miércoles, 15 de julio de 2015

ALLER ULLOA E FILGUEIRA VALVERDE

D. Ramón en pleno traballo (Foto: Faro de Vigo)

RAMÓN Mª ALLER, O ASTRÓNOMO LALINENSE AMIGO DE FILGUEIRA

ANIMADO POLO ERUDITO PONTEVEDRÉS, ALLER REALIZOU MAGNÍFICAS COLABORACIÓNS EN GALEGO NA REVISTA DE PENSAMENTO CATÓLICO, LOGOS (1931-1936) E NO POPULAR ALMANAQUE ANUAL, O GAITEIRO DE LUGO

A amizade de Filgueira Valverde con D. Ramón vén da época do Seminario de Estudos Galegos (SEG), na década dos vinte do pasado século, e as súas xeiras de investigación na comarca do Deza. Despois das longas xornadas de traballo e pescuda de investigación científica por aquelas terras, os seminaristas facían quendas nas noites para facer observacións celestes guiados polo excelente astrónomo que era D. Ramón, precisamente no seu observatorio de Lalín. Xeiras inesquecibles e para estreitar vínculos de amizade por parte dos membros do SEG, dos que D. Ramón Mª Aller era unha daquelas mentes privilexiadas de Galicia e que tantos froitos brindaron á ciencia e á cultura galegas.

D. Ramón era un recoñecido e eminente astrónomo, experto nos sistemas de estrelas dobres, publicaba os seus artigos nas máis prestixiosas revistas científicas do momento, entre elas as máis recoñecidas e prestixiosas de Alemaña, país punteiro xa naquelas épocas.

Chegou ser un extraordinario profesor de Matemáticas e de Astronomía na Universidade de Santiago de Compostela (USC), da que foi o primeiro director do Observatorio universitario, que el axudou a montar e ao que doou gran parte dos seus importantes materiais e aparellos que tiña no seu observatorio particular en Lalín. Hoxe o observatorio universitario leva o seu nome, na súa honra como mestre importante da primeira universidade galega.

Filgueira sendo moi consciente da enorme valía de D. Ramón anímao e trata de implicalo para que colabore en lingua galega no Boletín mensual católico, Logos (1931-1936), que el editaba con Iglesias Vilarelle en Pontevedra, constituíndo as colaboracións de Aller un tesouro da ciencia galega.

Filgueira tamén solicitou e logrou a duras penas a súa valiosa colaboración para o popular almanaque anual lugués, O gaiteiro de Lugo, do que Filgueira é responsable desde 1936 ata 1957. D. Ramón era un pouco reticente, non quería converter o prestixioso astrónomo nun popular astrólogo. Pero aínda así e coa insistencia de Filgueira, D. Ramón enviaba as fases da lúa e todo o que tiña que ver coa astroloxía e coa astronomía. Hai que recoñecer que a D. Ramón dáballe certa vergoña participar, sendo, como diciamos un prestixioso astrónomo reconvertido agora nun pronosticador astrólogo. Pero Filgueira dálle que dálle e sempre conseguía o que quería. Certamente esta etapa é unha das mellores do popular e divulgado almanaque lugués.

D. Ramón antes que eminente astrónomo e matemático era unha excelente persoa e un gran sacerdote. Remato cunha anécdota do querido e admirado científico da comarca do Deza. Estaba el nunha ocasión a observar un fenómeno celeste, que se ía dar naquel preciso instante, se abandonaba a observación endexamais tería outra oportunidade. Cando estaba nesas, veñen reclamar con urxencia os seus servicios espirituais como sacerdote. Sen pensalo dúas veces suspende aquela única e importantísima observación e disponse axiña a cumprir coas súas obrigas sacerdotais que para el eran prioritarias. Fronte a unha primicia científica escolle a axuda espiritual para unha persoa.

Esta é a grandeza dos verdadeiros sabios. E estas dúas eminencias galegas, ALLER e FILGUEIRA, mantiveron unha fonda amizade, que pode ser comprobada no abondoso epistolario que intercambiaron ao longo das súas fructíferas e fecundas vidas.

PARA SABER MÁIS:

-         AA. VV.: Diccionario Enciclopédico Galego Universal. Tomo 3. Vigo, Ir Indo, 2003, p. 36.

-         AA. VV.: Enciclopedia temática de Galicia. Sociedad. Barcelona, Nauta, 1990, p. 131.

-         DOPORTO REGUEIRA, C. e J. A. DOCOBO DURÁNTEZ: “A relación epistolar de Filgueira co astrónomo e matemático Ramón María Aller” en AA. VV: Cadernos Ramón Piñeiro (XXXI). Filgueira Valverde. Homenaxe. Quíxose con primor e feitura. Xunta de Galicia, Consellería de Cultura, Educación e O. U., Centro Ramón Piñeiro para a Investigación en Humanidades, A Coruña, 2015, pp. 233-247.

-         FILGUEIRA VALVERDE, X.: El Dr. Ramón Aller Ulloa, (Lalín, 1878-1966), astrónomo, precursor de la prosa científica. Pontevedra, Diputación Provincial de Pontevedra, 1989.

-         FILGUEIRA VALVERDE, X.: Os ensaios en galego (“Logos”, 1931-1934) do Dr. Ramón Aller Ulloa. Pontevedra, Diputación Provincial de Pontevedra, 1989.

Máis información pódese atopar en: