domingo, 9 de agosto de 2015

L MESA DAS VERBAS NA INAUGURACIÓN VECIÑAL DA PRAZA DE ESPAÑA












O venres 7 de agosto de 2015, os que frecuentamos a actividade poética denominada MESA DAS VERBAS, que depende polo momento do Liceo Casino de Vilagarcía de Arousa, tivemos un día moi completo de poesía e convivencia. Ás 14:30 h. tivemos unha comida de confraternidade no incomparable marco do Club de Mar, lugar, desgraciadamente, moi pouco valorado polos vilagarciáns ao igual que o Liceo Casino o que non deixa de ser unha triste mágoa. Mais, centrémonos no positivo celebramos un animado e agradable convite, cun final de postres, cafés e Brindes Poéticos. Os que puidemos asistir tivemos unha vivencia enriquecedora e de convivencia poética e xa van alá tres edicións destes xantares. E chegamos á L MESA DAS VERBAS, 50 meses seguidos de poesía, 4 anos e dous meses e agardamos moitos máis en saúde e poesía. Non nos esquecemos dos nosos poetas mortos, que nos acompañaron durante un tempo nesta experiencia: Gonzalo Bouza-Brey, María Palacios, Manuel Olveira Hortas, sempre na nosa memoria.

Pola tarde dese día, participamos da festa da reinauguración veciñal da remozada Praza de España e acompañados musicalmente polo grupo de acordeóns, corda e voces AROUSA BAY celebramos alí mesmo a L MESA DAS VERBAS, acompañados dun numerosísimo público. Precisamente, nesa praza, naceu Tito Porto en 1921 e vive nesa contorna o noso amigo e compañeiro, Enrique Brumbéck. Nesta edición ceibaron os seus versos ao ar:

- Tito Porto

- Enrique Brumbéck

- Manuel Lage acompañado de Manuel Torres

- Carmen Darriba

- Isaura Lago

- José González

- Carmen Abalo

- Eduardo Víctor Castro López

- Ángeles Conde

- Antonio Pinedo

- Tere Briones

- José Tizado

- Mª José Rubianes

- Rosario (unha zaragozana)

- Xermán Torres

Eiquí o meu xogo de palabras co gallo da inauguración veciñal da Praza de España:

A PRAZA DOS MIL NOMES


Nestes Campos Elíseos
naceu en 1921
o meu amigo máis novo,
o decano da Mesa das Verbas.

Este lugar ao longo da súa historia
tivo moi variados nomes,
segundo os avatares do tempo,
entón fagamos memoria:

Que si praza de Afonso XIII,
da República ou de Santa Baia
deica chegar ata hoxe
que leva o nome de España.

Eiquí nesta contorna privilexiada
xogabamos os cativos nos anos 60
coa praza case deserta e sen coches
xogabamos ao balón en plena calzada.

Aínda botaban un partido con nós
os coadxutores coa sotana levantada
e chegaban coas súas motos, aquí aparcadas.
Tiñamos tomada a praza, era unha gozada.

Aquí vivía e aínda vive
a familia de Jandrolas,
solar do meu amigo Carlos Rey,
cantas aventuras con quen esto escribe!

Don Eduardo, o da Fe,
dende aquí cantas boas cousas fixo
e na tenda da Julita
aínda botei máis dun sorriso.

Cantas historias nesta praza!
No bar Mickey dos Casares
aínda engaiolei algunha rapaza,
mais xa é tempo de rematar estes falares.

Eso si, quédame unha dúbida,
esta praza tan popular
aínda poderá cambiar de nome?
Cousas veredes... mais eso é outro cantar.


Xermán Manoel Torres, 02/VIII/2015
Para a inauguración veciñal da Praza de España,
dentro da L Mesa das Verbas, 07/VIII/2015; 21:30 h.
 

    

No hay comentarios: