lunes, 26 de mayo de 2014

XXXVI MESA DAS VERBAS




Participámosvos que o vindeiro sábado 31 de maio de 2014, a partires das 19:30 h. e no Salón de Actos do Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa (Rúa Castelao, 5), celebraremos a XXXVI MESA DAS VERBAS, recital poético mensual, aberto a todos os interesados na poesía. Nesta oportunidade, contaremos co acompañamento musical do Coro Voces Amigas de Vilagarcía, dirixido por Chiruca Rivera, que nos deleitarán coas fermosas cancións do seu repertorio. E na primeira parte da Mesa o poeta Gonzalo Suárez presentará o seu libro titulado: POESÍA DE LO AJENO. Todos os que desexen gozar da poesía e da música están convocados a esta XXXVI MESA DAS VERBAS.

Como sempre o cartel anunciador deseñado por Andrea Fernández, "Nei". 

Todo resultou moi ben, o coro gustou moito, a presentación do poemario de Gonzalo Suárez foi moi ben acollida e nesta ocasión soltaron os seus versos ao ar:

Carmen Abalo, José Tizado, Tere Briones, Enrique Brumbéck, Antonio Quiñoy, Jean Carbalho, José González, Tito Porto, Augusto Guedes, Ramón Quintáns, Ramón Torrado, Andrea Fernández e Xermán Manoel Torres.

Tivemos unha especial lembranza para Manoel Xosé de Oliveira e o Grupo Brétema de Vigo, agardando e desexando todos cun forte e sentido aplauso a melloría de saúde do noso amigo, Manoel Xosé. Queremos velo pronto e de novo pola Mesa das Verbas.

SAÚDE E POESÍA!

jueves, 22 de mayo de 2014

O ARCEBISPO EN AROUSA


Este próximo domingo, 25 de maio, a partires das 19:00 h. e no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa, o Arcebispo de Santiago de Compostela, Julián Barrio Barrio, pronunciará unha conferencia sobre:

SÍNODO DIOCESANO. RENOVARNOS EN COMUNIÓN DESDE CRISTO.

Quen mellor para falar sobre o Sínodo Diocesano, no que estamos inmersos, que o propio Arcebispo convocante e presidente do mesmo. O Sínodo quere ser un revulsivo para a nosa diócese, un camiñar xuntos para reflexionar, revisar; para renovarnos. Co fin de seguir a construir a Igrexa de agora e de mañán.

Nestes intres, atopámonos na fase de consultas, os grupos parroquiais de reflexión sinodal están a desenvolver un intenso traballo para fornecer as Asambleas Sinodais  de documentos e textos para debater. A fase das Asambleas Sinodais está prevista para o ano 2015. O Arcebispo expresará as súas inquedanzas, as súas arelas, as súas ilusións e, sen dúbida, nos motivará a todos a colaborar con el neste proceso sinodal. Está preocupado por os que se van, os alonxados, os que non cren. El quere un Sínodo de todos e para todos; todos teñen dereito a participar neste camiño sinodal. Debemos ser xenerosos e participar, os indecisos poden vir ao Auditorio Municipal vilagarcián a ver que pasa e para saber de que vai un Sínodo Diocesano. Dende 1904, data do último, non se celebrou ningún na nosa Arquidiócese; polo que estamos a vivir un momento histórico, non o deixemos pasar, sexamos todos protagonistas.

Este acto está organizado polos Arciprestádegos de Arousa, Salnés, Ribadumia e Umia, pertencentes a Zona Pastoral 12 da Arquidiócese de Santiago de Compostela, todos estamos convocados.



 

domingo, 18 de mayo de 2014

XOSÉ Mª DÍAZ CASTRO, POETA DA CALIDADE



Ao parecer a Real Academia Galega recibiu parabéns por ter escollido para o presente Día das Letras Galegas 2014 ao poeta chairego, Xosé Mª Díaz Castro. En galego a súa obra poética publicada era pouca en cantidade, a penas os trinta e dous poemas de NIMBOS e algúns poemas publicados en revistas como ALBA e DORNA ou na prensa escrita. Pero, legounos moitos máis poemas, sobre uns douscentos, que permaneceron moito tempo inéditos ou pouco coñecidos polo gran público. A histórica editoral GALAXIA vén de facer un esforzo editorial e un novo servicio á nosa cultura ao reeditar NIMBOS e ao ofrecernos a poética completa en galego do noso autor. O Día das Letras ademais de homenaxear é unha oportunidade para descubrir ou redescubrir valores literarios que pasarían despercibidos para a maioría dos galegos.

Díaz Castro ten tamén unha obra considerable en castelán e noutros idiomas. A súa formación políglota levouno a facer versións ao galego e ao castelán de obras de grandes autores europeos.

Imos reproducir un seu poema no que canta a súa terra, a TERRA CHÁ, na que se lembra do seu amigo e tamén gran poeta chairego, MANUEL MARÍA:

Vaise arrastrando a aurora
sobór da Terra Chá;
dous tordos invisibles
están chía que chía;
unha manta de néboa
quer afogar o día;
van caendo despidas,
unha que outra mazá;
nun mar de terra verde
anégase a mañá,
e céibanse a voar,
tras dunha noite fría,
cheos de orballo, os versos
do gran MANUEL MARÍA...

(Obtido de: Xosé María Díaz Castro, poesía galega completa. Edición de Armando Requeixo. GALAXIA, Vigo, 2014, p. 140).

O noso amigo, Xosé Castro Ratón, vén de publicar en colaboración coa Fundación Amigos de Galicia un seu libro (do que ofrecemos portada e dedicatoria en dúas imaxes), que é unha aportación bibliográfica que completa o perfil vital do autor de NIMBOS e analiza as súas distintas etapas creativas.

Agradecemos a agarimosa e inmerecida dedicatoria e desexamos con Xosé Castro e en palabras de Cunqueiro: MIL PRIMAVERAS MÁIS PARA A LINGUA GALEGA.



jueves, 15 de mayo de 2014

FESTIVAL LETRAS GALEGAS NO CONSERVATORIO





LETRAS GALEGAS 2014
CONSERVATORIO PROFESIONAL DE MÚSICA
 DE VILAGARCíA DE AROUSA
MESA DAS VERBAS

Auditorio Municipal, xoves 15 de maio de 2014 ás 20:00 horas
Entrada libre e de balde


PROGRAMA

Danza e Contradanza de Darbo ........... Tradicional /Arr. Diego Mariño
Conxunto de Gaitas do Conservatorio Profesional de Música de Vilagarcía de Arousa
Pablo Dopazo, Moisés Carral, David Canto e Marcos Varela

Os Outros ......................... X. M. Torres
Xermán Manoel Torres de Aboal

Schön Rosmarin ..............................F. Kreisler
Elena Rodríguez Oubiña, Violín
Gañadora do 1º premio categoría Solistas A “Eligio Vila” da IV Edición da Mostra Musical do Eixo Atlántico
Javier Vila, pianista acompañante

Miña casiña, meu lar  ...............  Rosalía de Castro
Carmen Abalo

Adagio ............................................................ B. Marcello
Carolina Pedrido Rodríguez, Frauta traveseira
Javier Vila, pianista acompañante

Tempos e tempos  .................. Ramón Cabanillas
Enrique Brumbeck


Andante ................................................................... J.  Quantz
Carolina de las Fuentes Oliveira, Frauta traveseira
Javier Vila, pianista acompañante

Paxariños doces  ................................................... T. Briones
Tere Briones

Lied ......................................................... E. Bozza
Piece de Concours ....................... L. Picavais
Esteban Rodríguez  Bello, Trompeta
Vladimira Smausová, pianista acompañante

Fillos da Ira  .............................  R. Quintáns
Ramón Quintáns

Meditación .................................... J. Massenet
Elena Rodríguez Oubiña, Violín
Javier Vila, pianista acompañante

Penélope ................................ Xosé Castro Díaz
Rocío Llovo del Río, Concelleira de Educación e Cultura de Vilagarcía de Arousa


 XOSÉ Mª DÍAZ CASTRO
2014


martes, 13 de mayo de 2014

A RAPSODIA AROUSÁ DE ELIXIO VILA



A RAPSODIA AROUSÁ, estreada en 2007 e composta por Eligio Vila Vázquez. Trátase dunha obra descriptiva, de carácter alegre, que nos transporta ás fermosas paisaxes de nosa comarca, semella que se escoitan os paxariños a cantar, fundíndose coas ondas do mar de Arousa, que ás veces tamén brúan con forza. Obra francicanista polo trato agarimoso e acolledor da natureza, nela fúndense clasicismo e folclorismo nun conxunto amable e pintoresco, nun remanso de paz arousán, alomenos esas son as nosas impresións ao escoitar esta peza na honra da nosa fermosa e querida comarca.

Ofrecemos un fragmento interpretado pola Banda Filharmónica do Salnés, dirixida por Rafa Agulló Albors na Clausura da IV MOSTRA MUSICAL DO EIXO ATLÁNTICO, celebrada no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa, o domingo 11 de maio de 2014, acto no que se rendeu unha homenaxe ao compositor, Eligio Vila Vázquez.



lunes, 12 de mayo de 2014

CLAUSURA DA IV MOSTRA MUSICAL DO EIXO ATLÁNTICO








Na tarde do 11 de maio de 2014, no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa, a partires das 17:30 h., celebrouse o acto de Clausura da IV MOSTRA MUSICAL DO EIXO ATLÁNTICO, na que se lle rendeu unha homenaxe ben merecida ao compositor, Eligio Vila Vázquez, pola súa paixón e toda unha vida dedicada por enteiro á música, a súa traxectoria vital e profesional estivo sempre marcada pola arte da Musa Euterpe.

Subliñar que estas mostras bianuais do Eixo Atlántico teñen a súa orixe e xurdiron das mostras, que no seu día, organizou e levou adiante a Asociación de Nais e Pais do Ensino Musical de Vilagarcía “ATRIL”, asociación, que como moi ben lembrou Rosina Sobrido, directora do Conservatorio Profesional de Música de Vilagarcía de Arousa, loitou para conseguir o Conservatorio da nosa cidade, organismo educativo que forma parte moi activa na organización de ditas mostras.

Neste acto, a Banda Filharmónica do Salnés, dirixida por Rafa Agulló Albors, e composta por mozos e mozas músicos da comarca, algúns deles formados no conservatorio vilagarcián, interpretou como broche de ouro final, RAPSODIA AROUSÁ, estreada en 2007 e composta polo homenaxeado. Trátase dunha obra descriptiva, de carácter alegre, que nos transporta ás fermosas paisaxes de nosa comarca, semella que se escoitan os paxariños a cantar, fundíndose coas ondas do mar de Arousa, que ás veces tamén brúan con forza. Obra francicanista polo trato agarimoso e acolledor da natureza, nela fúndense clasicismo e folclorismo nun conxunto amable e pintoresco, nun remanso de paz arousán, alomenos esas son as nosas impresións ao escoitar esta peza na honra da nosa fermosa e querida comarca.

Finalmente, queremos destacar que no seu discurso a directora do Conservatorio e presentadora do acto, Rosina Sobrido, indicou que o ensino da música, hai que entendelo “como un investimento non como un gasto” e con el contribuimos á máis completa formación da mocedade e á contrucción dun mundo mellor. Os nosos pais legáronnos unha sociedade mellor, nós temos que facer o mesmo cos nosos nenos e mozos. Rosina Sobrido agradeceu a Eligio Vila o seu labor educativo e compositivo. Tamén manifestou a súa gratitude ás autoridades pola súa aposta pola educación musical.

Dirixiron ás súas verbas ao público a Concelleira de Cultura, Rocío Llovo, o Vicepresidente do Eixo Atlántico, Ricardo Río e clausurou o acto o Alcalde de Vilagarcía, Tomás Fole, quen se comprometeu a seguir apoiando o ensino musical e a celebración destas mostras, tamén dirixíu un agarimoso saúdo e unhas palabras de gratitude ao homenaxeado, Elixio Vila, e emprazounos a todos para a V MOSTRA, correspondente ao ano 2016.






sábado, 3 de mayo de 2014

O ROMÁNICO LUCENSE DA RIBEIRA SACRA (I)

O día 1 de maio, o colectivo de catequistas da Parroquia de Santa Baia de Arealonga fixemos unha viaxe cultural e de convivencia á Ribeira Sacra da parte da provincia de Lugo. Como xa temos indicado noutras oportunidades a Ribeira Sacra é unha comarca ben rica (magníficas paisaxes, riqueza natural, cultural, termal,...), unha zona para descubrir e gozar. Nós imos ir ofrecendo algunhas instantáneas e experiencias vividas nesta extraordinaria viaxe desde todos os puntos de vista (da convivencia, da cultura, dos encontros...).

A primeira parada foi en Ferreira de Pantón, onde visitamos o interesante mosteiro das bernardas, que foi fundado no século X pola comunidade benedictina. No século XII, pasa a pertencer á orde do Císter, de aí o nome que recibe das bernardas. Un complexo histórico e monumental con restos medievais e de distintas épocas por exemplo da época barroca e tamén neoclásica. Pero, o fundamental e de máis interese é todo o que se conserva do románico. Na desamortización non sufríu moito porque había no mosteiro monxas da comarca que de forma disimulada foron coidando e protexendo o máximo que puideron, por eso foi posible que chegará ata nós tan ben conservado. Entre as cousas de máis valor e que a comunidade garda como ouro en pano, unha imaxe románica da Virxe María, do século XII.

Recomendamos a visita obrigada a este mosteiro e non deixen de mercar os gorentosos doces que elaboran as monxas da comunidade. Ademais de mercar outros obxectos como lembranza do paso por este marabilloso entorno, onde tamén as cegoñas fan o seu niño.