domingo, 25 de septiembre de 2011

SAN MIGUEL DE TRABANCA BADIÑA NA LEMBRANZA




Vai xa moitos anos, meu bo amigo Luis Mario Vázquez Rubianes e mais eu tivemos a idea dun proxecto que podería ser de interese, indagar na historia de Trabanca Badiña e centrarnos tamén en algo moi concreto e querido por dito barrio, o culto e devoción polo Arcanxo San Miguel. O día do patrón do barrio celébrase cada 29 de setembro (para min xa unha data inesquecible; pois, coincide coa do pasamento da miña querida e lembrada nai, ademais os dous vivimos felizmente durante dezaseis anos nese barrio tan popular e histórico, preto de Trabanca, no lugar da Pena houbo un famoso castro).
Para ese noso e frustrado proxecto tiñamos prometida a colaboración do Señor do Pazo da Golpelleira, que faleceu desgraciadamente sen que poideramos darlle cumio a idea.
Das nosas conversas o que si conservo é o dato (do que xa teño escrito noutras oportunidades) do por que do privilexio de custodia da imaxe de San Miguel (durante tantos anos, non xa agora) no seu camerino da interesante capela do Pazo da Golpelleira. (O que me imaxino pode ter algo de mito, mirado coa perspectiva do tempo). Ben sabido é que a vella imaxe que sae en solemne procesión cada 29 de setembro en Trabanca Badiña, trátase dunha talla moi antiga, probablemente do século XVIII, e esto nótase pola súa tosquedade, pola súa vestimenta e composición, destacando unha cadea (seica de prata) que leva unha inscrición. A antiga capela de San Miguel tamén foi reconstruida en 1778, tal como figura nunha lápida que forma parte dun sillar duns dos muros de dita capela.
Sobre a razón da custodia da querida imaxe no pazo da Señoría da Golpelleira hai a seguinte lenda, no século XIX, a partires do ano 1808 mantivemos unha Guerra da Independencia contra do invasor francés. Vilagarcía de Arousa foi un dos primeiros pobos que en Galicia se levantou contra dos franceses (os curas, militares e o pobo loitaron bravamente, moitas veces seguindo a técnica da guerra de guerrillas). Os franceses cometían toda serie de tropelías e pillaxes, para evitar que a imaxe de San Miguel fose danada, destruida ou roubada, os Señores da Golpelleira, colaborando co pobo de Trabanca, ocultaron a imaxe nalgunha mina ou curruncho arredado nas súas propiedades, onde os gabachos non puideran dar con ela. De aí a orixe do privilexio da custodia e do remate da procesión, co baile e degustación de viño nas instalacións do pazo (que semella que dita tradición vai ter fin no ano 2011, seguramente porque actualmente, o pazo está practicamente deshabitado, o que é algo triste, que morra unha tradición de tantos anos). Parece tamén, que en tempos da Guerra Civil, comezada en 1936, o Señorío do Pazo da Golpelleira volveu protexer a venerada imaxe das iras de grupos incontrolados e anticlericais. Por esas razóns e por outras, entre elas a súa colaboración na reconstrucción da capela no século XVIII, o pobo de Trabanca Badiña e o Señorío da Golpelleira sempre mantiveron unhas relacións moi cordiais e agarimosas.

No hay comentarios: