domingo, 4 de octubre de 2015

QUE FERMOSA É A VIDA SEN ESTRÉSS!

Porque levamos unha vida demasiado frenética, picando en todo e sen apousar en nada. Esa inquietude, esa impulsividade trasladámola á infancia e á mocidade. Cantas veces teño falado do valor do inútil, do lento. Que os nenos e nenas teñen que aprender a aburrirse e poñer en funcionamento a súa creatividade para saber divertirse por eles mesmos, sen esperar sempre solucións para todo desde fóra deles mesmos. Hai demasiada inxerencia dos adultos na vida dos nenos, que precisan máis que nunca xogar coa xente da súa idade, sen estar sempre na omnipresencia do adulto que me vai solucionar todo. Os nenos se os deixamos vivir a súa infancia teñen recursos dabondo para solucionar os seus problemiñas e senón aprenden dos outros e entre eles organizan os seus xogos e a súas cousas. O adulto, claro está, debe estar atento ás necesidades do neno e intervir cando a gravidade ou natureza do asunto así o pida. Os pais e mestres deben escoitar aos nenos e deixar que estes se expresen. Mais, tamén é preciso deixalos voar libremente para que aprendan axeitadamente.

O artigo da profesora Mª Antonia Casanova, que insertamos como imaxe e que se publicou na revista Escuela, do 24 de setembro de 2015, núm. 4.069, é moi esclarecedor e digno de que lle boten unha ollada, eu estou perfectamente conforme con todo o que di. E os dous xa somos uns docentes con certo recorrido.



E pensemos que non se chega máis lonxe por ir máis de presa. Podemos repasar cos nosos nenos as fábulas da Tartaruga e da lebre ou a dos Dous caracois. Eu cóntollas aos meus alumnos/as e son quen de sacar as súas conclusións, mesmo do refrán: Máis vale maña que forza. Tamén nos podería servir: "No por mucho madrugar, amanece más temprano". Así que "sen presa, pero sen pausa". E todo se andará, aprendamos a gozar detidamente dun poema, dunha música suave, dun solpor sentados tranquilamente na praia, da conversa de vagar, tranquila e sosegada cun amigo ao pe dunha árbore. Pasemos pola vida, non que a vida pase por nosoutros e tranquilos que hai curvas.

No hay comentarios: