martes, 17 de noviembre de 2009

UNHA VIAXE POR GALICIA EN 1842 (I)








Sempre é unha ledicia visitar as instalacións do Museo de Pontevedra, depósito animado da nosa cultura. Ese ser vivo que é o Museo, sempre en crecemento, sempre mellorando foi obra fundamentalmente de dúas persoas entusiastas da cultura galega, de dous dos nosos máis grandes intelectuais e eruditos polígrafos de todos os tempos, D. Casto Sampedro y Folgar e D. Xosé Fernando Filgueira Valverde. Hoxe o Museo sigue a súa senda, porque está xestionado por discípulos dos dous personaxes anteriores; falo esencialmente, de Xosé Carlos Valle Pérez e de Xosé Fuentes Alende, que manteñen o espírito e o estilo museístico dos seus admirados mestres. É unha magnífica noticia o "récord" de visitantes que está acadando este templo da sabiduría, que temos na capital da provincia pontevedresa. Animo a todos a visitar asiduamente o noso Museo e a participar nas numerosas actividades que programa ao longo do ano.
Estando o outro día na Biblioteca do Museo, atopeime, ollando a edición facsimilar da revista MUSEO DE PONTEVEDRA, concretamente o tomo IV, publicado inicialmente en Pontevedra en 1946, nas páxinas da 105 á 117, cun artigo moi interesante de Xosé Filgueira Valverde titulado “Apuntes de un viaje por Galicia de Ramón Gil Rey (1842)”, que me chamou moito a atención. Particularmente, sorprendinme con algunhas láminas deste traballo que reproducen uns debuxos paisaxísticos dese viaxeiro do século XIX. Os debuxos son magníficos, case fotográficos. En concreto fixeime en tres desas láminas, que reproducen lugares moi queridos para min. Hoxe, vou comentar unha delas e ofrecerei unhas fotos actuais máis ou menos co mesmo enfoque que ese debuxo decimonónico, para comparar e admirar a fidelidade da estampa paisaxística e poder observar os cambios producidos.
A lámina que recollemos hoxe, representa o conxunto monumental do entorno do Pazo de Vista Alegre en Vilagarcía de Arousa. Nese debuxo, podemos observar a igrexa conventual de San Cristobo, o convento de Vista Alegre ocupado daquela e hoxe por unha comunidade de monxas agustinas recoletas. Tamén podemos observar o Pazo dos marqueses de Vilagarcía. Arredor atopábanse as marismas da Xunqueira, hoxe practicamente desecadas. É curioso ver que dende o arco que une o convento co pazo había un estreito sendeiro, que se pode observar tamén nun cadro antigo que había colgado na antesala do despacho da alcaldía de Vilagarcía, representando épocas antigas, no que existía ese mesmo sendeiro que unía o convento coa igrexa parroquial de Santa Baia de Arealonga, ata onde chegaba o mesmo mar. Tamén chama a atención na lámina, un hórreo en primeiro plano, tendo nos extremos do cumio as figuras de cabezas humanas. Pódese observar algún piorno máis. Agás o entorno, o conxunto monumental chegou case intacto ata nós. Podemolo comprobar grazas ao realismo e á fidelidade do debuxo, que case semella unha fotografía do ano 1842.
A igrexa de San Cristobo e o convento das monxas agustinas de clausura datan do século XVII, máis concretamente de 1648, ano en que foron fundados polo arcebispo de Santiago de Compostela, don Fernando de Andrade e Sotomayor, nacido en Vilagarcía de Arousa e fillo dos marqueses de Vilagarcía, donos do Pazo de Vista Alegre, o pazo e o convento intercomunícanse cun pasadizo, que exteriormente forma o arco xa citado. A este eclesiástico vilagarcián, fillo preclaro da vila, tamén se debe a construcción da igrexa parroquial de Santa Baia de Arealonga. Tanto no conxunto monumental de Vista Alegre como na igrexa de Santa Baia de Vilagarcía atopamos os escudos do arcebispo Andrade e do marquesado de Vilagarcía.
Debemos ser celosos coidadores do noso patrimonio monumental e histórico, tal como o eran D. Casto e D. Xosé, e respectar o pouco que nos queda e non deixar de lamentar á piqueta destructora tan usada por políticos e cidadáns inconscientes que nos privaron e aínda nos privan do desfrute de tantos bens históricos e culturais.

No hay comentarios: