domingo, 27 de noviembre de 2011

D. MARCELINO TORRES VILLAR, In memoriam


Entre os anos 1966 e 1968, eu frecuentaba case diariamente a parroquia de Santa María de Caldas de Reis, da que a igrexa parroquial é unha xoia do románico galego. Daquela era o cura párroco, D. Marcelino Torres Villar, do que gardo unha grata lembranza, eu sendo un neno trabei unha relación de amizade cun sacerdote, que penso foi un gran párroco de Santa María. Organizaba unha catequese exemplar, con moita asistencia de nenas e nenos. En 1967, tendo eu apenas dez anos, encargoume dunha sección do catecismo parroquial, ademais facía as lecturas e cantaba na misa da catequese e noutras misas. Tamén dirixín moitas veces o rezo do Santo Rosario na parroquia. O que si me arrepiaba e se podía excusaba a miña presencia, era no rezo do Rosario nos velatorios. Daquela tíñalle pánico ás cerimonias funerarias e aos cemiterios.
D. Marcelino exercía unha moi boa acción pastoral, comunicaba ben coa xente, preocupáballe a vida da parroquia, con el de párroco alí en 1968, asistín por primeira vez a unha misa en galego ou case toda en galego e lin por primeira vez unha lectura na nosa lingua na liturxia dominical. Foi un acontecemento inesquecible, aínda que co paso do tempo, algo borroso na miña memoria.
Hai outro episodio que recordo ben, a visita de Filgueira Valverde cunha máquina fotográfica nas mans e que lle reprochaba a D. Marcelino a situación dunhas pedras, que había por alí nun valado preto de cemiterio parroquial, indicándolle que aqueles restos merecían un lugar máis digno. Andado o tempo, souben que aquelas antigas pedras eran os restos dun baldaquino do século XV, que tal vez sería unha das primeiras testemuñas da Descuberta de América. Ese baldaquino está hoxe no interior do templo, nun lugar de honra. D. Marcelino seguindo o consello do ilustre e sabio pontevedrés buscou mellor sitio para aquelas históricas pedras, que naqueles lonxanos intres estaban abandoadas á intemperie. Sobre este baldaquino temos feito unha antiga entrada nesta bitácora.
D. Marcelino tamén emprendeu a mellora e ampliación do cemiterio parroquial, asunto que o tivo moi preocupado e con moito traballo.
Souben moitos anos despois que D. Marcelino estivera destinado en Pontevedra en anos anteriores á Guerra Civil (1936-39) e no transcurso da mesma e que alí dera clase nunha academia, tal como recolle Rafael Landín Carrasco nun dos seus escritos sobre a súa cidade natal e que fora capelán dos carlistas (requetés) e ponse na súa boca unha brabuconada tan típica daqueles momentos de extrema violencia.
Nesa época, xa o tildaran como "Miss Clero", porque debía ser un bo e garrido mozo. Cando eu o coñecín xa era un home maior; pero, tiña boa planta e era moi elegante, tiñan as mulleres máis interés por el, que el por elas, neste aspecto había moita lenda, moitos chismes e pouca realidade. Parecíame un sacerdote íntegro, un gran pastor e un excelente párroco.
Despois, andado o tempo, trasladaríase de novo para Pontevedra e souben nos anos oitenta do pasado século que fora capelán do Hospital Montecelo. Precisamente, por razóns laborais e de xubilación, D. Marcelino gañáralle un preito á Seguridade Social.
Era un gran tipo, D. Marcelino; gardo a lembranza da súa amizade con moito agarimo.

viernes, 18 de noviembre de 2011

AFECCIÓN POLA HERÁLDICA





Estudiabamos, cando eramos uns mociños, alá en 3º e 4º do antigo bacharelato elemental, na década dos setenta do pasado século que había unhas ciencias auxiliares da historia, como a xeografía, a cronoloxía, a numismática, a epigrafía, a heráldica,... A min sempre me atraeu a heráldica, aínda que confeso a miña supina ignorancia no tema, aínda que me guste.

O pouquiño que sei, transmítollo cada ano, no primeiro trimestre do curso a uns alumniños e alumniñas de sete anos, que prestan moita atención e aprenden catro cousiñas, unha moi pequena e moi somera introducción á heráldica.

Programamos un PASEO POR VILAGARCÍA. Empezamos pola rúa Vista Alegre, avanzamos e paramos fronte ao muro do convento das relixiosas "Agustinas Recoletas", o que está preto das escalinatas que van cara o Montiño e o Castro de Alobre, berce da cidade, e descuberto e estudiado por Fermín Bouza Brey. Alí explícolles como recoñecer os escudos eclesiásticos, observando os tres que alí podemos observar. Escudos cos seus bordóns (que eles chaman cordiñas con nudos). Camiñamos un pouquiño máis e examinamos a fachada da igrexa conventual e topamos con outro escudo eclesiástico. Dígolles que os edificios antigos fálannos cos seus símbolos de pedra, como os escudos que nos falan de personaxes e da súa xenie. Xirámonos e miramos cara as fachadas dos edificios que forman parte do Pazo de Vista Alegre, o pazo dos marqueses de Vilagarcía e encontramos outro tipo de escudos, os escudos civís, mirámolos ben e por contraste recoñecemos as súas diferencias cos eclesiásticos; os escudos civís ("non teñen cordiñas con nudos") e estes rematan cunha coroa, neste caso a coroa de marqués. Dun xeito sinxelo aprenden a distinguir os dous tipos de escudos e que hai máis coroas que as de rei e que son distintas.
Fixáronse máis detidamente nos escudos, nos que quizais antes non repararan e que Vilagarcía ten a súa riqueza heráldica, malia os nobles e antigos edificios que se teñen destruido.
Logo fixámonos na placa que hai no muro norte da igrexa conventual, onde se fala de D. Fernando de Andrade y Sotomayor, que chegou ser arcebispo da arquidiócese de Compostela, pertencía á familia do marquesado de Vilagarcía, foi o fundador do convento e da igrexa de Vista Alegre, os escudos son os seus escudos; así queda a testemuña histórica do seu nome e apelidos nos muros destes edificios antergos do século XVII, dos poucos que quedan en pé en Vilagarcía, sobre todo os de carácter civil.

Deixamos a rúa Vista Alegre, cruzamos o río do Con, atravesamos a rúa Castelao, a praza de Galicia, a rúa Rey Daviña, Castor Sánchez; por fin, chegamos á Casa do Concello, onde nos recibiron o Sr. Alcalde, a Sra. Concelleira de Educación e o Auxiliar de Protocolo, fomos recibidos no Salón Noble do Concello. Alí dannos explicacións sobre o escudo de Vilagarcía, coa súa coroa real, os distintos cuarteis: o superior coa representación dos tres castros, a chave, o pino e as frechas, o barco, a espada sobre fondo vermello, que indica as loitas patrióticas pola defensa da cidade (sobre todo a Guerra da Independencia, 1808-1809),...

Os nenos descubriron un mundo novo e abraiante; o dos escudos, o da heráldica. Cando teña máis tempo afondarei nesta ciencia auxiliar da historia.

Regresamos, non sin antes pasar por diante da igrexa parroquial de Santa Eulalia de Arealonga, igrexa barroca, que na súa fachada principal ten dous escudos xemelgos, que xa nos soan, porque son da familia do marquesado de Vilagarcía, xa que o arcebispo de Andrade y Sotomayor foi promotor e sostén da súa construcción. Na fachada de entrada á capela do Pilar ou de San Miguel atopamos un escudo eclesiástico. Así, finalmente, podemos repasar os sinxelos contidos sobre escudos civís versus eclesiásticos.

Oxalá algúns destes meniños e meniñas poidan chegar a ser historiadores expertos en heráldica. Nós pretendimos espertar o interese por coñecer un pouco a súa cidade e poder albiscar o que nos contan as pedras que tamén falan e contan as súas historias.

PARA MÁIS INFORMACIÓN:

- Viana Martínez, Víctor, Clopés Burgos, Juan José: EL ARZOBISPO ANDRADE, UN VILAGARCIÁN ILUSTRE. Pontevedra, Concellería de Cultura / Concello de Vilagarcía de Arousa, 2004.

- Naveguen pola WEB do CEIP O PIÑEIRIÑO:

www.centros.edu.xunta.es/ceipopineirino

miércoles, 9 de noviembre de 2011

IX MESA DAS VERBAS



CELEBRAMOS COMO SEMPRE UNHA MESA DAS VERBAS MUY PARTICIPATIVA. COMPARTIRON VERSOS, OS SEGUINTES AMANTES DA POESÍA:

- Juan Antonio Porto (neto de Porto Rey), leu poemas do seu avó

- Enrique Brumbéck (recitador)

- Antonio Pinedo

- Ángeles Conde

- Carmen Darriba (Brétema)

- José Tizado (Brétema)

- Antonio Quiñoy

- María Palacios (Brétema)

- Mª Isabel Pintos

- Carmen Abalo declamou o poema da súa nai: GALICIA ESPERTA

- Andrea Fernández

- Jesús Recio

- Manoel Xosé de Oliveira (Brétema)

- Jean Carballo (Brétema)

- Ramón Torrado

- Alfonso Saavedra

- Xermán Torres

arousatv fixo unha reportaxe que pode verse en



www.arousatv.com



A quen lle agradecemos a súa xentileza.


CAOS

Outono infernal,
sequía cerebral.

Sociedade insaciable
con capitalismo adorable
que ofrece igualdade,
traballo, oportunidades a eito.

Vivimos no mellor
mundo posible...
Podedumbre, miseria,
corrupción...
Quen dixo medo?

A solidariedade reina por doquier,
Maio do 68,
movementos de liberación,
revolucións.
Oh! Mundo ideal,
imperio da lei,
estado do benestar;
quen se pode queixar?

Que mundo!
ONU, OTAN,
UNICEF, OUA...
Alguén quere máis?

Todo o solucionarán
a UE, o FMI, o BM...
Pobre Dámaso Alonso!
Neste mundo
formidable de siglas
e máis siglas.

Nelas podes afogar,
con elas
todo se pode arranxar.

Que mundo feliz!
Que mundo!

XERMÁN TORRES, outubro-2011


O venres 11 de novembro ás 21:00 h., celebramos no Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa o I OBRADOIRO CREATIVO DE POESÍA, ao que asistiron once persoas; nove de forma activa participando nunha proposta creativa: LEMBRANZAS DA MIÑA INFANCIA (a rúa da miña infancia, o pobo da miña infancia, personaxes da miña infancia, medos da miña infancia) e dúas a xeito de observadoras. Os asistentes disfrutaron, nunha nova oportunidade, da poesía, foi unha ocasión interesante, outra alternativa para o tempo de lecer.



LEMBRAMOS QUE A X MESA DAS VERBAS, ÚLTIMA DESTE ANO, TERÁ LUGAR O DÍA XOVES 8 DE DECEMBRO ÁS 21:00 H. NAS INSTALACIÓNS DO LICEO CASINO DE VILAGARCÍA DE AROUSA DA RÚA CASTELAO, Nº 5. ALÍ ESPERAMOS A TODOS OS QUE DISFRUTAN DEBULLANDO VERSOS.