lunes, 30 de noviembre de 2009

HOMENAXE A LOSADA DIÉGUEZ NO LXXX ANIVERSARIO DO SEU PASAMENTO



Dentro dos actos en memoria de patróns, benfeitores, amigos e traballadores do Museo de Pontevedra falecidos, o 27 de novembro de 2009, ás 19:00 h., organizouse, no Salón de Actos do sexto edificio do museo, un acto na honra de Losada, co gallo do 80 cabodano do ilustre galeguista.
Na mesa presidencial atopábanse, Mª Teresa Pedrosa Silva, Vicepresidenta da Deputación Provincial; Xosé Carlos Valle Pérez, Director Artístico do Museo; Mercedes Losada Espinosa, Presidenta de Honra da Fundación Losada Diéguez; Eva Pardo, Concelleira de Cultura de Boborás e Presidenta da Fundación Losada Diéguez; Xusto Beramendi González, Catedrático de Historia Contemporánea da USC e membro da Fundación Losada Diéguez.
A Sra. Vicepresidenta dalle a palabra ao Dr. Valle, quen agradece a todos os asistentes pola súa presencia. Para logo lembrar que fai un ano homenaxeábase a Daniel de la Sota no L Aniversario do seu pasamento e hoxe conmemoramos os oitenta anos da morte dun ilustre galeguista, ámbolos dous teñen en común participar en tantas cousas e en tantos acontecementos transcedentais para Pontevedra e para Galicia nos anos vinte do século pasado, entre eles a fundación deste Museo en decembro de 1927. Nos antecedentes do Museo tivo moito que ver Losada Diéguez. O Museo é o que é grazas a patróns, benfeitores, amigos e traballadores. Hoxe, hai nunha das salas deste novo edificio, unha exposición sobre a moda das mulleres da burguesía pontevedresa de finais do século XIX e principios do XX, surtida de materiais propios do Museo, e moitos deses fondos son de doadoras como as irmás Mendoza Fabiano, descendentes do almirante Méndez Núñez. Grazas a figuras como Losada Diéguez, quen soubo aglutinar a xentes diversas, entre elas, Sánchez Cantón, Castelao, Filgueira,… quenes constituiron ao Museo e a Pontevedra en puntos referenciais. Non debemos tampouco de esquecer que Losada foi o primeiro presidente da Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra. Remata Valle Pérez lembrando a Pedro Rial López, membro do Padroado e Tesoureiro no primeiro cabodano do seu pasamento.
A Sra. Pedrosa cédelle a palabra ao Sr. Beramendi, historiador, quen comeza agradecendo a todos os asistentes e amosando a súa inmensa gratitude á familia de Losada Diéguez, que facilitou os seus labores de investigación, ao permitirlle acceder á valiosa documentación que se atopaba no Pazo de Boborás, moita dela inédita; por eso, fai este sentido recoñecemento previo á familia dun ilustre persoeiro polo que sinte un enorme respecto. E comenta que Losada foi impulsor e ideólogo do nacente galeguismo.
Losada naceu no Pazo de Moldes, concello de Boborás, en 1884 no seo dunha familia fidalga. Por medio dos seus proxenitores tiña relación coas comarcas de Moldes-Carballiño e da Estrada. Orfo de nai dende os catro anos, aos dez anos ingresa como interno no colexio dos xesuítas de A Garda, rematado o bacharelato fai estudos de Filosofía e Dereito en Deusto, nótase a influencia da Compañía de Xesús na formación das élites intelectuais, políticas e económicas. En 1902 remata os seus estudos en Deusto e deseguida comeza o doctorado na Universidade Central de Madrid, único lugar de España onde se podían facer estudos dese nivel. En 1905 doctorouse cun traballo sobre Calderón de la Barca e “La vida es sueño”, dita tese sería publicada en 1910.
Entre 1907 e 1909 intégrase en Galicia no bizoso movemento agrarista, na versión social-católica do agrarismo. O agrarismo era unha realidade plural. Losada era un católico militante, seguidor da doctrina social da Igrexa, relanzada coa encíclica RERUM NOVARUM de León XIII.
O tío de Losada, Manuel Diéguez Arias, funda sindicatos agrarios nas comarcas de Boborás, A Estrada, Val-Miñor. El comeza a militar no Carlismo, chamado daquela Xaimismo (porque o pretendente era D. Xaime). En 1915 participa de esguello no carlismo, participando en mitíns, publicando escritos, aparece xa como un intelectual comprometido.
Buscando un modus vivendi, atópao no ensino e no ano 1910 exerce como profesor auxiliar universitario do catedrático da USC, Armando Cotarelo Valledor. Prepara cátedras a instituto na especialidade de Filosofía e por fin, despois de varios intentos, gana en 1913 a cátedra do instituto de Santa Cruz de Tenerife que permuta pola praza de Toledo, que ocupa durante o curso 1913 / 1914. Ao ano académico seguinte trasládase a Ourense, onde coñece a un grupo de mozos un tanto “snobs”, Otero, Risco, este ocupado en temas teosóficos e esotéricos e interesado tamén polo orientalismo, temas moi alonxados das preocupacións e da ideoloxía de Losada; por eso, non publica na revista CENTURIA, sostida por Risco. A vocación intelectual e culta de Losada lévao a ocupar cargos directivos no Ateneo ourensán.
En 1917 casa, aínda que a súa primeira muller morre moi nova deixándolle un filliño.

En 1916 fúndase na Coruña a I Irmandade da Fala, xurdindo posteriormente Irmandades en Santiago, Ourense, Monforte,… Quen conecta a Losada coas Irmandades é Luis Porteiro, quen tamén fora profesor auxiliar universitario, en Compostela coincidiron e fixéronse amigos, malia as diferencias ideolóxicas, Porteiro era republicán e krausista. En 1918 morre prematuramente Porteiro, víctima da pandemia da gripe. Losada incorpórase a este nacente movemento, composto por rexionalistas, galeguistas, nacionalistas. As Irmandades son un mundo fluído e variado nos seus dous primeiros anos. A Igrexa intenta que sexan un instrumento político que defenda os seus intereses; por eso, Herrera Oria mantén contactos con Losada, quen era unha figura importante do movemento. As Irmandades manteñen relacións coa Lliga de Cambó. Losada publica os seus primeiros escritos en galego. As Irmandades comezan un monolingüismo galego, coas publicacións de A NOSA TERRA e a recuperación do TÍO MARCOS DA PORTELA. Nas eleccións xerais de febreiro de 1918, as Irmandades participan no proceso electoral en alianza coa Lliga de Cambó, aínda que as Irmandades non conseguen ningunha representación. Losada presentarase como candidato pola circunscrición da Estrada para darlle batalla ao omnipresente Marqués de Riestra. Polo Carballiño, preséntase, apoiado por Losada, o seu amigo, José Calvo Sotelo, quen principia así a súa meteórica carreira política, e quen o diría da man de Losada Diéguez, cantas voltas da a vida!
Na I Asemblea das Irmandades en Lugo, triunfan as teses nacionalistas, o que implica unha ruptura, retirándose os social católicos, agás algúns, como o máis prestixioso, Antón Losada Diéguez. Para el, unha das esencias da galeguidade e o Cristianismo, tal como continuarán a propoñer dous dos seus máis grandes amigos, Risco e Otero Pedrayo. Losada foi o causante de que entraran no galeguismo e no nacionalismo os membros do grupo Nós, como Risco, Cuevillas, Noguerol, Otero. Nas Irmandades da Fala, Losada defende a postura tradicional católica. Na IV Asemblea, celebrada en Monforte, prodúcese a ruptura definitiva do movemento.
Atopamos a Losada no Instituto de Pontevedra en 1919, comparte docencia nesa institución con Castelao. Pero o seu labor de sementeira, que lle era tan grato continúao na súa casa, alí hai unha Xuntanza de Historia e de estudos científicos, que sería o sérmolo do Seminario de Estudos Galegos; entre outros, asitían a dita Xuntanza, dous bos e queridos estudantes, Filgueira e Fraguas.
Losada seguía coa súa activa militancia católica, por medio da presidencia do Círculo Católico de Pontevedra, a súa pertenza a agrupación denominada, DEUS FRATESQUE GALLAECIA, a dirección da revista ALBORADA (1922).
E chegamos ao punto en que Losada, Risco, e o propio Vilar Ponte atópanse vencellados coa dictadura de Primo de Rivera; pero, pola promesa de Primo de Rivera e do seu ministro, Calvo Sotelo de crear a Mancomunidade Galega, que suporía un certo grao de autonomía para Galicia, por eso, Losada se integra na Deputación de Pontevedra, que abandonaría decepcionado polo incumplimento da promesa por parte dos responsables da dictadura.
Participa nas iniciativas fundacionais da Coral Polifónica de Pontevedra e do Museo da mesma cidade, e aínda lle queda tempo para fundar en 1926 o Club de Fútbol Eiriña. Era un ser excepcional, a idea da revista Nós é súa, aínda que Risco sexa o responsable da palabra e Castelao do debuxo.
Losada faleceu o 15 de outubro de 1929.
Servan estas miñas verbas para homenaxear a un home bo e honesto, que tanto fixo por Galicia.
Cédelle, a Vicepresidenta da Deputación, o uso da palabra a dona Mercedes Losada, filla do homenaxeado, quen di que recorda ao seu pai, como un pai cercano, agarimoso, quen no seu legado, pídenos aos seus sucesores que traballemos por Galicia, por unha Galicia cristiá.
Lembro ao meu pai en dous ambientes distintos, en Domaio, cando iamos aos baños na praia, que a min non me gustaban nada. Papá facía uns exercicios, facía ximnasia antes de se bañar e botábase auga na caluga, antes de entrar na auga, dicía que era bo. Logo, en Moldes, na sega. Alí na cociña cantaba e tocaba o violín, un vello violín que aínda o temos en Boborás. Pero, as lembranzas esmorécense, eu apenas tiña sete anos. O último ano, cando xa estaba moi maliño, comía con dificultades e a miña nai axudáballe a engulir as croquetas, facíao con moita incomodidade.
Na recuperación democrática, fun descubrindo a súa personalidade e as súas grandes inquedanzas culturais.
O seu galeguismo viña do seu amor á Terra. Non era un mozo de pazo, como dicía Otero; se así fose, só lle preocuparían as superficialidades. Destacaría a súa fonda espiritualidade, acudía á oración en momentos de dificultades, el viviu momentos tráxicos, como a morte da súa primeira muller, unha fermosa mociña de vinteún anos.
O seu afán pola cultura e pola mocidade, el quería, como digo eu nunha miña poesía que vou ler, deixar rastro / deixar pegada; ser rastro / ser pegada. Nun acróstico, tamén me lembro del. E remata dona Mercedes Losada Espinosa con estes versos:

Terra Nosa esperta
a un ledo amañecer.

Pon fin a este acto, Mª Teresa Pedrosa, quen subliña o esforzo de tantas persoas para deixar unha herdanza tanxible e palpable, como é esta do Museo. O seu traballo está máis presente que nunca, como o traballo activo de Losada, quen fora vogal do primeiro Padroado do Museo. Para todos o noso máis sincero agradecemento.

jueves, 26 de noviembre de 2009

UNHA VIAXE POR GALICIA EN 1842 (II)








Escollemos agora outra lámina de Gil Rey, recollida nun artigo de Xosé Filgueira Valverde, que representa o entorno da ponte sobre o río Bermaña en Caldas de Reis, no que se coñece actualmente como o campo da Torre, porque alí se atopaba a fortaleza medieval dos condes de Traba, popularmente coñecida como a Torre de dona Urraca, lugar onde naceu o seu fillo o rei Afonso VII, quen chegaría a ostentar a dignidade de emperador. De aí vén o complemento “de Reis”, que se pospón ao nome de “Caldas”, que ten a súa orixe nos mananciais de auga termal desta fermosa vila pontevedresa por onde transcorre, no seu curso medio, o senlleiro río Umia, que desemboca na ría de Arousa, nas Terras do Salnés. O Umia ten como afluente ao río Bermaña, que forma un recuncho ben fermoso coa ponte, co cruceiro e coa fonte, que alí hoxe podemos contemplar; só falta a fermosa Torre, “destruída por inconscientes” no século XIX, tal como rezaba nun pe de foto, que se atopaba complementando unha instántanea daquela triste efémeride destructiva, e que se conserva no encantandor Hotel Balneario Dávila, onde eu a observei, nun dos seus corredores.
O que non cabe dúbida, é que se atopaba alí, en 1842, a maxestuosa Torre de dona Urraca. Hoxe lamentamos a súa perda e a súa ausencia, moitas das súa pedras serviron para a construcción doutros edificios como a igrexa parroquial de Santo Tomás, nun dos seus muros está incrustada a fermosa ventá medieval, orixinal da ausente torre do Campo da Torre da vila caldense.






WEBS DE INTERESE:












martes, 17 de noviembre de 2009

UNHA VIAXE POR GALICIA EN 1842 (I)








Sempre é unha ledicia visitar as instalacións do Museo de Pontevedra, depósito animado da nosa cultura. Ese ser vivo que é o Museo, sempre en crecemento, sempre mellorando foi obra fundamentalmente de dúas persoas entusiastas da cultura galega, de dous dos nosos máis grandes intelectuais e eruditos polígrafos de todos os tempos, D. Casto Sampedro y Folgar e D. Xosé Fernando Filgueira Valverde. Hoxe o Museo sigue a súa senda, porque está xestionado por discípulos dos dous personaxes anteriores; falo esencialmente, de Xosé Carlos Valle Pérez e de Xosé Fuentes Alende, que manteñen o espírito e o estilo museístico dos seus admirados mestres. É unha magnífica noticia o "récord" de visitantes que está acadando este templo da sabiduría, que temos na capital da provincia pontevedresa. Animo a todos a visitar asiduamente o noso Museo e a participar nas numerosas actividades que programa ao longo do ano.
Estando o outro día na Biblioteca do Museo, atopeime, ollando a edición facsimilar da revista MUSEO DE PONTEVEDRA, concretamente o tomo IV, publicado inicialmente en Pontevedra en 1946, nas páxinas da 105 á 117, cun artigo moi interesante de Xosé Filgueira Valverde titulado “Apuntes de un viaje por Galicia de Ramón Gil Rey (1842)”, que me chamou moito a atención. Particularmente, sorprendinme con algunhas láminas deste traballo que reproducen uns debuxos paisaxísticos dese viaxeiro do século XIX. Os debuxos son magníficos, case fotográficos. En concreto fixeime en tres desas láminas, que reproducen lugares moi queridos para min. Hoxe, vou comentar unha delas e ofrecerei unhas fotos actuais máis ou menos co mesmo enfoque que ese debuxo decimonónico, para comparar e admirar a fidelidade da estampa paisaxística e poder observar os cambios producidos.
A lámina que recollemos hoxe, representa o conxunto monumental do entorno do Pazo de Vista Alegre en Vilagarcía de Arousa. Nese debuxo, podemos observar a igrexa conventual de San Cristobo, o convento de Vista Alegre ocupado daquela e hoxe por unha comunidade de monxas agustinas recoletas. Tamén podemos observar o Pazo dos marqueses de Vilagarcía. Arredor atopábanse as marismas da Xunqueira, hoxe practicamente desecadas. É curioso ver que dende o arco que une o convento co pazo había un estreito sendeiro, que se pode observar tamén nun cadro antigo que había colgado na antesala do despacho da alcaldía de Vilagarcía, representando épocas antigas, no que existía ese mesmo sendeiro que unía o convento coa igrexa parroquial de Santa Baia de Arealonga, ata onde chegaba o mesmo mar. Tamén chama a atención na lámina, un hórreo en primeiro plano, tendo nos extremos do cumio as figuras de cabezas humanas. Pódese observar algún piorno máis. Agás o entorno, o conxunto monumental chegou case intacto ata nós. Podemolo comprobar grazas ao realismo e á fidelidade do debuxo, que case semella unha fotografía do ano 1842.
A igrexa de San Cristobo e o convento das monxas agustinas de clausura datan do século XVII, máis concretamente de 1648, ano en que foron fundados polo arcebispo de Santiago de Compostela, don Fernando de Andrade e Sotomayor, nacido en Vilagarcía de Arousa e fillo dos marqueses de Vilagarcía, donos do Pazo de Vista Alegre, o pazo e o convento intercomunícanse cun pasadizo, que exteriormente forma o arco xa citado. A este eclesiástico vilagarcián, fillo preclaro da vila, tamén se debe a construcción da igrexa parroquial de Santa Baia de Arealonga. Tanto no conxunto monumental de Vista Alegre como na igrexa de Santa Baia de Vilagarcía atopamos os escudos do arcebispo Andrade e do marquesado de Vilagarcía.
Debemos ser celosos coidadores do noso patrimonio monumental e histórico, tal como o eran D. Casto e D. Xosé, e respectar o pouco que nos queda e non deixar de lamentar á piqueta destructora tan usada por políticos e cidadáns inconscientes que nos privaron e aínda nos privan do desfrute de tantos bens históricos e culturais.

