazón e a mente para poder apreciar arte, sociedade e historia doutros países. Viaxar fainos cidadáns do mundo, recoñecendo que pequeno é; e ao mesmo tempo, que grande. Como curiosidade e como anécdota simpática constatar que onde queira que vaias sempre atoparás a alguén coñecido.
Roma é unha cidade abraiante, en calquera recuncho atopas arte, historia; podes empaparte, mesmo podes darche unha enchenta de cultura en moi pouco tempo e espazo; sen dúbida algunha, é o berce da nosa civilización.
É unha cidade sorprendente nada máis chegar. O tráfico é caótico, cruza ou pasa o primeiro que chegue ou o máis forte. Pero, semella un caos controlado, pois os choques son escasos. Eso si, os peóns teñen que extremar as precaucións; mais, hai que facer como os romanos, cruzar en vermello e non amosar debilidade.
Non é preciso enumerar toda a riqueza artística que atesoura, máis de novecentas igrexas, a cada cal máis fermosa, pazos, ruínas de diversos momentos históricos, testemuñas senlleiras do seu glorioso e influente pasado. Eu propoñería como imprescindibles a visita ao Coliseo, ao Foro e Museos Palatinos. Tamén os Museos Capitolinos. A visita pausada á Basílica de San Pedro no Vaticano, os Museos Vaticanos e contemplar de vagar, saboreando e gozando a increíble fermosura da Capela Sixtina. Tampouco me perdería por nada do mundo contemplar despazo en San Pietro in Vincoli o Moisés do divino Miguel Anxo.
En Roma quedas embriagado, saturado, asombrado de tanta arte e historia. Filgueira foi viaxeiro, sabía ser un bo gourmet, comía e bebía non tan só dende o aspecto gastronómico, que tamén, senón de degustar, saborear e dixerir a historia, a arte, a cultura. Facendo boa a máxima de ENRIQUE JARDIEL PONCELA: “Viaxar é imprescindible. E a sede de viaxe un síntoma neto de intelixencia”.

No hay comentarios: