martes, 25 de noviembre de 2014

XIII MEMORIAL FILGUEIRA - ALONSO MONTERO (II)



Xesús Alonso Montero califica a Filgueira Valverde como o máximo "pontevedrólogo", a persoa que máis coñecía e amaba á súa Pontevedra, pero hai outra cidade dos seus amores e onde se atopaba moi ben, Santiago de Compostela, a capital de Galicia. Filgueira coñecía como ninguén o Románico e o Barroco composteláns, a cultura europea, o mundo das peregrinacións, foi un dos máis grandes protectores dos Camiños de Santiago, tiña un fondo coñecemento sobre todo o relacionado coas cantigas medievais. Foi unha figura tan xigante da cultura galega porque tiña unha grande cultura hispánica. Un libro paradigmático, o mellor libro de Historia da Literatura Comparada antes do 1936, foi a publicación da súa tese de doutoramento polo Eco Compostelano, precisamente en 1936.

Estamos a preparar un actividade que chamaremos FILGUEIRA RIMA CON ARMENTEIRA, porque Armenteira débelle todo a Filgueira.

Non todos teñen a sorte de nacer na casa de Paio Gómez Charino. Filgueira foi un gran medievalista.

Na súa formación destaca a influencia da figura do seu pai, o lembrado médico, D. Xosé María Filgueira Martínez.

Antes dos 20 anos publica moito e en revistas científicas con temas relixiosos e da Igrexa Católica. Para el o feito relixioso católico é algo radical, algo que ten que ver con raíz. O catolicismo é fundamental para entender a Filgueira e a súa familia. En 1938 casa con Mª Teresa Iglesias de Oscáriz, muller de forte impronta católica. Quedan ben caracterizados porque eles buscan a salvación que supón facer o ben na comunidade onde viven. 

Os textos de Afonso X e colaboradores van nesa dirección, as 420 cantigas de Afonso X, que tan ben coñecía Filgueira teñen unha mentalidade medieval, que aspira á salvación. A Cantiga CIII (s. XIII) é unha cantiga de tipo relixioso. Que tipo de gozo experimentan os benaventurados que van ao Ceo? O monxe pídelle á Virxe un esbozo dese gozo. As cantigas non son obra exclusiva de Afonso X, senón dun obradoiro, dun colectivo coordinado polo Rei Sabio. O monxe oe cantar unha paxarinha, un canto tan extraordinario que dura un instante, pasaran trescentos anos. As cantigas converten Armenteira nun centro de actividades filgueirianas. Ese tratado de Historia Comparada que constitúe a súa tese de doutoramento é defendida en 1935 e publicada en 1936.

O 23/01/1923, cando tiña 16 anos publica un artigo sobre Xelmírez en Renovación. Ben pronto tamén pronunciaría unha conferencia en galego sobre S. Pío V. E sendo aínda moi novo publica 4 artigos sobre traballos de investigación sobre textos medievais na importante revista Nós.

(NUNHA TERCEIRA ENTREGA, ACABAREMOS OS NOSOS APUNTAMENTOS SOBRE A CONFERENCIA DE ALONSO MONTERO NESTE PASADO XIII MEMORIAL FILGUEIRA),

jueves, 20 de noviembre de 2014

XLI MESA DAS VERBAS - 22-NOV-2014



TEMOS UNHA CITA COS VERSOS E COA A AMIZADE NON FALTEDES, AS VOSAS VERBAS CONTAN!

Nesta oportunidade ceibamos os versos ao ar:

Enrique Brumbéck
 Jean Carbalho
Jesús Recio
Augusto Guedes
 Carmen Darriba
Isaura
Rafa Gómez
Antonio Quiñoy
Isabel Peleteiro
Ramón Quintáns
Tere Briones
José Tizado
 Andrea Fernández
Bilal Traoré
Tito Porto
Eduardo Víctor Castro López
Xermán Manoel Torres

A XLII Mesa das Verbas será o sábado 13 de decembro de 2014, ás 19:30 h. no Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa.  

domingo, 16 de noviembre de 2014

XIII MEMORIAL FILGUEIRA - ALONSO MONTERO (I)






Ciencia y conciencia na biografía intelectual de Filgueira Valverde. Conferencia de Xesús Alonso Montero, Catedrático Emérito da USC e actual Presidente da RAG, pronunciada o mércores 5 de novembro de 2014, sendo as 20:00 h., no Salón de Actos do VI Edificio do Museo de Pontevedra co gallo do XIII Memorial Filgueira Valverde, do que é a conferencia de apertura do mesmo.

APUNTAMENTOS:

A mesa presidencial está composta por Ana Isabel Vázquez Reboredo, Deputada provincial delegada de Cultura; Juan Corbacho, Vicerreitor do Campus de Pontevedra da Universidade de Vigo; Xosé Carlos Valle Pérez, Director do Museo de Pontevedra, Xosé Fernando Filgueira Iglesias, Presidente da Fundación Filgueira Valverde e o propio conferenciante xa citado.

Toma palabra a señora deputada para inaugurar o acto e agradecer a asistencia de todos os presentes, seguidamente cédelle a palabra a Xosé Carlos Valle Pérez que fai unha pequena mención á historia dos Memoriais, xurdidos como unha iniciativa da desaparecida Cátedra Filgueira da Universidade de Vigo. Alude ás numerosas e importantes ponencias e conferencias pronunciadas nestes trece anos consecutivos de memoriais, lembra que o primeiro Memorial estivo dedicado ás cantigas medievais, tema tan importante na vida intelectual de Xosé Fernando Filgueira Valverde, aí está a súa fundamental tese de doutoramento de 1935, que ten como motivo a Cantiga CIII de Afonso X.  Subliña a idea de anticipación dos memoriais, este é a antesala  do Ano Filgueira, xa que en 2015 se lle dedicará o Día das Letras Galegas. Precisamente, ao humanista Filgueira nada humano lle era alleo. A Filgueira nada susceptible de ser estudiado e analizado lle era alleo, aí estriban as dificultades de abarcar todas as temáticas que a el lle interesaron e das que tratou na súa extensa e intensa obra. Seguidamente explica o que será este memorial e agradece que contaran con el para coordinar os memoriais tan vinculados ao Museo e a Pontevedra.

Toma o uso da palabra Xosé Fernando Filgueira Iglesias quen asevera que a familia Filgueira está aquí para agradecer, dito agradecemento faino extensivo á Real Academia Galega por ter escollido a Filgueira Valverde para conmemorar o Día das Letras Galegas de 2015. Alega, que sen dúbida, ao rematar o 2015 o coñecemento de Filgueira vai ser máis completo e axeitado.

O Vicerreitor, Juan Corbacho sinala que Pontevedra é unha cidade universitaria e os actos como o de hoxe reflicten ese espírito universitario tan do gusto do profesor Filgueira. Eu continúo e asumo a pretensión da miña antecesora no cargo, Antonia González, de que a Universidade debe fomentar a vida cultural. E ao estar presentes en Pontevedra, a Universidade debe dinamizar todos os aspectos culturais da cidade. Non quere rematar as súas palabras sen deixar de render unha pequena homenaxe a Xosé Carlos Valle Pérez, un dos promotores e mantedores dos memoriais.

Ana Isabel Vázquez fai unha loanza da importancia deste Memorial e da figura de Filgueira Valverde que nel se lembra. Filgueira foi fundador do Seminario de Estudos Galegos, fundador do Partido Galeguista, do Museo, profesor, alcalde, primeiro Conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia, presidente do Consello da Cultura Galega, escritor, investigador. Gran colaborador da Deputación Provincial de Pontevedra, que o nomeou Fillo predilecto da provincia de Pontevedra. Foi promotor de tantas exposicións, entendía o Museo como un ente dinámico, os museos cambian constantemente e el foi quen de potenciar este Museo que hoxe nos acolle neste acto. Despois das súas verbas, cédelle a palabra ao ilustre conferenciante de hoxe, Xesús Alonso Montero, quen comeza así a súa disertación:

Principia cun saúdo e con agradecemento, indica que se sinte emocionado e conmocionado e constatando o acerto do Memorial, o que se pode comprobar polo número de asistentes.
Filgueira é unha figura relevante das letras galegas de todos os tempos, Filgueira é un creador literario, un medievalista, un filólogo, un investigador. No ano 2015 vanse clarificar moitas cousas, non obstante, a figura esencial do intelectual Filgueira Valverde xa está perfilada. Desde o ano 1923, sempre estivo escribindo e publicando. Escribe incluso poesía, as súas fermosas 6 cantigas de mar in modo antico, a xeito de poesía neotrobadoresca, datan de 1941. Alonso Montero adianta que entre xaneiro e febreiro próximos publicará en Edicións Xerais unha monografía sobre o sabio, intelectual polifacético, polígrafo Filgueira Valverde. Precisar sobre este concepto, os últimos polígrafos do século XVIII, Feijoo, Sarmiento, Jovellanos xuntaban saberes das Humanidades e das Ciencias. Os últimos polígrafos galegos como Otero Pedrayo e Filgueira Valverde, o son no campo das Humanidades, xa que hoxe a árbore do saber é moi ampla e é imposible saber de todo, a árbore das ciencias é moi frondosa, con moitas ponlas, imposible abarcalas todas. Filgueira Valverde era un sabio en Arqueoloxía, Historia da Arte, Epigrafía (cunha obra desta materia elaborada xunto a D. Álvaro Dors), en Filoloxía... Os polígrafos xa non fan incursións no campo das Ciencias.

Na época de Aristóteles, este sabía de todo o que se sabía. Como dixemos a árbore das ciencias ten moitas e frondosas ponlas, non hai cabeza que as poida abarcar todas. Un polígrafo de moito predicamento para Filgueira foi Armando Cotarelo Valledor e aínda se atreveu a facer algunha incursión no campo das Ciencias.

Hai que recoñecer que o que se gana en extensión, pérdese en intensidade. Non sempre ese despilfarrarse é tan negativo, por exemplo, no caso de Filgueira. Os coñecementos de Arte e de Música axudan a Filgueira a penetrar na riqueza da lírica medieval e de Afonso X, esto axudáballe moito.

Foi un home precoz, coa precocidade do sabio. Xuntábase tamén unha laboriosidade extraordinaria, asombran a súa precocidade e laboriosidade. Tiña unha grande capacidade de organización de actividades e de institucións. Esto comprobámolo no Seminario de Estudos Galegos e na súa publicación Arquivos. No Seminario desenvolveu as súas labores organizativas dirixindo a subxección da Historia da Literatura.

Sorprende a actividade no ano 1935, amosa as súas dotes organizativas no traballo no Partido Galeguista, remata e defende a súa tese de doutoramento, prepara e aproba as súas oposicións, participa moi activamente na confección da revista Logos. Con todo esto aínda ten tempo para asistir a estrea de Yerma e ao final da representación intentar falar con Federico García Lorca para recordarlle de que non se esqueza de dar resposta ao seu inquérito sobre poesía galega en 1935. A súa tese de doutoramento pasa por ser un gran exemplo mundial de literatura comparada.

É considerado o máximo “pontevedrólogo”, o home que máis sabe sobre a súa amada Pontevedra. Pero, tamén é un “santiagólogo” os seus saberes sobre as peregrinacións, a cultura europea, as cantigas medievais, o Románico e o Barroco composteláns. Foi unha figura tan xigante da cultura galega porque tiña unha gran cultura hispánica. O libro que recolle a súa tese de doutoramento, editado polo Eco Compostelano en 1936, é o mellor libro da Historia da Literatura Comparada a esas alturas do tempo.

(DADA A EXTENSIÓN DA CONFERENCIA DE ALONSO MONTERO, IMOS A DIVIDIR OS NOSOS APUNTAMENTOS EN TRES PARTES PARA FACILITAR A SÚA LECTURA –ATA AQUÍ A PRIMEIRA PARTE-)  

domingo, 9 de noviembre de 2014

MADRE GUADALUPE


En Santiago, nunha excursión do grupo do catecismo da Laxe

En Chapela, nunha excursión de fin de curso da Escola Ponte de Xitanos

Coñecín a Esther Guadalupe de las Cuevas Ortiz, cando eu tiña 14 ou 15 anos, ela era relixiosa filipense da Comunidade de Vilagarcía de Arousa, comunidade que rexía e rexe o Colexio Sagrada Familia da mesma cidade. Coincidimos no que chamaremos Club Xuvenil Parroquial de D. Daniel, a este colectivo xa lle dedicamos a nosa atención nunha entrada anterior deste blog. Guada, así chamabamos nós á nosa querida madre Guadalupe, quen acompañou a D. Daniel Luís Espiño Otero a pastorear e a coidar deste grupo de mozos, primeiro, e xa despois, de mozos e mozas. Guada e Daniel axudáronnos a medrar como persoas, despois dos nosos pais, eles cumpriron unha misión educadora integral con todos nós. Eles foron e son nai e pai de todos nós e sempre os quixemos e queremos como tales. Ao facer esta lembranza véñenme as bágoas aos ollos, pero Guada nos quería alegres, que nos sentiramos salvos polo Cristo Resucitado, o Cristo que vive para sempre e nos conduce á Vida. Guada, modelo de crente, confiaba plenamente no Señor da Vida.

Guada axudounos a amar e respectar aos demais e a ter preferencia polos máis humildes e pequenos, seguindo o modelo, a mensaxe e o estilo de vida do Xesús vivo. A palabra Vida-vida era moi importante para Guada. Foron moitas as actividades daquel Club, que nos marcou para sempre (actividades para descubrir, coñecer e amar a Galicia a ao galego, catequeses nos barrios, festivais benéficos, clases particulares a necesitados, construcción da Escola Ponte de Xitanos de San Pedro de Cornazo e colaboración coas comunidades xitanas, contrucción da sociedade Contra Vento e Marea da Laxe e do seu local social, fundación e colaboración co grupo folclórico de Trabanca Badiña Os de San Miguel, creación e participación dun Grupo Social da Mocedade de Vilagarcía con xuntanzas e convivencias, colaboración co grupo folclórico Mocedade da Torre, colaboracións cas festas da Amizade de A Torre-Trabanca Badiña, participación activa nas I e II Pascua Xoven, celebración e organización das Feiras do Libro en Vilagarcía,... E a añorada e tenra convivencia diaria no Club: estudos, celebracións, xogos, excursións, música, folclore... Xesús que tempos!

Foi tanto o que aprendín dela! Cando me fixen mestre, falabamos de educación, de pedagoxía e psicoloxía, programabamos conxuntamente actividades e unidades didácticas para os nosos alumnos. Que fermosas e inesquecibles xeiras de traballo educativo na Escola Ponte de Xitanos de Cornazo! Compartiamos ideas, experiencias. Tamén tivemos en común o traballo en Cáritas, a atención aos máis pobres e marxinados. Ela foi para moitos presidiarios, enfermos, mozos con problemas de drogas, o único contacto, a palabra agarimosa, os consellos e os coidados de nai, o seu labor calado, pero constante no roupeiro de Cáritas de Arousa e sempre as súas palabras conciliadoras e amables, pero esixentes, o seu exemplo vital. Amor, outra palabra clave na fructífera e exemplar vida da nosa amada Guadalupe.

Tanto nos queriamos, tanta confianza nos tiñamos que non me afago a non tela presente. Foi unha nai, unha mestra, unha amiga da vida e para a vida. Ela agora ten Vida plena, está na Casa do Pai e desde alí velará, coidará e pedirá por todos nós.

Guada, sempre te terei presente no meu corazón e na miña mente e que siga a aprender de ti a ser consecuente co binomio de palabras clave, que teñen que ser experiencia, vivencia de Cristo vivo: VIDA-AMOR. Para ti esta lembranza agarimosa, confiada e alegre, dentro do sentimento agridoce da túa asusencia de aquí, da Terra, pero ti xa estás no Ceo. No colo da miña nai escoitei que morreras por min / e aínda é hoxe o día que creo en TI.

jueves, 6 de noviembre de 2014

FILGUEIRA Nº 2 DA OPOSICIÓN DE 1935


GACETA DE MADRID – Núm. 78 – 19 Marzo 1935 – Pág. 2232


MINISTERIO DE INSTRUCCIÓN PÚBLICA Y BELLAS ARTES

Órdenes nombrando a los señores que se mencionan Catedráticos numerarios de Lengua y Literatura españolas de los Institutos que se citan.

1.- Guillermo Díaz Plaja – Instituto de Melilla

2.- José Filgueira Valverde – I. “Balmes” de Barcelona

3.- Alejandro Gaos y González Pola – I. de Ceuta

4.- Carmen Castro Medinaveitia – I. de Avilés

5.- Higinio Capote Porrúa – I. de Cabra

6.- Enriqueta Ors Bresmes – I. de Figueras

7.- Antonio Rodríguez y Rodríguez Moñino – I. de Orihuela

8.- Manuel Losa Álvarez – I. de Elche

9.- José María Blecua Teijeiro – I. Cuevas de Almanzora

10.- Juan González del Valle – I. de Santa Cruz de la Palma

Cantidad Anual: 5.000 ptas. con cargo al cap. 1º, art. 1º, agrupación 13, concepto primero, del vigente presupuesto de este Ministerio – 14 de Marzo de 1935.

P. D. MARIANO CUBER – Sr. Subsecretario de este Ministerio.
 
O pasado 28/10/2014, na nosa conferencia sobre Filgueira Valverde no Salón de Actos da Parroquia Santa Baia de Arealonga de Vilagarcía de Arousa, e cara ao final da mesma, rescatamos e fixemos público, algo descoñecido para a maioría da xente, e que foi froito das nosas pesquisas en internet, por medio da web do Ministerio de Educación, Cultura e Deportes e na consulta informática da Gaceta de Madrid con data do 19 de Marzo de 1935, atopamos o dato de que Filgueira fóra o nº 2 da súa oposición a Cátedras de Instituto na especialidade de Lengua y Lit. españolas como reflectimos na información que ofrecemos na imaxe coa reproducción de páxina correspondente de dita Gaceta e co desenvolvemento da información a pé de imaxe. Na miña conferencia estaban presentes as fillas de Filgueira: Araceli, Mª Teresa, Pilar, xunto a dous netos, o que agradecín con satisfacción, Araceli, a primoxénita, confirmou efectivamente o número 2 na dita oposición por parte do seu pai.

Onte na primeira sesión do XIII Memorial Filgueira Valverde, e ao final, no momento das preguntas do público, da conferencia do presidente da RAG, Xesús Alonso Montero e sabendo que descoñecía dito dato, volvinno a rescatar e comentei dito resultado no salón do Museo de Pontevedra, diante do público asistente.

D. Xesús, pregoume que lle enviara os datos, cousa que fixen ao chegares á casa, despois de ter escoitado a súa amena e interesante conferencia, da que axiña daremos conta, envieilla ao correo electrónico da secretaría da Real Academia Galega. Nunha entrevista, radiada en Radio Arosa-SER no día de hoxe pola mañá, D. Xesús reflicte a nova, pero, é unha mágoa, sen mencionar a quen rescatou o dato. Para min, non ten importancia, penso que hai que compartir o coñecemento; mais por cortesía investigadora, si que hai que citar as fontes de información e documentación; sen dúbida, foi un "lapsus" do querido e respectado D. Xesús.

miércoles, 5 de noviembre de 2014