sábado, 4 de septiembre de 2010

ADIVIÑAS, ADIVIÑAS...


Podemos dicir que Filgueira Valverde escribiu do divino e do humano, non hai cousa referida a Galicia que el non tratara e esculcara. No seu SEGUNDO ADRAL, pp. 27-30, atopamos que fala das adiviñas, buscándolle unha orixe que se perde na noite dos tempos e dos secretos. Son como laberintos verbais, misterios, xogos coas palabras que agudizan o inxenio. No popular desenvólvese realmente a intelixencia, os vellos petrucios enlazados con vellos mitos, coas conxeturas sibilinas, plantexaban adiviñas, moi do gusto popular. Recuperemos a riqueza da linguaxe, a súa sotileza e xoguemos todos ás adiviñas, velaquí algunhas recollidas por Filgueira nese Adral e onde podedes comprobar as solucións:

- Eido branco e terra negra, cinco aradores tirando por unha rella.

- Alto e guapo son / e ando á fortuna, / corto por onde ando, / coso sen costura.

- ¿Que é, que é, primeiro, andar a catro patas, despois en dúas e logo en tres?

- Alto piñeiro, redondo molete, que chova que neve, nunca se derrete.

- A vella, cun dente que chama a toda a xente.

- Fillo do cantador, vive entre paredes brancas e ten de ouro o corazón.

- Catro saltamontes, catro correfontes, dous turulús e un dalle-dalle.

- Iglesiña pequeniña, sacristán rebulidor, os santiños que están dentro sonche da mesma color.

- ¿O que cando máis lle quitas máis grande é?

No hay comentarios: