martes, 17 de agosto de 2010

AGUSTÍN ROMERO, BENFEITOR DE CORNAZO


Un fillo da parroquia de San Pedro de Cornazo, Agustín Romero García (1841-1929) foi un gran home do concello de Vilagarcía de Arousa, que pretendeu face-lo ben e compartir a súa riqueza espiritual e social; así como poñer ao servizo da comunidade os seus bens materiais, conseguidos co seu esforzo e traballos.
Coñeceu dende moi neno, como moitos galegos, o mundo da emigración, na República do Uruguay amasou a súa fortuna no mundo do comercio e da agricultura. Foi moi recoñecido naquel país sudamericano, ocupando algúns cargos públicos de relevancia, chegando a emparentar co presidente daquela república.
Regresou ao seu querido Cornazo natal, onde fixo gala da súa filantropía, construíndo unha escola e dotándoa dunha gran mestra, a señorita Bouza Trillo, colaborou na construcción da nova igrexa parroquial de San Pedro de Cornazo en 1925, sobre os restos da igrexa anterior, financiou a ampliación do cemiterio parroquial, acondicionou camiños e corredoiras, dotou a súa parroquia de traída de augas, así como dun lavadoiro público e dun fermoso campo de festas,... Socorreu aos necesitados, non tan só da súa bisbarra; senón, aos de toda Galicia. Formou parte na fundación da Cruz Vermella de Vilagarcía e foi condecorado coa Medalla de Ouro de dita entidade e da Gran Cruz de Beneficencia.
Foi un home moi querido e recoñecido, a vía principal de entrada a súa parroquia chámase, avenida Agustín Romero; preto da que foi escola, hoxe en estado ruinoso e de abandono, foi erixido un busto na súa memoria (da autoría de Manuel Rey Posse) e que ilustra esta entrada. Dito entorno debera estar máis coidado e respectado.
Como anécdota, o gran artista Manuel Rey Posse (1890-1952) esculpiu en pedra a imaxe de San Pedro que se atopa na fachada principal da igrexa de Cornazo, xusto enriba da porta principal da entrada a dito templo; pois ben, din con moi bo criterio, que a cabeza do santo correspóndese coa de D. Agustín Romero García.
Homes así, exemplares e xustos, son os que necesita á nosa sociedade, tan egoísta e acaparadora.

CONSULTAR:

VILA FARIÑA, Xosé Lois e Víctor Viana Martínez: DICCIONARIO BIOGRÁFICO DE LA COMARCA DE O SALNÉS. Vigo, Deputación Provincial de Pontevedra, 2001, p. 262.

VV.AA.: CORNAZO, San Pedro de. En GRAN ENCICLOPEDIA GALLEGA, t. 7. Vitoria, Silverio Cañada, 1974, p. 147.

1 comentario:

Cornazo dijo...

Ola! son un mozo veciño de dita parroquia e ante todo agradezo a entrada neste blogger falando de Agustín Romero, pero quixera aclarar que a estrutura ruinosa que hai detrás do busto (que por certo, mandouno facer el tamén o busto) é a da súa casa. A escola foi derribada e fíxose a actual (que tamén pechou hai xa uns anos). Como curiosidade dicir que o muro que hai no patio dianteiro da escola é o único muro que queda da antiga escola; tamén dicir que Don Agustín (como a xente lle chama aínda hoxe) está enterrado dentro da propia igrexa de Cornazo, nun sepulcro propio xa construído coa igrexa.

Deixo unha imaxe da antiga escola de cornazo como enlace ao facer click no meu nick. Un saúdo!!