sábado, 28 de agosto de 2010

DOUS ESCUDOS REPUBLICÁNS EN VILAGARCÍA



En Vilagarcía de Arousa, no seu casco urbán, podemos atopar unha rica representación heráldica, xa temos falado dos escudos do marquesado de Vilagarcía, que se atopan no entorno do pazo e do convento de Vista Alegre e na igrexa parroquial de Santa Baia de Arealonga, tamén nos temos referido, neste blog, aos escudos ecresiásticos que se atopan neses mesmos lugares xa citados. Hoxe e como curiosidade, ímonos referir a dous escudos republicáns, que tamén podemos atopar no espazo urbán da cidade arousá.
Un está situado no edificio que hoxe alberga á Escola Municipal de Música "Bernardo do Río" de Vilagarcía (e que ofrecemos na primeira imaxe). O edificio comezara a construirse na época da dictadura do xeneral Primo de Rivera e inaugurado en tempos da II República como Escola Graduada de Primeira Ensinanza, tamén se estudaba crear unha Escola de Artes e Oficios. Posteriormente, foi ocupada como cuartelillo da Falanxe, para recuperar á fin o seu primitivo uso, sendo durante moitos anos a Escola Graduada "Concepción Arenal", coñecida popularmente como o Colexio do Ramal. Logo sería utilizado como Centro de Educación de Adultos. Durante breve tempo e de xeito provisional, mentres se efectuaba a remodelación e ampliación da Casa do Concello, o edificio foi utilizado pola policía local. Ata hoxe, que está adicado as ensinanzas elementais de Música. O escudo ten a coroa típica dos escudos republicáns, formada por pequenas torres, o corpo central representa o escudo nacional daquela época dos primeiros anos 30 do século pasado.
O segundo escudo, atópase na fonte que preside a praza, que hoxe se denomina de España e que moito antes foi chamada de Afonso XIII, tamén recibiu o nome de Praza da República, logo pasou a ser de Santa Eulalia, ata hoxe, que como xa dixemos, se coñece como praza de España. O corpo principal do escudo, representa aquí, o escudo de Vilagarcía; pero, coa coroa típica dos escudos republicáns. Os escudos, os edificios, as rúas e prazas da nosa cidade contan a nosa historia e o paso do tempo con verbas labradas na pedra e que moitas veces nos pasan desapercibidas. As cidades teñen alma e contan a súa vida en palabras de pedra cinceladas polos homes que noutrora as habitaron. Como pasa con nós agora, que tamén deixaremos a pegada do noso paso como veciños e habitantes dos nosos pobos e cidades.
Cando paseemos pola vila, que non se nos escapen tantos detalles que falan de antes e do de agora e que permanecerán no mañán, se é que sabemos conservar o valioso.

martes, 17 de agosto de 2010

AGUSTÍN ROMERO, BENFEITOR DE CORNAZO


Un fillo da parroquia de San Pedro de Cornazo, Agustín Romero García (1841-1929) foi un gran home do concello de Vilagarcía de Arousa, que pretendeu face-lo ben e compartir a súa riqueza espiritual e social; así como poñer ao servizo da comunidade os seus bens materiais, conseguidos co seu esforzo e traballos.
Coñeceu dende moi neno, como moitos galegos, o mundo da emigración, na República do Uruguay amasou a súa fortuna no mundo do comercio e da agricultura. Foi moi recoñecido naquel país sudamericano, ocupando algúns cargos públicos de relevancia, chegando a emparentar co presidente daquela república.
Regresou ao seu querido Cornazo natal, onde fixo gala da súa filantropía, construíndo unha escola e dotándoa dunha gran mestra, a señorita Bouza Trillo, colaborou na construcción da nova igrexa parroquial de San Pedro de Cornazo en 1925, sobre os restos da igrexa anterior, financiou a ampliación do cemiterio parroquial, acondicionou camiños e corredoiras, dotou a súa parroquia de traída de augas, así como dun lavadoiro público e dun fermoso campo de festas,... Socorreu aos necesitados, non tan só da súa bisbarra; senón, aos de toda Galicia. Formou parte na fundación da Cruz Vermella de Vilagarcía e foi condecorado coa Medalla de Ouro de dita entidade e da Gran Cruz de Beneficencia.
Foi un home moi querido e recoñecido, a vía principal de entrada a súa parroquia chámase, avenida Agustín Romero; preto da que foi escola, hoxe en estado ruinoso e de abandono, foi erixido un busto na súa memoria (da autoría de Manuel Rey Posse) e que ilustra esta entrada. Dito entorno debera estar máis coidado e respectado.
Como anécdota, o gran artista Manuel Rey Posse (1890-1952) esculpiu en pedra a imaxe de San Pedro que se atopa na fachada principal da igrexa de Cornazo, xusto enriba da porta principal da entrada a dito templo; pois ben, din con moi bo criterio, que a cabeza do santo correspóndese coa de D. Agustín Romero García.
Homes así, exemplares e xustos, son os que necesita á nosa sociedade, tan egoísta e acaparadora.

CONSULTAR:

VILA FARIÑA, Xosé Lois e Víctor Viana Martínez: DICCIONARIO BIOGRÁFICO DE LA COMARCA DE O SALNÉS. Vigo, Deputación Provincial de Pontevedra, 2001, p. 262.

VV.AA.: CORNAZO, San Pedro de. En GRAN ENCICLOPEDIA GALLEGA, t. 7. Vitoria, Silverio Cañada, 1974, p. 147.

lunes, 9 de agosto de 2010

GOCES DA INFANCIA


Nunha exposición de marionetas no POBO ESPAÑOL de Barcelona atopeime cun conxunto de marionetas que representaba a unha serie de personaxes que me retrotraía á infancia. Pois foi, efectivamente, na Biblioteca Pública de Caldas de Reis, onde por primeira vez trabei contacto cos cómics do gran e inmortal Hergé. Cando o meu amigo, José Antonio Búa Barreira, máis eu frecuentabamos aquel punto de lectura, el ía pola electrónica, eu polo entretemento e a literatura. Era mágoa ou non que a maioría dos cómics de Tintín, que albergaba aquela biblioteca, de tan gratas lembranzas, estaban rotos, faltábanlles follas e eu non podía rematar de ler ben as historietas. Esto motivou que cando puiden, comprei tódolos albumes e así completar a tarefa que naqueles anos 60 fora imposible.
Por eso, ao atoparme con Tintín, co capitán Haddock, co profesor Tornasol e cos irmáns Hernández e Fernández en Barcelona, esbocei un sorriso porque moitas cousas me facían lembrar a miña infancia caldense.
Os cómics e especialmente os de Tintín, así como a colección das Aventuras de Guillerme, aquel Guillerme irreverente, traste e intelixente, e a colección de Enid Blyton titulada: O CLUBE DOS SETE SECRETOS, fixeron de min, dende a infancia, un ávido lector, así como o exemplo do meu avó materno, persistente lector e promotor da lectura. As lecturas divertidas, máis rodearse de persoas amantes da lectura converten a un nun devorador de libros, que son bos compañeiros para a viaxe da vida.