lunes, 9 de febrero de 2015

XIII MEMORIAL FILGUEIRA - XOSÉ CARLOS VALLE (II)


Continuamos a reflectir as palabras de Xosé Carlos Valle Pérez sobre Filgueira e Pontevedra, o que principiamos a facer na anterior entrada, estes seguen a ser os nosos apuntamentos:

Tiven a sorte de traballar a carón del e despois continuar traballando onde el traballaba.

A historia de Pontevedra a partires da 2ª década do século XX empeza a pasar por el. Loxicamente hai un antes e un despois da guerra de 1936-1939.

O seu período como estudiante no Instituto de Pontevedra vai de 1917 a 1922, logo entre os 16 e 17 anos participa activamente no Seminario de Estudos Galegos, foi fundador xunta, entre outros, Fermín Bouza Brey e Lois Tobío, coincide coa súa etapa santiaguesa na Universidade compostelá (1922-1927). Vén pois o primeiro retorno a Pontevedra co seu primeiro emprego na oficina de Turismo e como profesor auxiliar no Instituto.

ANTES DA GUERRA

Momento de formación, de búsqueda, tanteo. Seus intereses centrados en Pontevedra e en Galicia. Son os tempos de esplendor de La Sota como presidente da Deputación Provincial de Pontevedra. Estábase a repensar Galicia desde Pontevedra.

A Misión Biolóxica de Galicia consolídase aquí, Bóveda pon os alicerces da Caixa de Aforros Provincial. É o tempo da fundación do Museo de Pontevedra na que participan moi activamente con Sampedro y Folgar, Castelao, Sánchez Cantón, Losada, Filgueira.

Queríase construir un país con memoria, con fundamentos.

O Partido Galeguista nace en Pontevedra e Filgueira e Bóveda teñen moito que ver na súa creación, Filgueira foi o seu primeiro secretario técnico.

(Entrementras está a importante paréntese luguesa -1935/1939-, alí exerce como catedrático mozo no Instituto de Lugo, casa con Mª Teresa Iglesias de Oscáriz, nace a súa filla primoxénita, Araceli, comprométese a fondo coa defensa do patrimonio cultural e histórico de Lugo).

DESPOIS DA GUERRA

Instalarase definitivamente en Pontevedra, medra o prestixio de Filgueira, exténdese a toda Galicia cunha proxección cara o exterior. Importante presencia no ámbito educativo, director do Instituto (1946-1976). Ata 1963 compartían edificio mozos e mozas, en 1963 hai a separación, instituto masculino / instituto feminino.
O período na alcaldía (1959-1968). A súa firme defensa do patrimonio monumental.

A súa forte implicación co Museo, en 1929 é o seu primeiro secretario técnico, logo foi director do mesmo desde 1940 e ata 1986, neste último ano e ata o seu pasamento sería director emérito.

No hay comentarios: