sábado, 1 de agosto de 2015

FESTAS DE AGOSTO EN CALDAS DE REIS NOS ANOS 60





 Imaxe da WEB do Concello de Caldas de Reis

Imaxe obtida de www.youtube.com
O paso do tempo e o feble que é a memoria humana fan que se esvaezan lembranzas que fan referencias a persoas e a feitos de tempos idos. Eses mesmos elementos ou compoñentes da vida dun ser humana, tempo e memoria, fan tamén que nos repitamos e volvamos a contar unha e outra vez cousas que deixaron forte pegada nas nosas vidas. O tempo da infancia, lembrámolo a maioría como un tempo feliz, nunha feliz Arcadia e para min esa Arcadia perdida e soñada é Caldas de Reis.

Para non perder o que queda e para revivir aquelas vivencias infantís, na querida vila termal, na sempre lembrada Caldas de Reis xa na lonxanía do tempo, daqueles máxicos e felices anos sesenta do pasado século, relato vivencias, recordo á xentes e como diciamos ao principio as imperfeccións e limitacións da nosa memoria fan posible que me repita; pero así son as características do propio ser humano.

Imos recrearnos nas lembranzas das festas de agosto de Caldas de Reis, naqueles tempos sesenteiros. Ditas festas era algo esperado e desexado ao longo do ano. Aqueles tres ou catro días memorables e vividos con tanta intensidade pola maioría da poboación da bisbarra. Ademais das consabidas verbenas nocturnas no campo da feira, na fermosa carballeira, do combate “fluvial” do último día, dos pasarrúas con gaitas, xigantes e cabezudos, dos concertos de banda de música, do tiro interminable de bombas de palenque, da procesión de San Roque, había outros actos paralelos moi populares e con moita participación, que facían as delicias de todos os presentes.

Tratábase de que sobre o mediodía e no marco incomparable da carballeira e dos seus arredores, celebrábanse toda unha serie de actividades moi esperadas e das que o armadanzas era o señor Ventura, o dono do popular bar coñecido como o Cabaret, onde se selaban as quinielas de fútbol e tamén onde a dona do Sr. Ventura, extraordinaria cociñeira, preparaba as papatorias dos Endovélicos e a onde tamén acudía Álvaro Cunqueiro nas súas visitas de verán a Caldas, alí daban boa conta de lampreas, anguías, mariscos, carnes,... magnificamente preparados e regados cos mellores viños do país. Este señor Ventura organizaba e preparaba, por exemplo, carreiras de burros e veladas de boxeo, onde participaban como protagonistas os personaxes e tipos máis característicos do pobo, que motivaban os risos e goce de todo o público asistente que escachaba coa risa. Entre os xinetes e púxiles lembro ter visto ao coñecido como o Achou de Paradivas, O Castriño (popular e querido varrendeiro da vila), Manolo, o Marta. Este último era un tipo popular digno de estudio, todo o mundo se ría del e pensaban que estaba tolo, pero a min parecíame unha persoa moi intelixente e orixinal, diverxente e moi peculiar. Facía de fotógrafo, vendía sementes nos mercados... Vivía coa súa nai, el mesmo construíu a súa vivenda, un lugar especial, alí ondeaba sempre a bandeira nacional e gardaba toda sorte de trebellos moi interesantes e curiosos.

Teño rido a escachar naquelas carreiras de burros e naquelas peculiares veladas de boxeo, animadas polo Sr. Ventura, quen tamén se encargaba do Entroido caldense. Aínda que se buscase o riso fácil, utilizando a personaxes característicos do pobo.

Nestas festas de verán de Caldas non faltaban os concertos e as verbenas e un ano si e outro tamén un invitado especial que non faltaba era a Banda de Música de Lantaño, dirixida polo lembrado e querido Sr. Laguarta e na que tocaba un mozo e virtuoso trompetista, o noso amigo, o compositor, Elixio Vila. Co meu avó non me perdía un só concerto, ao mediodía ou á tardiña (moitas veces esta banda repitía tamén na verbena). Xa pola noite, as concorridas verbenas, ás que asistía coa miña nai, meus tíos e os meus curmáns. Por alí pasaban ano tras ano as orquestras e bandas (banda!) do momento. Non podían faltar a consabida tómbola, os tiros de pichón, as barcas, as churreiras que tamén vendían patatas fritidas, as carpas para degustar o polbo á feira, cocido naquelas grandes potas de cobre, e cuberto con sal gorda e aderezado con aceite e pimentón.

Capítulo aparte eran os xigantes e cabezudos que facían as delicias dos nenos máis grandes e que provocaban os medos e os choros dos máis cativos. De moi neno eu tíñalles un medo atroz, logo de máis grande divertíanme moito vendo aquelas figuras tan típicas e correndo tras delas. Ían comandados polo xigante que coñeciamos como o Papamoscas e lembro un anano cabezudo que era un mariñeiro negro.

Como todo tempo de ledicia toca ao seu fin, remataban as festas de madrugada co esperado combate naval (mellor fluvial) e ao que a miña avoa lle tiña verdadeiro pánico, asustábase moito. Que festas aquelas de San Roque na Caldas dos sesenta!    

No hay comentarios: