domingo, 16 de mayo de 2010

DOUS AMIGOS - 1996


Cando estaba concibindo a publicación do meu libro: Ó GALEGO POLO TEATRO (1996), coñecín a dúas persoas coas que ben axiña trabei unha fonda amizade, o editor galego, desgrazadamente xa falecido, Carlos Blanco, daquela máximo responsable das Edicións do Cumio, e ao escritor Xosé Vázquez Pintor, asesor da editorial viguesa. Carlos Blanco alentou e acolleu con moito agarimo a idea de publicar o meu libro, no que tamén tomou boa parte, unha parte calada; pero, eficiente, o meu amigo de mocidade, Cándido Meijide, quen estaba integrado no equipo da editorial. A relación con Carlos Blanco e o seu equipo editorial foi magnífica. Estoulles moi agradecido polas súas atencións e polo bo traballo desempregado. Ao fin o libro foi unha vizosa realidade, da que quedei moi satisfeito. Xa falei tamén do fermoso limiar de D. Xosé Filgueira Valverde.
Xosé Vázquez Pintor coa súa experiencia de escritor, de home do teatro, de pioneiro no mundo do mimo en Galicia, axudoume moito a mellorar e completar o meu traballo con ideas e suxerencias sobre todo en aspectos da técnica do mimo e no universo dos titiriteiros galegos. El relacionarase moito con Varela Buxán, autor de teatro popular galego. En Bos Aires, con Maruxa Villanueva, Varela Buxán encargouse da representación de OS VELLOS NON DEBEN DE NAMORARSE de Castelao. Vázquez Pintor fora amigo e admirador de Varela Buxán. Moito falamos del e da súa obra dramática. Tamén era tempo do teatro dos maiores da Casa da Bola de Cangas. Cangas de Morrazo era a vila de adopción de Vázquez Pintor, pois el era nado en Melide.
Sirva esta lembranza para reiterar a miña gratitude e recoñecemento a Carlos Blanco e o seu equipo editorial e ao meu amigo, o profesor Xosé Vázquez Pintor, con quen tanto conversei sobre o teatro galego.
Non esquezo aquela "accidentada" viaxe a Ferrol coa miña muller, Vázquez Pintor e Cándido Meijide para presentar alí, na Sala Sargadelos o meu libro sobre o teatro galego, pero quizais esto sexa obxecto doutra xeira de verbas para compartir na rede.

sábado, 8 de mayo de 2010

UNIDOS POLA MÚSICA



II MOSTRA MUSICAL DO EIXO ATLÁNTICO - FINAL EN VILAGARCÍA DE AROUSA, 08/05/2010

LIMIAR:

O mestre Filgueira era un namorado da Música, un gran melómano. Sempre protexeu e promoveu este arte, participando na creación e promoción de moitas iniciativas musicais, como por exemplo, o certame internacional MÚSICA EN COMPOSTELA e dentro das actividades do mesmo, sempre no Museo de Pontevedra os magníficos concertos baixo o rubro, MÚSICA A LA LUZ DE LOS CANDELABROS.
Tamén era íntimo amigo de persoeiros da Música en Galicia, como do gran musicólogo xesuita, Padre Calo, e do gran compositor homenaxeado hoxe en Vilagarcía co gallo da celebración da II MOSTRA MUSICAL DO EIXO ATLÁNTICO, referímonos a ROGELIO GROBA GROBA, quen musicou as SEIS CANTIGAS DE MAR IN MODO ANTICO, da autoría de Filgueira, dentro do movemento neotrobadorista. Filgueira tamén amaba moito ao fraterno Portugal, era íntimo amigo do Dr. Santos Junior e logo ten adicado fermosas páxinas a temas lusitanos, como por exemplo, a súa magnífica monografía sobre Camoens, era partidario dunha relación moi estreita entre Galicia e Portugal.

A REALIDADE DE HOXE:

Nós tamén estimamos en alto grao a Música e por medio da ANPA DO ENSINO MUSICAL DE VILAGARCÍA "ATRIL" coa colaboración do Concello da mesma cidade celebramos catro edicións dunha mostra musical que ideamos e fixemos vizosa realidade. Dende outros enfoques o EIXO ATLÁNTICO recolleu a proposta da Concellería de Educación do Concello da capital arousá de asumir a organización e celebración das mostras musicais e xa vamos na segunda, que celebramos hoxe.
Mozos e mozas de Galicia e Portugal xúntanse para competir artísticamente nunha reunión musical de irmandade. As semifinais celebráronse en Portugal, hoxe a final aquí. Hai moita calidade, pódese gozar dunha velada magnífica, todos unidos pola Música.
Atril, non coincidindo coa Mostra, que ten carácter bianual, celebra uns encontros musicais non competitivos, dos que xa se celebrou unha edición.
É desexable seguir apostando pola Música dende os centros educativos e as institucións, promovendo todo tipo de actividades e concertos. Todo polo ben da mocidade e para honrar á Musa Euterpe. Viva a Música!