jueves, 30 de agosto de 2012

A VOLTA EN VILAGARCÍA DE AROUSA

Hoxe, día 30 de agosto de 2012, a Volta ciclista a España tivo a súa saída neutralizada dende Vilagarcía de Arousa, en distintas rúas e vías urbanas da cidade puídose observar a serpe multicor. Nós observámola ao seu paso pola rotonda da Luz Salgada, ao remate da rúa Rodrigo de Mendoza e comenzo das Carolinas, cando os corredores dirixíanse cara ao alto do Pousadoiro, camiño da meta do cumio do Ézaro, alí tiña lugar a saída real. Queremos destacar ao corredor local, Gustavo César Veloso, un gran deportista e mellor persoa, atento e solidario; un cabaleiro do pelotón. Noraboa por todo, Veloso, por ser como es, sinxelo, próximo á xente. Desexámosche moitos éxitos na túa carreira deportiva e na túa vida. Boa volta!

miércoles, 22 de agosto de 2012

JULIA BECERRA MALVAR, A CONDESA DO POBO

Julia Becerra Malvar veu a primeira luz no pazo familiar de Salcedo (Pontevedra) no ano 1889, era filla de Manuel Becerra Armesto, quen era alcalde de Pontevedra cando naceu Filgueira Valverde en 1906, e de Josefa Malvar de la Maza, da familia do recoñecido arzobispo Malvar, que ocupou a mitra compostelá e promoveu a estrada que une Pontevedra coa capital de Galicia. A condesa de Creixell finou na súa casa de Madrid en 1974. Como argumenta o noso amigo, Xosé Lois Vila Fariña, no seu libro: EL VALOR DE UNA MUJER: JULIA BECERRA MALVAR. NOTAS PARA SU BIOGRAFÍA, trátase dunha muller adiantada ao seu tempo, ben relacionada coa intelectualidade galega, moi amiga do poeta Ramón Cabanillas, por exemplo. Tiña moi bos contactos con personaxes dos distintos sectores políticos, cabe mencionar aquí a súa colaboración e participación no chamado pacto de Barrantes, alá polos primeiros anos trinta do pasado século. Sabida a súa afección pola música e máis concretamente polo "bel canto". Tamén gustaba da vida sinxela do campo, amante da Natureza e dos traballos campesiños, disfrutaba moito co contacto das xentes da bisbarra de Barrantes, o seu pai deulle como agasallo de voda o pazo de Barrantes. Era unha muller boa que axudou a moita xente nos tempos terribles da Guerra Civil (1936-1939) e nos da ulterior dictadura. Foi unha benefactora de Ribadumia e Barrantes, onde cedeu numerosos terreos onde se construiron instalacións e equipamentos para diversos servicios públicos do concello ribadumiense e foi artífice de moitas accións que redundaron no beneficio dos seus queridos conveciños. Para saberes moito máis desta ilustre muller compre ler o libro de Vila Fariña, que foi presentado oficialmente o pasado venres 17 de agosto na Casa da Cultura de Ribadumia. Xunta ao autor estaban na Mesa Presidencial, a Alcaldesa de Ribadumia, Salomé Peña Muñiz, quen presidiu o acto de presentación, a ex directora do CPI "Julia Becerra Malvar", Emilia Martínez Pazos, promotora da publicación e do acto, e o xornalista vilanovés, Benito Leiro Conde, quen colaborou con Vila Fariña para rematar a publicación desta monografía. Entre os numerosos asistentes a esta presentación atopábanse familiares e descendentes da condesa, entre eles, María Cristina Cebrián Sagarriga "Coca", sobriña da biografiada, quen facilitou numerosas informacións e abundantes materiais documentais ao noso bo amigo Vila Fariña, que é un exemplo de superación para todos nós diante das dificultades da vida, do que tamén sabía bastante a boa de dona Julia. Noraboa e parabéns para Xosé Lois Vila Fariña, "Ulisis Figueroa".

lunes, 13 de agosto de 2012

EXISTE UNHA ESCOLA GALEGA HOXE?

Os anceios dos galeguistas, dos homes e das mulleres que amaban a Galicia e pola que moitos deles entregaron a súa vida como verdadeiros mártires, alá, polos primeiros anos do século XX, e sobre todo, na década que vai dos vinte aos trinta, reivindicaban que houbera unha escola galega, onde se falara a súa querida lingua e onde se ensinaran as materias, as ciencias, as técnicas, as artes propias e útiles para Galicia. Abrir as fiestras dun escola arcaica para que entre dentro o aire fresco de Galicia, que traballe pola renovación e por un bo porvir para Galicia e para as súas xentes. Que a escola non lle dea as costas unha vez máis á malfadada Galicia. Aqueles egrexios galeguistas quería unha escola galega na que se estudiasen e vivisen a lingua galega xunta á nosa xeografía, a historia, a ciencia, as técnicas, as artes, os costumes e a cultura da Nosa Terra, co fin de traballar por unha terra próspera, que supere a tradicional miseria material e espiritual na que vivía e aínda vive Galicia. A Nosa Terra estaba olvidada e aldraxada. Os galeguistas querían un mellor porvir e este pasaba por ter unha escola galega, con mestres galegos que levaran dentro do seu corazón e da súa mente, no seu sentir e no seu vivir a Galicia, unha Galicia para a vida. Podemos dicir hoxe que temos esa escola galega? A lingua galega é cooficial na nosa comunidade, ensínase oficialmente nas escolas, hai contidos curriculares referenciais de Galicia. Pero, sentimos e vivimos Galicia como desexaban aqueles homes e mulleres bos e xenerosos, íntegros galegos? Penso que non. Falo da miña experiencia. A moitos mestres non lles queda máis remedio que impartir algunhas áreas en galego, se realmente cumpren coa legalidade. A administración pública fai o paripé legalista, mais as súas ideas e o seu sentir son outros. A Administración Educativa de Galicia semella máis unha sucursal da administración da Súa Graciosa Maxestade Británica ou uns aprendices avantaxados da Escola de Chicago e o neoliberalismo. Non aman a Galicia, non sinten Galicia; sérvense de Galicia para os seus fins partidarios. É o que é máis triste a nosa infancia e a nosa mocedade están alienadas, invadidas e colonizadas maiormente pola música, literatura, modas e medios de comunicación alleos; principalmente anglosaxóns: americanos e británicos. Non hai uns medios de comunicación, tan influintes hoxe, realmente galegos. Espallan outras culturas e outros modelos de vida totalmente alleos. Formalmente é posible que exista unha escola galega, na lei morta; pero, no fondo e na práctica quedan moi lonxe de se cumprir as arelas daqueles homes e mulleres que soñaban cunha escola galega e cunha puxante Galicia. Precísase seguir a reivindicar a Galicia e mais a escola galega que querían, entre outros: Villar Ponte, Johan Viqueira, Bóveda, Castelao, Otero Pedrayo, Vicente Risco, Filgueira, "Roxerius",... Temos que seguir a soñar, a arelar esa Galicia, esa escola galega polas que compre traballar e loitar día a día, todos os días.

lunes, 6 de agosto de 2012

XVII MESA DAS VERBAS

O día 3 de agosto de 2012 celebramos a XVII edición do encontro poético que denominamos MESA DAS VERBAS. Xuntámonos un grupo de amantes da poesía na Praza de Galicia de Vilagarcía de Arousa e alí compartimos versos, ilusións, emocións, sentimentos. Nesta oportunidade lembramos a poetas vilagarciáns doutros tempos. Citamos e/ou lemos algún poema de FRANCISCO PORTO REI, RAMÓN GARCÍA LAGO, FERMÍN BOUZA BREY, LUIS BOUZA BREY, AQUILINO IGLESIA ALVARIÑO, LISARDO BARREIRO, JESÚS GARRIDO, MANUEL TRIGO, SANTIAGO SAAVEDRA, MATILDE ALONSO, CARMEN NOYA, XAQUINA TRILLO. "Énchanse, fártense de poesía! / Xuventude galega faite idealista, romántica, poetízate. O mundo será teu!" (JOHAN VICENTE VIQUEIRA, gran pedagogo, poeta, escritor en A NOSA TERRA o 10/02/1918). Participaron activamente recitando os seus poemas ou poemas escollidos: ALFONSO SAAVEDRA, GONZALO BOUZA-BREY, ALEJANDRO GUANELLA, GRACIELA, JOSÉ TIZADO, TITO PORTO, EV.CALO, ÁNGELES CONDE, ANTONIO PINEDO, ENRIQUE BRUMBÉCK, Mª JOSÉ RUBIANES, RAMÓN TORRADO, CARMEN DARRIBA, RAFA GÓMEZ, MANOEL XOSÉ DE OLIVEIRA, JEAN CARBALLO, CARMEN ABALO, MARÍA PALACIOS, ANTONIO QUIÑOY, FINITA, JUAN JOSÉ PORTO, ANDREA FERNÁNDEZ, XERMÁN TORRES. Acompañounos o pianista GERMÁN JESÚS TORRES SÁNCHEZ, que interpretou fragmentos escollidos de CHOPIN e MOZART. Agradecemos ao Concello de Vilagarcía de Arousa que colaborou unha vez máis para sacar a MESA DAS VERBAS ás prazas e rúas de capital arousana. Vinte / lavar no río. / Vinte, / na beira, / soñando. // Vinte / lavar no río. / Vinte. / na beira, / chorando. (MANUEL TRIGO). Por este camino que alumbre un lucero, / Por este camino, por este sendero, / ¡Que venga la Muerte, sino torne él! (RAMÓN GARCÍA LAGO). Mar de Arousa, Mar de Arousa / eu ben sei que Ti, és ría. / Mais eu quéro-te chamar: / o Mar de Vilagarcía. (XAQUINA TRILLO). Que se alonxe de nós tanto cruel e vil materialismo, / tanta triste usura e avaricia que a todos empobrece; / querido santo francés aparta o voraz neoliberalismo, (XERMÁN TORRES). A próxima MESA terá lugar nunha data a determinar do mes de setembro. SAÚDE E POESÍA