lunes, 31 de marzo de 2014

PROXECTO TEATRAL

O meu querido curmán, Estanis Aboal, xa hai ben de tempo que escolleu orientar a súa vida cara o mundo do teatro, fundamentalmente nas tarefas da escenografía, pero tamén como actor. Chega a hora de rematar os estudios universitarios sobre os temas teatrais e agora compre un proxecto de fin de carreira. E o deseñado por Estanis e os seus compañeiros é un proxecto ben interesante e atraente, aínda que parece ser que siguen os malos tempos para a lírica, para a dramaturxia; para a cultura. Por eso, el e os seus compañeiros de proxecto piden a colaboración de todos os interesados de exercer un "mecenazgo" activo. Eu bríndolle toda a miña colaboración. Ao tempo que abrimos esta xanela informativa para que todos os que o desexen poidan tentar poñer o seu grao de area co fin de que sexa posible levar a bo fin esta ilusionante empresa teatral. Para todos gratitude.

Eu estiven noutro tempo moi engaiolado polo noso teatro, polo veleno do teatro, e participei animando grupos de teatro, sobre todo de teatro escolar, aínda me gusta e sinto nostalxia, aínda que agora estou centrado noutro temas, son etapas, épocas... Pero, tírame moito o teatro.

Ánimo! Arriba o pano!

<iframe allowtransparency="true" frameborder="0" height="265" scrolling="no" src="http://www.verkami.com/projects/8296-no-hi-ha-meravelles-al-pais-de-mai-mes-primer-musical-de-la-companyia-la-cita/widget_landscape" width="586">No iframes supported</iframe>

Una idea de: Víctor Vela Salgado | Crowdfunding por: Verkami_logo
Thb
Conseguidos330€
de3.000€
11% conseguidos
Quedan 36 días
Què passa quan la celebritat et devora per dins? Què passa quan créixer, no és una opció? Què passa quan et trobes amb la persona més semblant a tu del món i, alhora, és la més .

SORTE A ESTANIS ABOAL E AOS SEUS COMPAÑEIROS DE PROXECTO.

miércoles, 26 de marzo de 2014

XXXV MESA DAS VERBAS


XA SABEDES AMIGOS E AMIGAS ESTE VINDEIRO SÁBADO, ÁS 19:30 H. E NO LUGAR DE COSTUME TEMOS UNHA NOVA EDICIÓN DA MESA DAS VERBAS, UN ENCONTRO DE TODOS OS AFECCIONADOS Á POESÍA, QUE ASÍ O DESEXEN, COMPARTIREMOS VERSOS E ESTABLECEREMOS VÍNCULOS ENTRE TODOS OS ASISTENTES. NON FALTEDES. (AO FINAL TENTAREMOS DE COMPOÑER UN POEMA COLECTIVO E XA IRÍAN TRES CON ESTE). VÉMONOS E SAÚDE E POESÍA!

"Una tarde parda y fría...", máis que unha tarde primaveral era unha tarde de inverno, pero nós enchémola de versos, fixemos primavera unha tarde parda e fría e compartimos versos e trabamos coñecemento de novos compañeiros que queremos converter en amigos a asíduos das nosas Mesas, aínda que botamos moito de menos aos que non puideron asistir por múltiples causas. Ceibamos os versos ao ar:

- Eduardo Víctor Castro López
- Tere Briones
- Carmen Abalo
- Andrea Fernández
- Tito Porto
- Ramón Torrado
- Antonio Quiñoy
- Gonzalo Suárez
- María José
- Victoria Iglesias
- Enrique Brumbéck
- Xermán Manoel Torres

Ao final da Mesa falamos de novas propostas que acollerá esta realidade poética mensual e das que iremos dando conta tan axiña como se vaian a producir, son ideas aceptadas por todos os presentes e que queremos que sexan de goce artístico para todos que o queiran compartir con nós.

SAÚDE E POESÍA

martes, 18 de marzo de 2014

PONTEVEDRA É BOA VILA


Pontevedra, a Boa Vila,
chea de historia nas pedras,
chea de vida nas flores;
mil camelias na Alameda.

Recordos de Odriozola,
penas polo profesor Filgueira,
ámbolos dous, ao seu xeito,
ámbolos dous de camelias cubertos.

Pontevedra, a Boa Vila,
foi horto de grandes xenios,
camelias para Losada,
para Bóveda e para Daniel.

Énchese de ledas flores
de Santo Domingo as ruínas,
camelias para o Museo,
camelias para don Casto.

Canta xente importante!
Que cidadáns do Teucro!
Camelias para os Mareantes,
Camelias para Santa María.

Pontevedra, a Boa Vila,
para ti vou cantando,
camelias vou esfollando
nesta batalla de flores.

Camelias para a Peregrina,
camelias para San Roque,
para San Bartolomeu camelias,
as mesmas flores preciosas

para San Francisco,
preto da Ferrería,
na capital do Lérez,
mil camelias de alegría.

HIDROMEL de Xermán Manoel Torres

domingo, 9 de marzo de 2014

PEGADA DE MULLER




































Onte sábado 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, ás 20:00 h., tivo lugar na Sala de Exposicións "Rivas Briones" de Vilagarcía de Arousa a inauguración da exposición DE BERROS E OLLADAS, como un contundente acto de rexeitamento do maltrato á muller. Trátase dunha moi interesante mostra que combina fotografía e poesía. Recomendo a súa visita. A alma mater de que dita exposición visite Vilagarcía na súa xira por Galicia é a nosa amiga Andrea Fernández Maneiro, que é unha das artistas que nos ofrece os seus fermosos Haikus ilustrando unha das series de fotografías da mostra. Presidiu o acto de inauguración a Concelleira de Educación e Cultura, Rocío Llovo e houbo a extraordinaria actuación musical do grupo CANTA COMPAÑA de A Coruña. A mestura de fotografía, poesía e música combinou moi ben. Ofrecemos unha reportaxe desta fermosa e sensible inauguración.

sábado, 8 de marzo de 2014

A NOSA MUSA, A CAMELIA









SONETO Á CAMELIA
CON ESTRAMBOTE PARA R. GIMSON


Esta tan exuberante, ventureira e fermosa flor
que é a única musa do Salnés e de Arousa,
raíña da invernía que alcanza o seu primor
aquí, na nosa terra, e non che é calquera cousa,

ela é a camelia chegada de Oriente, chea de cor
e de moita frescura, que nos nosos pazos repousa.
Engalana os nosos xardíns co seu eterno verdor,
cos seus coloridos pétalos adorna a nosa chousa.

Todos aquí admiramos tan extraordinario vexetal,
símbolo, regalía e tesouro da nosa agraciada Ría,
aquí chegaches e por sempre quedarás no noso Val.

No tempo de inverno, ti es a nosa esperada alegría,
cando as néboas, chuvias e brétemas, levantas nosa moral.
Flor das flores, nosa ledicia, chea estás de galantería!

Gimson veu de lonxe como as camelias
Inquilino namorado do Salnés,
Mar de Arousa que o acolleu amoroso na
Saleta querida, paraíso vexetal.
Obreiro de flores, pai de xapónicas e xaspeadas.
Non morreu; sobrevoa o frondoso xardín do tempo.

sábado, 1 de marzo de 2014

SOÑOS DE PAPEL E XIZ (I): A tele máxica






LIMIAR

 Comezo así a narrar algunhas das lembranzas de 31 anos de exercicio de maxisterio público. Tratan ser unha homenaxe ao alumnado (centos ou miles de nenos e nenas de  entre os 3 e ata os 16 anos), que me acompañou neste traxecto de ir facendo escola, e que me ensinou tanto; na escola todos aprendemos de todos. Tamén no meu corazón tantos pais e compañeiros que me axudaron a crecer como persoa. Tiven e aínda teño a fortuna no meu traballo de terme atopado con persoas marabillosas, un agradecemento e recoñecemento a un ensino público tan mal tratado, sobre todo, ultimamente, mágoa de que non nos concienciemos de que o ensino é clave para o desenvolvemento e felicidade dos pobos. Tamén a miña lembranza para as magníficas inspectoras de educación coas que tiven e teño o pracer de traballar co fin de ser mellor mestre e construír unha escola para a vida e para a felicidade. Non direi nomes (sería imperdoable non nomear a alguén) indicarei colexios, poboación e curso académico. A memoria fai estragos e para non esquecer tantos intres bos, lembrarei algúns retallos dos meus soños de papel e xiz.

Cada época ten os seus medios, as súas tecnoloxías, pero onde estea un mestre con ilusión, ganas de traballar, con dedicación e amor polo seu alumnado e uns nenos ávidos de aprender alí está a escola (Mario Moreno “Cantinflas”: EL PROFE). A creatividade, o enxeño, uns bos métodos; moita psicoloxía e pedagoxía e sobre todo cariño e respecto fan da escola un lugar agradable e inesquecible; un lugar onde agroman os soños e un lugar onde asoman a vida e a ledicia dos nenos, un xardín en flor.

A TELE MÁXICA

No curso 1984/1985 tiven a sorte e o pracer de exercer de mestre na EEI “Vagalume” de Vilagarcía de Arousa. Era o meu terceiro destino no ensino público (con anterioridade exercera moitos anos de profe de clases particulares e con contratos por obra no Concello de Vilagarcía para alfabetizar a algún traballador de dito Concello). Por fin recalaba na miña querida cidade natal para permanecer nela ata o de agora practicando a miña vocación de mestre. Estaba moi ilusionado e contento co meu novo destino. Por ser o máis novo e o último en chegar tiven que exercer tamén de secretario. Eu facía co alumnado actividades que lles gustaban moito: Educación Física, música, teatro, apoio escolar. Todo o agradable, quizais por iso fun moi querido e sentinme moi feliz nesa comunidade educativa.

Axudamos e animamos a crear a primeira Asociación de Nais e Pais do Vagalume. Fixéranse moitas actividades extraescolares e complementarias (saídas e visitas –unha memorable á Praza de Abastos-, teatro de marionetas -feitas de cartón-, cine escolar –no desaparecido salón de actos da Caixa de Aforros Municipal de Vigo en Dr. Tourón-) e tantas experiencias nas que a entrega e entusiasmo, así como o cariño do alumnado, deixaban forte pegada no corazón daquel mestre mozo.

Mais vouvos falar dun invento sinxelo, que me dou moito xogo e axudoume a gozar e a facer uns actos educativos moi gratificantes, xogando a aprender cores, números, conceptos, palabras, certas expresións noutros idiomas e cos que os nenos se sentían moi ledos e se entregaban totalmente, era a TELE MÁXICA, unha rudimentaria tele de cartón –que se pode ver na imaxe que ilustra este artigo-, onde cabían personaxes e escenarios que lles gustaban ás nenas e aos nenos cos que tiven a sorte de traballar naquel inesquecible curso. Eu inventaba historias (unha panda de nenos nun bosque máxico –mágoa non ter rexistradas esas historias que tanto lles gustaban-, o esquío MARIANA, variadas cancións do folclore en castelán, galego, francés. O extraordinario libro de Manuel María: OS SOÑOS NA GAIOLA e o disco homónimo de Suso Vaamonde –que aínda uso hoxe-, tamén o recoñecido libro de cancións infantís con cassette incorporada: PASITO A PASITO). Na tele máxica tamén utilizaba personaxes propios da infancia daquel tempo, OS PITUFOS, WILLY FOGG, precisamente deste personaxe fixera unha marioneta articulada de gran formato en cartón. Usaba moito cartóns, papeis de cores e a maxia das palabras e das cancións e a ilusión, a inxenuidade e a inocencia e bondade daquel alumnado que endexamais esquecerei.
E para rematar, dicirvos que nese curso 1984/1985 logramos organizar a maioría do profesorado do ensino de Vilagarcía (colexios públicos e concertados) cousa que nunca máis foi posible e non se repetiu, unhas festas patronais de San Xosé de Calasanz memorables, onde houbo probas deportivas entre mestres e alumnado, actos festivos (banquete e baile), actos relixiosos (unha misa para quen quixo asistir), actos culturais (entre eles a proxección no Salón de Actos xa mencionado, da película OS 400 GOLPES de François Truffaut, en versión orixinal, e coa colaboración do tristemente desaparecido Cine-Club Ádega). Foi un curso moi completo que permanecerá por sempre na miña lembranza.  (Outro día seguirei cos recordos educativos, co obxectivo de non perder unha parte de min).