viernes, 6 de noviembre de 2009

FELIZ NOTICIA DA RESTAURACIÓN DA ZARZUELA "A LENDA DE MONTELONGO"




Limos hai uns días na prensa diaria unha nova que nos encheu de ledicia: os labores de reconstrucción dunha das poucas zarzuelas que existen en lingua galega, tratase de recuperar A LENDA DE MONTELONGO co fin de poder proceder a súa representación.
Sería moi importante que dita empresa se coroase con éxito. Da dita zarzuela o libreto foi escrito por Manuel Rey Posse e Juan Buhigas Olavarrieta, dous personaxes dignos de ter en consideración na historia cultural de Vilagarcía de Arousa e mesmo de Galicia. A música foi da autoría de outro persoeiro importante en Vilagarcía, o mestre Bernardo do Río. Estes tres autores deberan ser máis coñecidos e valorados para espallar o seu inmenso traballo cultural.

Hoxe, ímonos centrar na figura do citado en primeiro lugar, Manuel Rey Posse (1890-1952), avó dun grande amigo e condiscípulo, o coñecido folclorista e gaiteiro vilagarcián, Carlos Rey Cebral, quen herdou do seu avó a vea artística e humorística. Rey Posse foi un artista total: gran tallista, debuxante, pintor, compositor, letrista e escritor; animador cultural da Vilagarcía das décadas dos 20 e 30 do pasado século XX, sobre o que xa temos escrito en máis dunha ocasión, pois paga a pena.

D. Manuel escribíu famosos e recoñecidos apropósitos, moitos deles representados e estreados en Vilagarcía, Santiago, incluso en Arxentina,… Xunto cos amigos citados e con Ricardo Urioste animaban culturalmente e enriquecían artísticamente a Vilagarcía doutros tempos.

O seu pai era constructor e as esculturas representando a dous leóns que se atopan hoxe á entrada da Casa do Concello de Vilagarcía foron esculpidos coa súa colaboración, estas esculturas noutrora estaban situadas no chamado Bosque dos Desamparados da vila arousá. A imaxe pétrea de San Pedro que encontramos na fachada da igrexa parroquial do barrio de Cornazo, en cuxo cimiterio está soterrado, é tamén da súa autoría. Así mesmo, facía plumiñas e acuarelas que se atopan espalladas en coleccións particulares, poidemos observar algunhas destas obras grazas ao recente e tristemente falecido ilustre letrado, José Luis Sobrido, obras da súa propiedade e que el gardaba como ouro en pano no seu domicilio e despacho profesional.

Rey Posse foi mestre do gran ebanista, pintor e artista, o lembrado, Rivas Briones. Pouco tempo antes de morrer, o artista, Manuel Rey Posse viña de restaurar a imaxe de San Agostiño que sae en procesión acompañando á popular Santa Rita polas rúas de Vilagarcía de Arousa o día 22 de maio.

Pero, por que falo deste letrista da Lenda de Montelongo, porque pensamos que Vilagarcía debera facerlle xustiza e homenaxealo como el é merecente. Vai anos, sendo concelleira de Cultura do Concello de Vilagarcía, Ramona Castaño e estreándose como técnico desa mesma concellería, Xabier Camba, fixeramos algunhas propostas, nunca cumpridas, na honra de Rey Posse, como foron as seguintes: convocar un concurso de creación teatral co seu nome, reconstruir e restrear a LENDA DE MONTELONGO, facer unha edición facsimilar da súa obra completa, organizar unha exposición coas súas pinturas e esculturas. Todo quedou nuns proxectos esquecidos. Por eso nos aledamos, agora, coa posibilidade da reconstrucción e da restrea da LENDA DE MONTELONGO. Xa vai sendo hora.
Agora tamén se nos ocurre a idea de que o Concello de Vilagarcía de Arousa debera poñerlle o nome de Manuel Rey Posse a algunha rúa ou praza principal da cidade; pensamos que foi un personaxe inesquecible, grande fortuna para os nosos pais e avós que tiveron a sorte de coñecelo e de disfrutar da súa obra cando aínda estaban vivos.