viernes, 30 de septiembre de 2011

VIII MESA DAS VERBAS


30/09/2011: Na praza da Constitución de Vilagarcía de Arousa, celebraremos a VIII Mesa das Verbas, onde homenaxearemos a Rosalía de Castro e ao lembrado mestre arousán, Manuel Trigo Díaz, quen foi membro do Padroado de Rosalia de Castro. A música poñeraa o popular gaiteiro e etnógrafo, Carlos Rey Cebral. A cita será ás 21:00 h.

Nesta Mesa das Verbas, compartiron os seus versos e de autores como Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Ramón Cabanillas, Manuel Trigo Díaz,... Os seguintes amantes da poesía:

- Amaya
- Rafa Gómez (Brétema)
- Antonio Quiñoy
- José Tizado (Brétema)
- Carmen Darriba (Brétema)
- Tito Porto
- María Palacios (Brétema)
- Porto
- Gonzalo Bouza-Brey
- Carlos Rey
- Isabel Pintos
- Carmen Abalo
- Jean Carballo (Brétema)
- Antonio Pinedo
- Ángeles Conde
- Eucalo
- Ramón Torrado
- Andrea Fernández
- Manoel Xosé de Oliveira (Brétema)
- Alfonso Saavedra
- Xermán Torres

O Concello de Vilagarcía de Arousa colaborou coa cesión e colocación de 100 sillas e co servizo de megafonía e ao seu cargo un funcionario municipal.


A IX MESA DAS VERBAS terá lugar nas instalacións do Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa, o vindeiro venres, 28 de outubro de 2011, ás 21:00 h.

E o venres, 11 de novembro de 2011, ás 21:00 h. na sede do Liceo Casino, terá lugar unha nova experiencia encol da poesía, o

I OBRADOIRO CREATIVO DE POESÍA

Pequena selección de poemas da VIII MESA DAS VERBAS

ADIÓS, RÍOS; ADIÓS, FONTES
ADIÓS, REGATOS PEQUENOS;
ADIÓS, VISTA DOS MEUS OLLOS;
NON SEI CANDO NOS VEREMOS.

Miña terra, miña terra,
terra donde me eu criéi,
hortiña que quero tanto,
figueiriñas que prantéi,

prados, ríos, arboredas,
pinares que move o vento,
paxariños piadores,
casiña do meu contento,

muíño dos castañares,
noites craras de luar,
campaniñas trimbadoras
da igrexiña do lugar,

amoriñas das silveiras
que eu lle daba ó meu amor,
caminiños antre o millo,
¡adiós, para sempre adiós!

ROSALÍA DE CASTRO


Y, EN TUS MANOS, EL PAN

Pantalón vaquero,
jersey con símbolo deportivo,
coleta,
casi descalza
fuíste a comulgar.

Del cuenco de tu mano
hiciste leve regazo
y, en el recogiste
el pan
blanco,
blanco,
blanco.

Me pareció
que un temblor de luz
te invadía
o que irradiabas.
No sé.

De tu misma mano
llevaste a tu boca
el pan
blanco,
blanco,
blanco.

Fuíste un lirio.
Toda,
fuíste un lirio
en pié.
De rodillas por dentro.
Tus ojos
se hicieron sumisos.
Y tus labios
cerraron el beso
al pan
blanco,
blanco,
blanco.

Pantalón vaquero,
jersey con símbolo
deportivo,
coleta,
casi descalza.
El pan,
la luz,
el lirio.
Y tus manos.

MANUEL TRIGO DÍAZ

domingo, 25 de septiembre de 2011

SAN MIGUEL DE TRABANCA BADIÑA NA LEMBRANZA




Vai xa moitos anos, meu bo amigo Luis Mario Vázquez Rubianes e mais eu tivemos a idea dun proxecto que podería ser de interese, indagar na historia de Trabanca Badiña e centrarnos tamén en algo moi concreto e querido por dito barrio, o culto e devoción polo Arcanxo San Miguel. O día do patrón do barrio celébrase cada 29 de setembro (para min xa unha data inesquecible; pois, coincide coa do pasamento da miña querida e lembrada nai, ademais os dous vivimos felizmente durante dezaseis anos nese barrio tan popular e histórico, preto de Trabanca, no lugar da Pena houbo un famoso castro).
Para ese noso e frustrado proxecto tiñamos prometida a colaboración do Señor do Pazo da Golpelleira, que faleceu desgraciadamente sen que poideramos darlle cumio a idea.
Das nosas conversas o que si conservo é o dato (do que xa teño escrito noutras oportunidades) do por que do privilexio de custodia da imaxe de San Miguel (durante tantos anos, non xa agora) no seu camerino da interesante capela do Pazo da Golpelleira. (O que me imaxino pode ter algo de mito, mirado coa perspectiva do tempo). Ben sabido é que a vella imaxe que sae en solemne procesión cada 29 de setembro en Trabanca Badiña, trátase dunha talla moi antiga, probablemente do século XVIII, e esto nótase pola súa tosquedade, pola súa vestimenta e composición, destacando unha cadea (seica de prata) que leva unha inscrición. A antiga capela de San Miguel tamén foi reconstruida en 1778, tal como figura nunha lápida que forma parte dun sillar duns dos muros de dita capela.
Sobre a razón da custodia da querida imaxe no pazo da Señoría da Golpelleira hai a seguinte lenda, no século XIX, a partires do ano 1808 mantivemos unha Guerra da Independencia contra do invasor francés. Vilagarcía de Arousa foi un dos primeiros pobos que en Galicia se levantou contra dos franceses (os curas, militares e o pobo loitaron bravamente, moitas veces seguindo a técnica da guerra de guerrillas). Os franceses cometían toda serie de tropelías e pillaxes, para evitar que a imaxe de San Miguel fose danada, destruida ou roubada, os Señores da Golpelleira, colaborando co pobo de Trabanca, ocultaron a imaxe nalgunha mina ou curruncho arredado nas súas propiedades, onde os gabachos non puideran dar con ela. De aí a orixe do privilexio da custodia e do remate da procesión, co baile e degustación de viño nas instalacións do pazo (que semella que dita tradición vai ter fin no ano 2011, seguramente porque actualmente, o pazo está practicamente deshabitado, o que é algo triste, que morra unha tradición de tantos anos). Parece tamén, que en tempos da Guerra Civil, comezada en 1936, o Señorío do Pazo da Golpelleira volveu protexer a venerada imaxe das iras de grupos incontrolados e anticlericais. Por esas razóns e por outras, entre elas a súa colaboración na reconstrucción da capela no século XVIII, o pobo de Trabanca Badiña e o Señorío da Golpelleira sempre mantiveron unhas relacións moi cordiais e agarimosas.

domingo, 18 de septiembre de 2011

FILGUEIRA E O DEPORTE


É sabido que Filgueira era un home con moitos intereses, como xa se ten dito moitas veces, era un home con moitas almas. Como sabio, era moi curioso, con moitas ganas de saber, de aprender. Como humanista, nada humano lle era alleo. Pensaba e exercía para os mozos unha formación integral, unha educación completa.
Por eso, no instituto de Filgueira, o Instituto de Pontevedra, o Instituto "Sánchez Cantón", tiña moita importancia a clase de Educación Física. Faltar a esa clase ou portarse mal nela era algo punible e mal visto. A consecuencia disto, o instituto pontevedrés conseguíu grandes éxitos no deporte escolar a nivel nacional aló nos anos 50 do pasado século.

Noutras fecetas deportivas, Filgueira, coa súa proxección social e política, axudou, por exemplo, moito ao equipo de fútbol capitalino, o Pontevedra. Filgueira vivíu intensamente a gloriosa etapa do "Hai que roelo". Sendo el, alcalde da cidade do Teucro, o equipo de fútbol chegou a súa etapa de maior esplendor.

Non hai que esquecer que o mestre máis querido e que máis influíu en Filgueira, Antón Losada Diéguez, gran deportista, fora presidente dun club de fútbol mítico e pioneiro, o Eiviña. Losada era o espello daquela mocidade dos anos vinte por ser un gran mestre e un bo deportista.

Aprendamos de Filgueira e dos seus mestres (Sarmiento, Losada) que a vida ten moitos alicientes, moitas cousas nas que nos ocupar. A vida, como agasallo, merece vivirse plenamente.

A FOTOGRAFÍA FOI EXTRAIDA DE: FORTES, X. et al.(1997): O Instituto de Pontevedra. Século e medio de historia (1845-1995). Pontevedra: Deputación Provincial, p. 231.

VÉASE TAMÉN: TORRES DE ABOAL, G. (2007): Filgueira Valverde, semblanza dun educador. En XOSÉ FILGUEIRA VALVERDE, 1906-1996, UN SÉCULO DE GALICIA. Vigo: Museo de Pontevedra / Sociedad Estatal de Conmemoraciones Culturales, pp. 440-442.

domingo, 4 de septiembre de 2011

O HOME DAS NUBES



EN LEMBRANZA DO MEU AMIGO, O MESTRE CARMELO VIDAURRE

Había un home que cada mañán, ao acordar, o primeiro que facía era abrir a fiestra e mirar para o ceo. Escudriñábao, ollando para as nubes, xa que el dicía que non había cousa máis fermosa que as nubes. De tan diferentes e caprichosas formas e con tantos matices de cor, brancas como o algodón, grises dos máis variados, negras. Xa falaremos das nubes do solpor e do mencer.
Mirar ao alto, como facía o meu amigo. E non tan só para ollar ás nubes, senón para ter unha longa perspectiva e para ter esperanzas de que han vir tempos mellores, agora que andamos todos afanados en crises provocadas polos especuladores e noxentos mercados financieiros. Si, mirar ao alto para non perder a dignidade e non perder a esperanza nestes tempos mouros como as nubes da tronada.
Con tanta crise e tantas preocupacións váisenos a vida e non somos quen de contemplar e admirar tanta beleza que nos é dada, regalía que non merecemos.
As nubes do solpor e do mencer, pola acción dos raios do Sol, poden adquirir unha grande gama de cores, vermellas, violetas... A vida é cor, a pesares das tristuras e de tantas angurias...
Temos que facer como o meu amigo, mirar ao alto, contemplar as nubes.