sábado, 27 de febrero de 2010

TEMPO DE CAMELIAS


















No meu pequeno xardín
contemplo abraiado
a fermosura das camelias,
na man un libro de poesía,
mentres lembro as notas harmónicas
e melodiosas da Rapsodia Arousá.

Arco da vella multicor,
cores de camelias
que me deixan extasiado.
Ladridos do meu can amigo
no meu recordo a enxebre música
e as verbas senlleiras
dos Seis poemas de mar
in modo antico.

Polifonía de cores
con fondo verde,
escintilar do sol
nos pétalos das camelias
que deitan as bágoas
da xeada
desta fermosa mañán
da invernía,
nun recuncho do Salnés.

Ollo ao lonxe
e segue Cortegada deitada no mar,
o vello petrucio, o Xiabre,
Medulio desexado
que orienta aos mariñeiros
desta Arousa occidental,
matria das
belidas e amadas camelias.

domingo, 21 de febrero de 2010

DÚAS ANÉCDOTAS DE MANUEL MARÍA, POETA





O poeta da Terra Cha, Manuel María (1929-2004), foi un dos primeiros que agasallaron á infancia galega cun memorable poemario: OS SOÑOS NA GAIOLA, do que eu fixen sempre unha gozosa utilización na escola. Aos nenos e nenas, cónstame polos moitos anos de experiencia, gústanlle especialmente os poemas deste fermoso libro en lingua galega.
Aínda que eu me lembro dunha anécdota vivida no curso 98/99, se non me falla a memoria, que nos pode amosar que un pode escribir marabillosamente para nenos e logo na realidade do contacto efectivo con eles, defraudar á infantil audiencia. Moitas veces, soe ocorrer que che gusta moito un libro e logo, ao coñecer ao autor podes quedar decepcionado.
Pois, nesa xa lonxana data, sucedeu que eu traballara durante todo un curso co fermoso libro citado e co disco homónimo do gran e recordado músico galego, Suso Vaamonde, quen musicara algúns dos poemas escritos por Manuel María. Os meus alumnos e alumnas daquela sabían recitar e cantar moitos daqueles fermosísimos poemas. Pois ben, no cole organizamos coa colaboración das Edicións Xerais de Galicia unha visita e un encontro do alumnado con Manuel María. As nenas e os nenos estaban ansiosos por celebrar aquel acto.
Manuel María, acompañado da súa esposa Saleta, escoitou o recitado e as cancións do alumnado reunidos con el e coa súa obra. De súpeto, un neno chamado Brais, hoxe un mozo, espontáneamente, espetoulle a Manuel María con moita ledicia e cun amplo sorriso (Brais era un neno moi vital e alegre):

- “Manuel María, me gustan mucho tus poemas”.

Ao tal oír, Manuel María (perdendo –creo eu- os papeis) enfadouse e botoulle unha retrónica a aqueles cativos impresionante sobre o uso da lingua galega e poñendo a caldo ao pobre Brais. Ignoraba Manuel María, que se trataba de alumnado de Educación Primaria e que Brais aínda non chegara a cumprir os sete anos e ademais vivía nunha zona de predominancia de castelán falantes e pouco favorable para a nosa lingua e a situación non se arranxaba con reproches. Brais non sei se foi moi consciente da perorata do insigne vate. O que si captou, foi que alguén a quen lle dixo algo agradable ; respostoulle de xeito irado, dándolle unha reprimenda.
Despois, deste insufrible e bochornoso momento de tensión, seguíu o acto, para rematala, con outra anécdota total, Carla, unha compañeira de clase de Brais, comezou a cantar o poema GALICIA, co que principiaba o libro; pero, cando aínda non rematara de cantalo, enlazou cantando HEIDI, MARCO (podedes maxinar a cara rara, de estrañeza do poeta). Tampouco se decatou de que a nena ao cantar o seu poema xunto a dúas cancións infantís, correspondentes a dúas series de TV moi famosas e populares e queridas pola infancia, o que lle estaba a amosar Carla ao poñer o seu poema no mesmo plano que esas dúas cancións, no seu plano dos afectos, estaba dicindo que valoraba e quería moito ese poema galego tan recoñecido e que o tiña moi asumido na súa mentalidade infantil. Esto debera ser un motivo de satisfacción para o poeta e non de rexeitamento e podería aproveitar o acto dun xeito positivo para que os nenos seguiran ampliando o seu amor pola poesía e pola lingua galega.
En fin, o acto estivo un tanto deslucido pola actitude incomprensible do poeta.
Claro, quizais non estaba acostumado ao trato cotiá cos nenos e nenas. El fora Procurador dos Tribunais e rexentara unha librería en Monforte de Lemos, a sensibilidade que amosou ao compoñer o libro, non a demostrou coa súa actitude persoal neste contacto directo coa infancia.

Foron dúas anécdotas que despois de tantos anos agroman na miña lembranza. Estiven noutras conferencias e actos para adultos protagonizados por Manuel María e a cousa foi diferente, recordo que foran unhas magníficas intervencións do escritor. Naturalmente, é ben distinto escribir para nenos que tratar con nenos, que manter un acto compartindo o tempo con eles en vivo e en directo. Tamén, ao mellor, o escritor non soubo contextualizar axeitadamente a súa actuación naquel acto.

A pesares de todo, o libro e o disco son marabillosos, recomendo, unha vez máis, a todos: OS SOÑOS NA GAIOLA.

(Nas imaxes un meu debuxo, retratando ao poeta, e un autógrafo de Manuel María daquel memorable e inesquecible día).

domingo, 14 de febrero de 2010

HAI FUTURO?



Moitos agoireiros, pesimistas, intelectuais elucubradores comentan que non hai futuro xa que fracasou o socialismo, fracasaron os reformistas (socialdemócratas), que o capitalismo está esgotado, en situación agónica, dando os seus últimos estertores…
Xa foi a fin da historia, a civilización occidental finou, o imperio yanqui está a piques de ser suplantado, fracasou a especie humana que conducíu ao planeta ao exterminio. Que nos queda? Diante deste panorama de catástrofe, que facer? Nada? Fágase o que se faga a fin é inminente?
Tranquilos, esto mesmo ou parecido xa pasou. Desde que o home chegou á Terra esa mesma historia, esa visión de desastre repítese unha e outra vez. Cantos imperios caeron? Cantos futuros deixaron de existir?
Xesús de Nazaret dixo: AOS POBRES SEMPRE OS TEREDES CON VOS. Esto, entre outras cousas, quere dicir, problemas sempre os haberá, os futuros acabaranse. É como o mito de Sísifo, volver a empezar. Problemas sempre os teremos, futuros incertos sempre existirán. Que facer?
Xestionar os problemas para minimizalos, construir e buscar novos futuros. Ser previsores e ter visión ampla para cando veñan os tempos de vacas fracas, que virán. Na Terra, planeta sempre en permanente cambio, en evolución, en crise continua, como a vida mesma, cantas civilizacións houbo? Cantas quedan por vir? Que foi dos dinosauros? Lembremos tantos imperios que foron e xa non son, imperio tras imperio: sumerio, acadio, babilónico, exipcio, grego, romanos, os bárbaros (…), azteca, maia, inca, hindú, chinés, do sol,…
É a roda da vida, do tempo que xira e xira e non se detén. Misterio do cosmos, espazos, coordenadas de tempos, universo ou universos, que sabemos nós de futuros? En realidade non sabemos da misa nin a metade siquera.
Mentres existan uns namorados en calquera recuncho do cosmos, nazan criaturas, unha flor, un neno, unha moza escriba un poema, algún ser humano berre deseperado clamando xustiza, unha bacteria acubille na materia e o pó das estrelas navegue polos universos; hai futuro, hai futuros.

domingo, 7 de febrero de 2010

AROUSA E O MAR











O mar ten unha noiva
Nas terras agarimosas de Arousa,
A brisa do monte Lobeira
Que collida polo vento mareiro
Bica ó noso mar garrido.

Ten ciumes desta brisa
A marusía do Meda
Que quere tamén bicar
Do mar as súas meixelas.
Raparigos do lugar
Tamén queren agarimar
Ás belidas mozas desta Terra.

A Ría ten uns lunares
Que fan fermoso o seu rostro,
Moi preto de nós
Ten ás Malveiras
E outro e grande lunar
Moi belido e moi ben posto,
Cortegada quédalle ben
Á faciana de Arousa.

Esta terra ten uns peitos,
Á altura de Vilagarcía
Son os picos do Xiabre
Que manan a súa ambrosía,
Que alimentan ós seus deuses
E ós seus mariñeiros guían.

O embigo é o Lobeira
Onde unha nena tristeira,
Chamada Urraca, a inqueda,
Mira con melancolía
Toda a paisaxe da Ría.
Os suores deste corpo tan bonito
Baixan polos regos
Do Umia, do Con, do Ulla,
O seu arrecendo percorre
Con pétalos de camelias
O fértil corpo de Arousa.

E así de tanta galanía
Quedei prendido do corpo
Máis fermoso que atopei,
Para sempre namorado,
Na súa compaña morrerei,
Non toparei moza máis fermosa
Que esta agraciada terra de Arousa.
Xermán Torres, peirao de pasaxeiros de Vilagarcía, 17-02-2005