viernes, 22 de abril de 2011

UNHAS XORNADAS EN ANDALUCÍA NA SEMANA SANTA DE 2011













O grande personaxe galego a quen está dedicado este blog, que é como unha pequena homenaxe a súa memoria, era un extraordinario defensor das viaxes e dos intercambios culturais. D. Xosé, sendo unha persoa xa maior, tiña unha grande mobilidade por toda a xeografía galega e tiña feito múltiples viaxes polo exterior, moitas delas feitas co alumnado do seu instituto.
Nós compartimos con el a paixón polas viaxes e por coñecer outras culturas e outras xentes. Imos reflectir unha pequena escapada de semana santa polas admiradas terras da Andalucía.
Comenzamos facendo un pequeno percorrido pola cidade de Sevilla, sempre é un pracer voltar a Sevilla, voltar a Andalucía, terra de artistas e de poetas e antes de todo lembrar ao grande e admirado D. Antonio Machado es as súas verbas en forma de sentidos versos:

"Mi infancia son recuerdos de un patio de Sevilla,
y un huerto claro donde madura el limonero;..."

E nos tempos litúrxicos que corren, temos na cabeza a fermosa saeta:

"¡Oh, la saeta, el cantar
al Cristo de los gitanos,
siempre con sangre en las manos,
siempre por desenclavar!"

Chegamos a Sevilla o luns 18/04/2011 sobre as 20:00 h., as rúas estaban ateigadas de xentes que agardaban nos distintos barrios as saídas dos fermosos pasos da Semana Santa das distintas confrarías. Era admirable contemplar o fervor relixioso de tantas persoas: nenos, mozos e maiores. Uns ían cubertos polos seus capuchóns, moitos penitentes polas rúas, outros sentados dende horas nas beirarrúas cas súas banquetas pregables agardando piadosamente o paso da imaxe da súa devoción. O tráfico cortábase en moitas rúas, a vida detíase na contemplación en moitos currunchos de Sevilla, moreas e moreas de persoas que ían e viñan para non perderse este espectáculo con amplo sentido relixioso.
O martes estivo moi chuvioso e os pasos non puideron saír, moita xente sentía tristura e contrariedade polas inclemencias do tempo.
O mércores, dirixímonos a Córdoba para contemplar fundamentalmente a Mezquita e o xoves despois de topármonos con algúns pasos nas rúas tan concorridas de Málaga, voltabamos á Terra, o tempo seguía cuberto e chuvioso... lonxe da Terriña, lonxe do meu lar!

AS IMAXES RECOLLEN DISTINTAS INSTANTÁNEAS DESA AGRADABLE E INESQUECIBLE VIAXE, QUE XA ESTÁ NO LUGAR ESCOLLIDO DAS LEMBRANZAS. (EN ANDALUCÍA TAMÉN CHOVE E EN SEVILLA MÓLLASTE QUE É UNHA MARABILLA). video video

sábado, 9 de abril de 2011

III MESA DAS VERBAS








O pasado venres, 1 de abril, nas instalacións do Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa, tivo lugar a terceira edición da MESA DAS VERBAS, un lugar para o encontro poético e para o goce de compartir e xogar coas verbas (de "verbum", "verbo", "logos"), nesta oportunidade compartiron versos con todos os asistentes (socios e non socios do Liceo Casino), as seguintes amigas e amigos:

- Enrique Brumbéck (recitador)

- Antonio Pinedo

- Ángeles Conde

- Rafael Gómez (Brétema)

- Loreto Conde

- Jesús Recio

- Andrea Fernández

- Jean Carballo (Brétema)

- Ceneme (Brétema)

- Antonio Quiñoy

- María Palacios (Brétema)

- Tito Porto

- Manoel Oliveira (Brétema)

- Carmen Darriba (Brétema)

- Alfonso Saavedra

- Xermán Torres

O mozo pianista, Javier Vila Alonso, fixo que se combinaran as notas musicais cos versos, ofreceunos as seguintes pezas musicais:

- 1 Danza da Partita nº 6 de BACH

- Un breve fragmento da Balada nº 4 de CHOPIN

- Un fragmento do Momento Musical nº 1 de RACHMANINOV

Recollemos dous dos poemas que se recitaron nesta velada poética:


RECUERDOS

Llega el fin de la jornada
y sigues sin aparecer
como siempre te esperaba
con tu sonrisa callada
que llenaba todo mi ser.
Tú sin venir y son las tres.
Vuelvo a casa desolada.

Fuiste madre de tu padre,
también de tus hermanos.
¿Por qué a tu hija no puedes
acunar en tus brazos?
¿Merece tanto castigo
hacer feliz a la gente?
¿que no puedas dar cariño
a quien nació de tu vientre?

Sabes bien que soy creyente
pero al "Señor" yo maldigo
porque ya no puedo verte.

ALFONSO SAAVEDRA (Marzo - 2011)


TEMPUS FUGIT

Sentado na praia
contemplando un vermello solpor
no horizonte,
raio verde fuxidío,
Verne sempre.
Lembranzas da mocedade roubada,
toco unha triste melodía
na miña frauta doce,
na lonxanía acordes de guitarra,
mozas e mozos a sorrir
na praia daqueles tempos
de paz e amor...

Un de nós á guitarra:
The house of the rising sun.

Tristura do tempo que pasa,
ledicias xuvenís que non voltarán.
Contentabámonos con cousas sinxelas:
os amigos conversando,
rindo xuntos,
cantando naquela praia
que xa non é a mesma,
ligando coas mozas
que xa non o son,
algúns xa non están.
Aqueles veráns alegres,
luminosos, cálidos, interminables.

Un de nós á guitarra:
The house of the rising sun.

Unha gaivota que chía,
un barco que se alonxa,
sons xordos das sereas,
despois do solpor
as primeiras estrelas da noite,
o luceiro da Alba
no horizonte,
cara o monte
pódese albiscar a estrela Polar.
Lonxanos ecos
de voces e cantos,
sorrisos xuvenís
que non voltarán,
tempo fuxidío,
tempo conxelado na retina,
tempo inmóbil na mente...

Un de nós á guitarra:
The house of the rising sun.

XERMÁN TORRES (CALIDOSCOPIO, 2010)


A IV MESA DAS VERBAS TERÁ LUGAR NO LICEO CASINO DE VILAGARCÍA O VENRES 6 DE MAIO, ÁS 21:00 H.

E O VENRES 17 DE XUÑO, ÁS 20:30 H. A V MESA DAS VERBAS TERÁ LUGAR NA RÚA CASTELAO, PRETO DAS INSTALACIÓNS DO LICEO CASINO E FARÉMOSLLE UNHA HOMENAXE A CASTELAO.

domingo, 3 de abril de 2011

SOBRE A AMIZADE



NO CAMPO DO ALTRUÍSMO FLORECE A ÁRBORE DA AMIZADE

Como di San Pablo sobre o amor que é desinteresado, podemos argumentar o mesmo sobre a amizade. Cando o que se di teu amigo tan só busca en ti o seu propio interese, tratando de sacar proveito da relación; evidentemente, non é o teu amigo. Mellor é que te decates das súas intencións e te alonxes del, non é unha relación conveniente.

A amizade é comprensiva e empática, comprende ao amigo e non o pon en situacións compricadas nin en cuestións comprometidas. A amizade quere sempre o ben para o outro, é altruísta e ten capacidade de sacrificio polo amigo, non pide nunca nada a cambio. A xenerosidade, a entrega son característica dos amigos, darse sen esperar nin buscar nada a cambio.

A amizade non entende de beneficios, de porcentaxes, de rentabilizacións; todo o fai por nada, non espera compensacións nin pago a cambio de nada; todo o fai gratis, da con abundancia, entrega sen precio, non agarda en sacar nada; senón, dalo todo, incluso dar a vida polo amigo. O que interesa é sempre o benestar do outro coste o que coste. Nunca fará reproches nin pedirá nada a cambio, non pedirá contas, nin despreciará ao amigo porque non obtivo del o que esperaba acadar. Non pon obxectivos nin límites a súa amizade, non a hipoteca.

A amizade, un tesouro, que xorde como unha flor, como unha paisaxe soñada sen ningún impedimento, sen ningunha condición. Un agasallo gratis, unha entrega total e absoluta. Amizade sen cadeas, sen atrancos, sen medida, para sempre e por sempre. Tesouro de amor, de vida; tesouro compartido sen horizontes, sen acotacións de tempo e de lugar; cun sistema de coordenadas propio, orixinal, eterno.