domingo, 13 de marzo de 2011

AQUEL "CLUB JUVENIL VILLAGARCIANO"






AQUELES ANOS MOZOS (III)

A BREVE PERO INTENSA TRAXECTORIA DO “CLUB JUVENIL VILLAGARCIANO”


A restauración da democracia, na chamada época da Transición, supuso o abandono da OJE (organización xuvenil do anterior réxime político) da chamada Casa da Xuventude, que está situada ao comenzo da rúa Xoán Carlos I, no barrio de San Roque, que pasaría a ser ocupada durante algo máis dunha década por unha nova organización da mocedade de carácter democrático, denominada “CLUB JUVENIL VILLAGARCIANO”, entidade que quería acoller a todos os mozos e a todas as iniciativas que se quixeran propoñer nunha sociedade netamente xuvenil, composta por mozos e mozas e gobernada pola mocedade dun xeito totalmente democrático.
Distintos sectores xuvenís da cidade xestionaron a fundación da nova entidade xuvenil, cuns estatutos e principios democráticos, administrativamente despendíase directamente do Instituto Nacional da Xuventude do Ministerio de Cultura, por medio da súa Delegación Provincial en Pontevedra; pero, totalmente autónomos e independentes no seu funcionamento. O Ministerio era o propietario do edificio, encargábase do seu mantemento e dispoñía do persoal (un director/a, un conserxe, e unha persoa encargada da limpeza).

Nun proceso democrático, foi elexido primeiro presidente, Ricardo de la Torre, vicepresidente, Germán M. Torres, secretario, Carlos González e entre os primeiros vocais, lémbrome do moi mociño, Pablo García Giménez.

Os socios disfrutaban das instalacións co seu salón (equipado dun televisor en cor) coa sala de xogos (con xogos de mesa, coa equipación para xogar ao ping-pong), diversos espazos para distintas actividades, sala de xuntas, despachos. Alí víamos en grupo os partidos de fútbol, xa que o deporte foi unha actividade importante do club. Os fins de semana había lugar para a convivencia, o canto e a música, os xogos de mesa, o xadrez, o ping-pong,... Eramos protagonistas do noso tempo de lecer, sen intermediarios, sen gastos e dunha maneira sá.

Organizábanse moitas actividades, ciclos de conferencias (recordo unha sobre cine e fotografía a cargo de Rafael Sabugueiro, pai. Felipe Suárez disertou sobre baloncesto,...). Organizáronse concursos e recitais de poesía, concertos musicais, moitas actividades deportivas (campeonatos de fútbol, utilizando as instalacións do IES “Castro Alobre”, daquela “Calvo Sotelo”, xenerosamente cedidas, así como outras instalacións, do CEIP “A Lomba”, do campo da Pelada, do Colexio de RENFE, rexentado polos salesianos), 24 horas de fútbol sala, colaborando coa comisión das festas de San Roquiño. Leváronse adiante unhas dez edicións dunha proba atlética que chegou ser moi popular e participativa, que chamabamos o Marathon Popular, na que tanto traballaron uns activos socios, como foron: Luis Mario Vázquez, Calixto Vázquez, Manuel Rañó, Xermán Torres, sendo un dos promotores da actividade, outro socio, José Manuel Tarrío e colaboraban con dita proba moitas persoas, entre elas, Moncho Rubianes, de grato recordo. A proba foi gravada coas primeiras cámaras de vídeo, que se viron por Vilagarcía e que pertencían a D. Servando Pérez, foi retransmitida en directo pola asociación de radioafeccionados local, desde a meta íase coñecendo o transcurso da carreira. Na prehistoria dos ordenadores, Calixto Vázquez intentou axilizar a clasificación e a entrega de premios, mediante un programa informático e un ordenador instalado en meta. As ideas tan orixinais para facer os controis en distintos puntos da proba, que moitas veces foron copiados para outras probas importantes do circuíto galego. Apoiaron esta carreira popular, ademais das entidades bancarias, industrias e comercios de Vilagarcía, o Concello, a Deputación, o Gobernador Civil, o Gobernador Militar, Coca-Cola, Larsa, Clesa,... Cantas xestións non fixemos Alberto Pérez Soutullo e eu mesmo para recadar fondos para mercar trofeos e medallas cos que agasallar aos numerosos atletas participantes de todas as idades, daquí xurdiron vocacións atléticas como as de Castro, Pedro (sobriño de Pérez Soutullo), por tan só citar dous exempros. Chegou a ser unha importante cita atlética á que acudían deportistas de toda Galicia e en gran número e en todas as súas edicións, practicamente a todas elas asistiron un grupo de alumnos da Escola Naval Militar de Marín e era seguida por numeroso público, os medios de comunicación local e galegos facíanse eco deste acontecemento, que foi unha das actividades estrela do Club. Outra actividade moi importante foi a organización duns exitosos campionatos escolares de Xadrez, así como campionatos de tenis de mesa.

Había relacións moi estreitas co Concello de Vilagarcía, con moitas asociacións e entidades, como o club de mozos pintores “Carlos Maside”, os mozos e mozas de D. Manuel Trigo Díaz, mestre moi recordado e colaborador e asesor do “Club Juvenil”, coas comisións da Cabalgata de Reis, da organización do Entroido, coa Comisión de Festas,...

Un grupo de mozos e mozas que eramos xestores e protagonistas do noso tempo e das nosas actividades. Divertiamonos moito sen gastar un duro e sen perxudicar a nosa saúde. O “Club Juvenil Villagarciano” chegou a ter moito prestixio na cidade e foi unha institución moi popular e moi tida en conta na vida social e cultural daquela Vilagarcía dos anos 70 e 80. As presidencias que máis directamente coñecín foron as de la Torre, por suposto, a miña propia, e a do meu sucesor Manuel Olveira, a partires de aí xa me desvinculei totalmente do Club, por razóns de idade e da dinámica vital; pero non quería rematar sen mencionar a algunhas compañeiras que participaron daquela xuvenil experiencia, como foron, Andrea Fernández, Loreto e Mª del Carmen Conde Durán, entre outras. Pouco tempo despois de que eu me fora o club foi esmorecendo paseniñamente e desgraciadamente, para a mocedade local, desaparecería da escena asociativa da nosa cidade.

Conseguimos moitas cousas, unha, e non se gran traballo, foi que as instalacións abriran en horario xuvenil, os venres, sábados e domingos, tamén en horario de tarde/noite, cuestión que custou que entendera o Sr. Delegado Provincial.

E finalmente, un recordo, para dous funcionarios da casa, cos que conseguimos levarnos ben (a pesares das dificultades iniciais) e fraguar con eles unhas relacións de amizade, salvando as distancias da idade, trátase de Mimí Viqueira (quen foi directora) e Guillermo Chanes, q.e.p.d., quen exerceu como conserxe, para eles o noso respeto e o noso agarimo nas lembranzas.

E aínda sigo a pensar que as instalacións da Casa da Xuventude están infrautilizadas e con pouca proxección na mocedade actual.

(NAS IMAXES, ALGÚNS DOCUMENTOS DO "CLUB JUVENIL VILLAGARCIANO" QUE ILUSTRAN ASPECTOS QUE SE MENCIONAN NO CORPO DO TEXTO DESTA ENTRADA).

miércoles, 2 de marzo de 2011

REPORTAXE FOTOGRÁFICA DA II MESA DAS VERBAS


























OFRECEMOS UNHA SERIE DE FOTOGRAFÍAS TOMADAS POR ANDREA FERNÁNDEZ MANEIRO NA II MESA DAS VERBAS. DÁMOSLLE AS GRAZAS A ANDREA POLO SEU MAGNÍFICO TRABALLO GRÁFICO.