domingo, 16 de mayo de 2010

DOUS AMIGOS - 1996


Cando estaba concibindo a publicación do meu libro: Ó GALEGO POLO TEATRO (1996), coñecín a dúas persoas coas que ben axiña trabei unha fonda amizade, o editor galego, desgrazadamente xa falecido, Carlos Blanco, daquela máximo responsable das Edicións do Cumio, e ao escritor Xosé Vázquez Pintor, asesor da editorial viguesa. Carlos Blanco alentou e acolleu con moito agarimo a idea de publicar o meu libro, no que tamén tomou boa parte, unha parte calada; pero, eficiente, o meu amigo de mocidade, Cándido Meijide, quen estaba integrado no equipo da editorial. A relación con Carlos Blanco e o seu equipo editorial foi magnífica. Estoulles moi agradecido polas súas atencións e polo bo traballo desempregado. Ao fin o libro foi unha vizosa realidade, da que quedei moi satisfeito. Xa falei tamén do fermoso limiar de D. Xosé Filgueira Valverde.
Xosé Vázquez Pintor coa súa experiencia de escritor, de home do teatro, de pioneiro no mundo do mimo en Galicia, axudoume moito a mellorar e completar o meu traballo con ideas e suxerencias sobre todo en aspectos da técnica do mimo e no universo dos titiriteiros galegos. El relacionarase moito con Varela Buxán, autor de teatro popular galego. En Bos Aires, con Maruxa Villanueva, Varela Buxán encargouse da representación de OS VELLOS NON DEBEN DE NAMORARSE de Castelao. Vázquez Pintor fora amigo e admirador de Varela Buxán. Moito falamos del e da súa obra dramática. Tamén era tempo do teatro dos maiores da Casa da Bola de Cangas. Cangas de Morrazo era a vila de adopción de Vázquez Pintor, pois el era nado en Melide.
Sirva esta lembranza para reiterar a miña gratitude e recoñecemento a Carlos Blanco e o seu equipo editorial e ao meu amigo, o profesor Xosé Vázquez Pintor, con quen tanto conversei sobre o teatro galego.
Non esquezo aquela "accidentada" viaxe a Ferrol coa miña muller, Vázquez Pintor e Cándido Meijide para presentar alí, na Sala Sargadelos o meu libro sobre o teatro galego, pero quizais esto sexa obxecto doutra xeira de verbas para compartir na rede.

No hay comentarios: