miércoles, 28 de abril de 2010

A QUE LLE DAMOS VALOR?

Certamente vivimos nunha permanente crise de valores, non é cousa nova. Uns valores desprazan a outros; o mundo e a sociedade cambian, estamos en constante evolución.
Non obstante, na sociedade actual hai actividades que están sobrevaloradas, sobredimensionadas. En concreto, quero referirme ao mundo do fútbol, penso que é cousa de tolos. Os deportistas, mellor, futbolistas de élite están desordenada e desaforadamente moi ben pagados. Eu non digo que o deporte, o fútbol teña o seu lugar, hai momentos e espazos para todo. Fronte aos mimados futbolistas (poderiamos dicir o mesmo dos grandes magnates financieiros, para máis inri, algúns verdadeiros delincuentes sen escrúpulos), atopamos profesionais e actividades mal pagadas e mal valoradas. Está ben contemplar a beleza dun gol de Messi. Pero, que sucede cun poema, cun cadro, cunha escultura ou unha peza musical? Profesionais tan necesarios como un cirurxián, un mestre, un profesor, unha ama de casa... para o presente e o futuro da Humanidade e que na maioría dos países están mal pagados e infravalorados. Neste caso, hai unha inversión de valores. Non valoramos na súa xusta medida o que deberamos valorar e estimar máis.
Apreciamos o ter en detrimento do ser. E esto ten unhas consecuencias nefastas a nivel persoal, social e mesmo para a supervivencia do noso mal fadado planeta Terra. O consumismo feroz, o crecemento insostible converten o noso mundo nun mundo inhabitable e inhumano.
Non somos quen de atopar a felicidade nas cousas sinxelas e próximas. Semella que non atopamos satisfacción no valor do traballo ben feito, da realización persoal e profesional. Deberamos disfrutar da familia, das amizades, da práctica activa das artes e dos deportes, na participación social, na contemplación da soberbia natureza, no compartir cos demais os ideais e a vida. Parece que fuximos, que temos présa, escapamos de nós mesmos... Cando sería tan facil vivir en plenitude, contruíndo a nosa felicidade a a dos demais, día a día, hora a hora, minuto a minuto. O goce da vida depende de nós mesmos, das nosas actitudes, da nosa escala de valores.

viernes, 9 de abril de 2010

INFANCIA VIVIDA (homenaxe a Caldas de Reis)











Aqueles anos 60! Vividos na querida e sempre lembrada vila termal, a vila de dona Urraca, a do emperador Afonso VII; Caldas de Reis, na morriña dos felices tempos de infancia, seres queridos, amigos; xogos, trasnadas… Sempre o río Umia, verdadeiro dono da vila, as súas augas que corren e levan recordos cara o mar de Arousa. Quedan as sombras, os rescoldos daquela lareira, rúa Fornos nº 4, soan as badaladas das campás da igrexa parroquial de Santo Tomás,… Manoliño o de Inés, Marisé e o seu irmán Clementito, a familia Calviño, os Roquiño, Linterneiros, Cestilleiros, Serafín… Aquela rúa que ulía e sabía a pan, o Hotel Balneario Dávila, onde coñecín a Cunqueiro, o entrañable e simpático Suso, o canaval, as burgas, as mantidas, as festas de agosto, a Banda de Música de Lantaño, que nunca faltaba, os xigantes (o Papamoscas) e cabezudos,… Aquel 68, a rodaxe de “Más allá del Río Miño”, Paco Barros, don Clemente… O entroido, aquel popular entroido caldense! Onde o señor Ventura, o do Cabaret, enchíao todo de ledicia en tempos mouros e míseros. Aos nenos escapábansenos as angurias e loitas dos maiores, feliz inconsciencia, bendita inocencia; tempo de bolboretas no ar, de biscornias revoando na rúa, de morcégos atrapados con panos brancos atados nun pau de salgueiro no serán, de andoriñas que aniñaban na rúa Real, moitas andoriñas. Eran tempos de cando nas festas lle tiñamos medo aos cabezudos de pequeniños e nos causaban chiste de máis rillotes.

O colexio, o colexio San Fermín dos Pais Somascos, máis de cincuenta anos na vila, padre Lorenzo, padre José, padre Jorge, padre Federico… Aquelas festas de fin de curso: condecoracións, diplomas para premiar a conducta e o aproveitamento, na entrega o alcalde don Paco, pai do compañeiro Paquito, o gobernador Encinas Diéguez, o cardeal Quiroga Palacios, despregando a súa grande humanidade. A Asociación caldense de Bos Aires co seu inesquecible benfeitor, fillo ilustre da vila, o lembrado Mario Ferro (“Bienvenido Mario Ferro aquí”, dicía un verso dunha canción entoada polo coro do colexio), aquel recordado coro infantil e xuvenil (nel cantaramos en “play-back” por medo a nos equivocar Francisco Calviño máis eu), as míticas obras de teatro, case sempre dirixidas polo padre José, fondo con cortinóns, o omnipresente retrato de Franco. Os rosarios (os nenos prolongabamos o bis do “ora pro nobis” o que desataba a furia dos padres e foi obxecto de máis dun castigo), a misa diaria, os paseos pola campiña co padre José, quen sabía facer pases de maxia, entre outras moitas cousas, tamén sabía dar sonoras labazadas aos máis trastes. Condiscípulo inseparable e querido, José Antonio Búa Barreira, tantos xogos compartidos, visitas á biblioteca pública, el sempre con libros de electrónica; eu Tintín, Os sete secretos, As aventuras de Guillerme. Tamén estaban Yuyo, Emilio, Miguel, Eugenio, José María… aínda se escoitan os nosos berros infantís no patio e nas instalacións do colexio, os bos rapaces que pertencían ao internado do colexio, cancións italianas cantabamos no coro, dirixidos e acompañados ao piano por un mozo somasco italiano, de quen xa non reteño o nome, o paso do tempo vai ensombrecendo a memoria; pero, resoan as notas do piano: “Sui monti…”. Aquela mestra inesquecible, dona Elisa Torres, dona Carmeliña tan doce, boa e sensible. As visitas de don Jorge, o inspector (que era crego da familia dos Malvar de Pontevedra), que poñían moi nerviosa a dona Elisa…

Cando as enchentas do Umia, do Bermaña, do río Pequeno non podiamos ir ao colexio, ledicia para os cativos. As películas de romanos (“Vino Constantino y nos trajo la paz”) no salón de actos, que algúns queriamos repetir, cando as volvían a poñer no colexio da Encarnación, case todos antes fixeramos alí parvuliños cunha monxiña tan pequena coma nós, a madre Aurelia… Arrecendo a tinta, secantes, lapis, gomas, libros recén estreados, aquel arrecendo a libros novos e material escolar. Aquel libro inesquecible das primeiras lecturas, HEMOS VISTO AL SEÑOR, ou aqueles RAYAS, AMIGUITOS… as enciclopedias ÁLVAREZ de primeiro, segundo e terceiro graos…

Os colexios de pago tiñan unhas boas instalacións con patios de recreo, zonas deportivas, salón de actos con cine, bos urinarios, aquela parafernalia dos fins de curso con todo o apoio oficial e institucional ao máis alto nivel… Mentres, a escola pública semellaba abandonada de todos, pésimas instalacións, aquel inmundo servicio cun burato de terra sen auga corrente, sen saneamento, as goteiras que amenizaban as clases co clin-clan das pingueiras da auga da chuvia a bater nos cacharros de lata que as recollían. Aquí, novos amigos: Manoliño, Alvarito, Ana, a filla do mestre, un mestre moi querido e recordado, don Victoriano Rosales (que fumaba compulsivamente cigarrillos da marca JEAN). Don Victoriano era o director da Graduada de Caldas e sería o primeiro director do Colexio “Afonso VII”. Que ben ensinaba don Victoriano! Aínda que era moi duro en cuestión de disciplina, era moi bo en Matemáticas, pizarra e pizarrín, canto da Xeografía en pequenos grupos nos mapas, as clases de Relixión os sábados pola mañán, a chegada da televisión escolar cos primeiros programas de Félix Rodríguez de la Fuente (“H-I-J-K-L-M-N-Ñ es la hora de la tele, es la hora de la tele, televisión escolar”), a aventura espacial americana coa misión Apolo, aquel inesquecible xullo de 1969. Qué distintos eran o ensino privado, “de pago” e aquela lonxana escola pública! Don Victoriano Rosales é merecente dun recoñecemento público en Caldas de Reis.

E sempre Caldas de Reis, naquelas brumas de inverno e os baños sabatinos de auga termal en bañeira de cinc. Espertar con arrecendo e sabor de pan recén cocido, daquel pan do forno de Nilda, os Calviño cantando o “Yellow Submarine” co pai tocando a bandurria e os soños quentes de lareira e de amor de avós, lembranzas gardadas no rescoldo do corazón e nas lumieiras, que se difuminan, da mente infantil que aínda revolotea á beira do Umia no Campo da Feira, na centenaria Carballeira de outonos de landras e de lembranzas escolares, de tempos de fanar na belida fervenza de Segade de Arriba… Caldas sempre.

jueves, 1 de abril de 2010

BARCELONA, UN ESPELLO NO QUE SE MIRAR



Non imos descubrir nada se dicimos que Barcelona é unha cidade moi fermosa, ben deseñada e ben concibida e moi querida polos seus cidadáns; verdadeiramente síntense moi orgullosos da súa cidade. E non é para menos, é unha cidade moderna; pero, ao mesmo tempo, unha cidade chea de historia, unha cidade que soubo reinventarse e adaptarse aos tempos. Unha cidade con moita vida cultural e industrial. Exemplo vivo dunha Cataluña puxante e activa.
Barcelona ten uns moi bos medios de locomoción e de transportes que facilitan a vida dos seus cidadáns e dos moitos turistas que a visitan. Non imos referirnos ás numerosas marabillas que alberga e de sobras coñecidas. Imos fixarnos nun detalle, as ansias de eficacia e de industrialidade dos seus habitantes, que constrúen día a día unha cidade viva, dinámica e atractiva, chea de encantos.
Finalmente, destacar, o que é unha lección para todos os galegos, insisto no de todos os galegos, o grande amor que sinten os barceloneses, os cataláns pola súa lingua e pola súa cultura, o que non lles impide medrar en tódolos sentidos e ser uns magníficos anfitrións para todos os de fóra. Os cataláns aman a súa terra, mais non son excluintes.
Síntome ben en Barcelona, en Cataluña e teño envexa pola súa admirable defensa da súa lingua e da súa cultura. Sen dúbida, un espello onde mirarse.