martes, 1 de septiembre de 2015

S.O.S. – SALVEMOS AO LICEO CASINO DE VILAGARCÍA DE AROUSA






Non imos analizar como chegou a esta situación agónica esta sociedade recreativa, cultural e deportiva centenaria, que xurdiu a principios do pasado século e que hoxe coñecemos coa denominación, Liceo Casino. Todo froito de malas e desafortunadas xestións, malfadadas operacións por dotarse dunha nova sé, mala sorte, apatía da masa social, abandono por parte das administracións públicas, un sen fin de encadeadas iniciativas frustradas, que non digo que fosen malas, senón que eran o conto da leiteira, como algún socio manifestou nalgunha asemblea, sen éxito algún, castelos no ar que nos conduciron a angustiosa e alarmante situación actual con serio perigo de desaparición.

Vou propoñer, en síntese, algunhas ideas que volverei a presentar na asemblea de principios de setembro:

-         Venta ou permuta da sé social da rúa Castelao, nestes intres, insostible pola sociedade.
-         Venta ao Museo de Pontevedra ou a calquera outro Museo de Galicia interesado dos murais de Rivas Briones e Xurxo Alonso e doutras obras de arte da sociedade.
-         Compra, permuta ou cesión dun baixo o suficientemente amplo e ben situado para albergar unha nova sé máis axeitada ás circunstancias actuais.
-         Campaña de captación de socios, que cada socio consiga un novo.
-         Petición de axuda á Admón. Pública (local, provincial, autonómica).
-         Reducción drástica de persoal.
-         Apertura de 15:00 h. a 23:00 h. (Salvo en momentos puntuais).
-         Formación dunha nova directiva de salvación con ánimo de traballo, con ilusión e co obxectivo de ir mellorando con realismo a sociedade, con traballo de equipo.
-         Fomento da participación dos socios nas decisións da sociedade con transparencia absoluta e verdadeira democracia.
-         Relanzamento das actividades da sociedade (recreativas, culturais, deportivas, posta en valor do Certame Audiovisual Internacional).
-         Chamada a toda a sociedade vilagarciá a prol do asociacionismo e da participación veciñal.
-         Repensar con sentido, realidade e razoamento a nova etapa do Liceo Casino, ilusionar á xente, motivar ao asociacionismo.
-         Motivar a reflexión e dotación de novas ideas para relanzar a sociedade.
-         Baixar a cota para achegar novos socios.
-         Contar coa mocidade, cota xuvenil, darlle participación na directiva, acoller as súas propostas.

Estamos diante dunha encrucillada, senón repensamos ben a sociedade, senón buscamos racional e sensatamente a súa supervivencia, esmorecerá para sempre; o que sería unha enorme perda para a nosa querida cidade, poñámonos todos en acción-reflexión-acción para que non morra esta sociedade creada polos nosos devanceiros, é necesaria a implicación de todos.

   Xermán Manoel Torres – Socio desde que veu ao mundo.  

No hay comentarios: