martes, 23 de diciembre de 2014

NADAL NON É SENÓN É PARA TODOS, COMPARTIR O NADAL, COMPARTIR A VIDA.



uEn ningún neno a ollada de dor e de tristura.

uEn ningún mozo a falta dun futuro no que desenvolver os proxectos de vida.

uEn ningún vello o medo do desamparo e do abandono.

uEn ningún enfermo a falta de remedio e de médico.

uEn ningún traballador a falta de emprego.

uEn ningún home nin muller a falta de amor e de acollida.

COS MELLORES DESEXOS

DA FAMILIA TORRES-

SÁNCHEZ

jueves, 18 de diciembre de 2014

XIII MEMORIAL FILGUEIRA - RAMÓN VILLARES (II)


O SEG emprende un programa de estudos sistemáticos sobre Galicia. Son memorables as xeiras de traballo multidisciplinar, que deron lugar a unha serie de publicacións extraordinarias (TERRA DE MELIDE, DEZA,...). O Deus fratesque Gallaecia dou paso ao Deus Ciencia fratesque Gallaecia. O Seminario dispuso ao principio dunha sala da Universidade de Santiago de Compostela, alí xuntábanse para "facer papeletas", diríamos hoxe fichas para ordenar, catalogar, estudar, investigar con método. Hai unha ruptura de método con respecto ao acostumado, ao tradicional, meramente memorístico e libresco. Pásase a unha investigación aplicada e ás ciencias puras, ao estilo da universidade humboldtiana de Alemania. Vai asemellándose algo a prácticas do estranxeiro con métodos obxectivos a nivel europeo.

Unha viaxe de Filgueira a Cataluña da lugar a unha carta súa desde Barcelona dirixida a Otero Pedrayo, sobre Cataluña e o que alí viu, saín encantado da experiencia catalana, a lingua propia alí camiña, cos alumnos da cátedra todos arredor da mesa, cunha discusión democrática. Coñeceu alí a un creguiño de Dublín co que estableceu unha relación moi garimosa.

A obra do Seminario de Estudos Galegos é máis importante polo método que polos resultados. No SEG hai un ar de familia, un ar de familia europea ao estilo da ILE e da JAE. Hai un novo discurso nacional con figuras como o Dr. Negrín e Sánchez Albornoz. Aires científicos europeos, un renacemento a nivel cultural e político. Pero o SEG non tivo amparo político ao xeito do que o tivo o Seminari de Estudis Cataláns.

Todo vai cambiar cos sucesos de 1936, o SEG desaparece. Cara o 1943 queren recuperar en algo a aquela institución exemplar, creando o Instituto Padre Sarmiento de Estudios Gallegos, que non sería o mesmo. Na creación desta nova institución que xurde ao amparo do Consejo Superior de Investigaciones Científicas, que vén suplir á ILE e todo seu entramado: Residencia de Estudiantes, Instituto Escuela, JAE amósanse entusiastas Sánchez Cantón, Filgueira Valverde, Moralejo e moito menos Otero, Risco, e Cuevillas. Preténdese ter un método de traballo análogo e implican na nova idea a Jesús Carro García que estaba moi volcado no SEG. En xuño de 1936 era presidente do Seminario Otero Pedrayo, quen sería o derradeiro presidente.

No franquismo, Filgueira céntrase no Museo de Pontevedra, máis no Instituto Padre Sarmiento que na RAG. Semella que someten a Filgueira ao ostracismo, Galaxia non contaba con el, o nacionalismo tampouco o ten en conta, máis adiante a UCD parece ignoralo e en 1980 está fóra de Realidade Galega. Pero, Alianza Popular en 1982 faino Conselleiro de Cultura no primeiro goberno de Fernández Albor, no primeiro goberno da Xunta de Galicia. Como Conselleiro de Cultura é o autor da lei de creación do Consello da Cultura Galega, do que será primeiro presidente Ramón Piñeiro.

viernes, 12 de diciembre de 2014

XLII MESA DAS VERBAS - 13 DEC


UNHA MESA DA VERBAS, EDICIÓN ESPECIAL, NA QUE O LICEO CASINO DE VILAGARCÍA DE AROUSA RENDERÁ UNHA HOMENAXE DE RECOÑECEMENTO E GRATITUDE A JOSÉ LUÍS VILLANUEVA, PRESIDENTE DA ASOCIACIÓN DE PARQUISTAS DE CARRIL E PATRÓN MAIOR DA CONFRARÍA "SANTIAGO APÓSTOL" DA MESMA LOCALIDADE. CONTAREMOS COA COLABORACIÓN MUSICAL DA CORAL SAN ESTEBAN DE REDONDELA. E COMO SEMPRE, CEIBAREMOS OS VERSOS AO AR TECIDOS DE AMIZADE E DUN CONTEXTO DE CONVIVENCIA.
CORREDE A VOZ E NON FALTEDES Á CITA. 

 CORAL SAN ESTEBAN DE REDONDELA


ADEMAIS DA ACTUACIÓN EXTRAORDINARIA DA CORAL SAN ESTEBAN DE REDONDELA E DA HOMENAXE MERECIDA A JOSÉ LUÍS VILLANUEVA, CEIBARON SEUS VERSOS AO AR:

Ramón Quintáns
Eduardo Víctor Castro López
Antonio Quiñoy
Tere Briones
Carmen Abalo
Carmen Darriba
Alfonso Saavedra
Isaura
Tito Porto
Enrique Brumbéck
Jean Carbalho
Ramón Torrado
Xermán Manoel Torres
Andrea Fernández

José Luís Villanueva recibe un agasallo do presidente do Liceo Casino (Foto: Andrea Fernández)

Un momento da actuación da Coral San Esteban (Andrea Fernández)

Atenta expectación (Andrea Fernández)

A PRÓXIMA MESA, A XLIII, SERÁ O VINDEIRO SÁBADO 10 DE XANEIRO DE 2015, ÁS 19:30 H. NO LUGAR DE COSTUME.
O GRUPO DA MESA DAS VERBAS DESEXA A TODOS UN BO NADAL E FELIZ ANINOVO 2015.   

lunes, 8 de diciembre de 2014

XIII MEMORIAL FILGUEIRA VALVERDE - RAMÓN VILLARES PAZ (I)


Ramón Villares Paz, Catedrático de Historia Contemporánea da Universidade de Santiago de Compostela, Presidente do Consello da Cultura Galega, pronunciou o día 6 de novembro a segunda conferencia do Memorial no Salón de Actos do VI edificio do Museo de Pontevedra co seguinte título:

FILGUEIRA VALVERDE: DO SEMINARIO DE ESTUDOS GALEGOS AO CONSELLO DA CULTURA GALEGA.

Comezou o acto coa presentación de tan ilustre conferenciante por parte de Xosé Carlos Valle Pérez, Director do Museo, quen indicou que precisamente D. Xosé faleceu sendo presidente de dito Consello da Cultura Galega, que axudara a crear sendo o primeiro conselleiro de Cultura da Xunta de Galicia. Continua argumentando que Ramón Villares ten un currículo extenso e é unha figura moi importante mesmo a nivel internacional. Unha das meirandes e salientables características do profesor Villares é a súa capacidade de formar equipos. Unha das súas importantes obras é a HISTORIA DE GALICIA. Tamén destaca a súa condición de académico numerario da Real Academia Galega. Agradece que sempre resposta afirmativamente aos inquéritos que se lles fan desde o Museo de Pontevedra.

Ramón Villares agradece o convite e a presentación, así como a presencia do público asistente.

Segue indicando que Xosé Fernando Filgueira Valverde é un dos arquitectos, mestre de obras de institucións importantes da cultura galega. Intensamente e profundamente o fixo en todo o relativo ao Seminario de Estudos Galegos, unha das institucións máis representativas e que contribuiu a construcción cultural e científica da Galicia do século XX.

A súa vida longa e a súa situación e ocupacións estables permitiron que desempeñara unha obra tan intensa e extensa, chea de calidade e de repercusións tan decisivas na nosa cultura.

Obra persoal envidiable, monumento de erudición e de curiosidade intelectual. Os seus amplos coñecementos de Historia, Arte, Literatura, Música...; das Humanidades en xeral, xunto á súa gran capacidade de traballo contribuiron á construcción dunha obra inmensa e insustituible na nosa cultura.

Filgueira é académico numerario da RAG desde 1942, nunha toma de posesión colectiva, na que tamén entrou a formar parte da Academia o seu grande amigo Fermín Bouza Brey. Resposta ao seu discurso de entrada o seu mestre e amigo, Ramón Otero Pedrayo, quen se dirixe a el como TI, LANZAL FILGUEIRA, CHANTRE DE PONTEVEDRA, SOPORTAL, RONSEL, GUÍA, MESTRE DE FINAS ARTES, BON TROBEIRO, SEGREL.

Os lugares de Filgueira non son tan só Pontevedra, senón Santiago, Cataluña, Portugal.

Tivo unha presencia pública e política. Un home católico, galeguista; fiel e leal con lealtades políticas e ideolóxicas.

Nunha entrevista que lle fixo o xornalista Alvite no Correo Gallego en 1980, este sorpréndese de que non participe no grupo daquela denominado Realidade Galega, el argumenta que non foi invitado a formar parte, consideraba que a súa condición de intelectual e galego era indiscutible e o seu traballo a prol da cultura galega tamén o que sí era consciente que a súa vertente política podía ser máis discutible por posturas non comprendidas.

El foi membro fundador, promotor, líder de institucións moi importantes na historia de Galicia.

No período de 1916-1923 van confluir en Pontevedra personaxes da talla de Daniel de la Sota, Sánchez Cantón, Losada, Castelao, Bóveda, Cruz Gallastegui Unamuno na Misión Biolóxica de Galicia, a figura tan importante do erudito D. Casto Sampedro y Folgar; eles van colaborar na reinstauración cultural de Galicia.

Un personaxe insustituible e mestre necesario e orientador é Losada Diéguez, na tertulia da súa casa e na denominada en 1920 Xuntanza de Estudos Galegos, que el inspiraba e alentaba, van xurdir tantas iniciativas decisivas na historia cultural de Galicia. Arredor do mestre de Nós e nun ambiente institucionista, do que foi precursor ese ambiente cultural e científico pontevedrés vai nacer o Seminario de Estudos Galegos, a institución das máis emblemáticas da Galicia de antes da guerra. Rompen as pautas sobre a investigación e o método de estudos sobre Galicia.

O Seminario nace en 1923 en Ortoño por mor dunha excursión estudiantil de mozos de 1º e 2º anos de carreira, entre os que se atopaban Filgueira Valverde e Fermín Bouza Brey. A fundación complétase coa redacción da acta na casa de D. Armando Cotarelo Valledor, Catedrático na Universidade compostelá. Esa relación con algúns profesores, os máis modernos, os que viñan de fóra.

Porque os catedráticos tradicionais eran os chamados "catedráticos lentes" que se dedicaban á lectura e á glosa de textos, nun ensino baseado no memorismo.

Estes novos catedráticos, recén chegados, fíxanse nestes estudiantes, todos eles brillantes, procedentes de clases medias, que sabían idiomas, que aspiraban ao coñecemento de novas linguas, a viaxar polo mundo. Entre estes mozos, os máis importantes, Fermín Bouza Brey, Lois Tobío, Martínez López, Filgueira.

lunes, 1 de diciembre de 2014

XIII MEMORIAL FILGUEIRA - ALONSO MONTERO (III)





Filgueira Valverde foi un precursor, un pioneiro. En 1933 imparte 15 leccións sobre Literatura Galega na Universidade de Santiago de Compostela. Aínda non procedendo dos estudios filolóxicos, fai unhas brillantes oposicións a Cátedras de Instituto de Ensino Medio na especialidade de Lingua e Literatura españolas, que prepara e teñen lugar entre 1934 e 1935, son compañeiros de oposicións, entre outros, Díaz Plaja, Blecua, Castro, Moñino,… Se eu fose como Filgueira sería capaz de facer moitas máis cousas. Estando coa tese e coas oposicións aínda ten tempo o 28/12/1934 de asistir á estrea de Yerma de Federico García Lorca, e ao finalizar a obra, aínda é quen de achegarse a Lorca para recordarlle que debe contestar a un seu inquérito sobre poesía galega contemporánea. E sóbralle tempo para a súa militancia galeguista e argallar o da Dereita Galeguista, o traballo a prol do Estatuto. Incrible.
 
Entre o 5 e o 6 de decembro de 1931, participa ao par de Bóveda no acto de formación e fundación do Partido Galeguista en Pontevedra, Filgueira foi o primeiro secretario técnico e Bóveda o primeiro secretario de organización. Filgueira estivo uns dous anos en tarefas organizativas. Logo entre 1934 e 1935, xurden conflictos coa organización política e algúns escíndense na chamada Dereita Galeguista, na que participan, entre outros, Manuel Beiras, Filgueira, Risco, Otero, Banet,… Tamén empeza a agromar un galeguismo esquerdista con figuras como Víctor Casas, Viqueira, Vilar Ponte. Nembargantes, nos inicios e en moitas das súas grandes figuras o Partido Galeguista ten un carácter conservador e católico, que se acentúa na Dereita Galeguista, onde os máximos representantes son Risco, Otero, e Filgueira. Castelao e Bóveda son máis políticos, máis prácticos e buscan aliados para conseguir a aprobación do Estatuto e a Autonomía de Galicia; xa que o PG tiña moi pobres expectativas electorais. A esquerda é crítica e pragmática, que mal nos fai que Galicia teña a súa autonomía, por eso nos mítines, por exemplo do 28/06/1936 topamos xuntos a galeguistas, comunistas, socialistas e membros de Izquierda Republicana; todos van xuntos no Frente Popular. Estas alianzas electorais entran en contradicción coa concepción relixiosa e a forma de entender a convivencia na familia, no municipio de homes como Filgueira, Risco, e Otero. Entón, escíndense en 1935 na Dereita Galeguista. Porque esta postura do PG violentaba a súa conciencia íntima. Xa en 1931, na revista Logos aparece unha afirmación católica dun grupo de galeguistas. Entendían á sociedade galega inspirada en principios católicos. Risco e Filgueira votan si ao Estatuto de Autonomía de Galicia, podemos comprobar o seu posicionamento no Pueblo Gallego do 28/06/1936. Filgueira dase de baixa no PG en abril de 1935. Hai grupos da Dereita Galeguista en Pontevedra, en Ourense, en Santiago participan na súa creación Banet e Manuel Beiras. Non obstante, Alexandre Bóveda exclama: Alí onde estea Filgueira haberá un obreiro da causa galega. A escisión de Filgueira estaba motivada por un problema de conciencia e Risco tamén ten problemas de conciencia. Eles estaban por relixión, familia, e tradición. Risco e Filgueira non estaban pola revolución.

Cando se daban circunstancias mínimamente favorables Filgueira traballaba e difundía todo o que podía sobre a cultura galega. Por eso, xunto a Sánchez Cantón en 1949 funda a editorial de Bibliófilos Galegos, que naquela altura da nosa historia convoca un concurso de novela en lingua galega, que gaña Ricardo Carballo Calero con Xente na barreira. E aínda habería que agardar a 1950 para que se producira a fundación da editorial Galaxia, da que a primeira publicación é do ano 1951. Tamén Bibliófilos Gallegos chega a convocar un concurso de traducción na nosa lingua, que gañan Celestino Fernández de la Vega e Ramón Piñeiro cunha famosa obra filosófica. O amigo de Filgueira que colabora nesta empresa editorial, Sánchez Cantón, era un home moi influinte, Catedrático de Historia da Arte, triacadémico, Director do Museo do Prado. Hai que ter en conta que no período que vai de 1936 a 1947 non hai publicacións en lingua galega, habería que esperar a ese último ano para ver publicada, na editorial Celta de Vilagarcía de Arousa, a primeira obra publicada en galego despois da guerra, trátase do poemario de Aquilino Iglesia Alvariño titulado Cómaros Verdes. Logo hai unha curiosidade, Filgueira chega a colaborar nunha obra moi popular e moi manexada polo campesiñado galego como foi o Gaiteiro de Lugo, un calendario de pronósticos do tempo, de consellos de tipo agrícola e gandeiro, de utilidade para os homes do campo e que recolle a sabedoría do pobo, unha publicación ao xeito do Zaragozano. Filgueira introduce poemas, ditos, refráns na nosa lingua e implica nos pronósticos de carácter astronómico a un sabio galego, da talla do científico lalinense como foi D. Ramón María Aller, célebre astrónomo galego. Filgueira introduce poemas na nosa lingua de autores consagrados como Noriega Varela, Crecente Vega, Aquilino Iglesia Alvariño.

Non entendo a polémica desatada por ter escollido a Xosé Fernando Filgueira Valverde como a figura da nosa cultura para homenaxear no Día das Letras Galegas de 2015. Penso que para esto hai que centrarse nas virtudes literarias do autor. A Academia é un organismo plural, autónomo e independente; unha institución plural. Téñase en conta que por exemplo no ano 2005, homenaxeouse a Lorenzo Varela que fora militante comunista e chegara a ser comisario político, a Academia fixouse na súa condición de escritor, de poeta. No Día das Letras do 2015, atopámonos diante dunha grande personalidade de Galicia, sería unha ignominia para a Academia non elixir a unha figura como a de Filgueira Valverde; como tamén sería unha ignominia dicir que a elección foille dictada á Real Academia Galega.

Filgueira dedica moitas páxinas a escribir, a descubrir a grandes personaxes da nosa cultura, por citar tan só tres, a Frei Martín Sarmiento, a Lago González, a Losada Diéguez e a tantos outros; el foi un home que viviu para escribir e a maior parte da súa obra está dedicada a Pontevedra, Santiago, Galicia. Foi un home que amou sobre todo o oficio de ler e de escribir, un exemplo para todos nós e para os nosos nenos e os nosos mozos.

Ata aquí os nosos apuntamentos e ideas sobre a amena disertación de Xesús Alonso Montero, Catedrático Emérito da USC e Presidente da RAG.