jueves, 26 de noviembre de 2015

XIV MEMORIAL FILGUEIRA VALVERDE (II) - 25-11-2015

"O Museo de Pontevedra"
XOSÉ CARLOS VALLE PÉREZ




Valle Pérez explica que vai disertar sobre a relación de Castelao co Museo de Pontevedra. Continúa dicindo, segundo recollemos nas nosas notas, que Castelao oficialmente comeza a traballar como funcionario de Estatística na Delegación de Facenda en Pontevedra, que estaba situada no edificio do antigo convento dos franciscáns, o 15 de xaneiro de 1916, por tanto é de supoñer que se trasladaría a Pontevedra uns días antes.

Castelao, cando chega a Pontevedra, xa era un home coñecido e con prestixio por eso axiña aparecen na prensa referencias sobre a súa chegada a pequena cidade do Lérez. Pronuncia recén chegado unha conferencia na sociedade local do Recreo de Artesáns sobre a caricatura. É nomeado asimesmo profesor de Debuxo no Instituto (e logo tamén na Normal de mestres). A súa integración en Pontevedra é total, é ben acollido e el participa en toda actividade de interese e que teña certa orixinalidade. Participa no rodaxe da primeira película realizada con guión en Galicia, Miss Ledya, é unha aparición fugaz duns escasos minutos, a copia master da película atópase no Museo. Como mostra da súa rápida integración en Pontevedra está a súa pertenza ao orixinal, interesante e exclusivo Club Karepas.

Estando xa en Pontevedra, intégrase en 1917 nas Irmandades da Fala. Publica, Algo acerca de la caricatura. E a partires de aquí, vaise dar unha reconversión ideolóxica. Fai unha exposición da súa obra pictórica xunta a Carlos Sobrino no portal do estudo fotográfico de Saez Mon.

Tiña recibido a 3ª Medalla Nacional de Belas Artes polo seu tríptico mural, Canto de Cegos, que pode contemplarse neste Museo.

Froito da súa reconversión ideolóxica, está a realización do seu álbum Nós, elaborado entre 1916-1917, que será publicado en 1931 coa axuda de Sánchez Cantón e Filgueira Valverde, ao coidado do primeiro está o proceso de impresión na mellor imprenta daquela en Madrid., Hauser e Menet.

En 1919 publica na Coruña: Arte e Galeguismo.

Participa en canta tertulia hai en Pontevedra, como por exemplo na do famoso Café Moderno.

Como imos comprobando, Castelao chega a Pontevedra e non pasa desapercibido, é unha persoa moi destacada, sendo partícipe en cantas actividades importantes se produzan na cidade, sobre todo na etapa brillante de 1924 a 1930, coincidindo coa presencia na presidencia da Deputación Provincial dun personaxe imprescindible na historia da cidade no século XX, Daniel de la Sota, un dos mellores políticos de todo o século XX pontevedrés.

Algunhas daquelas importantes iniciativas que aínda perviven hoxe:

- Sociedade Coral Polifónica de Pontevedra, 1925.

- Reformulación das bolsas de axuda aos artistas por parte da Deputación Provincial, 1925.

- Instalación da Misión Biolóxica de Galicia en Pontevedra.

- Creación da Caixa de Aforros Provincial.

- Fundación en posta en marcha do Museo de Pontevedra (1927, 1929).

O Museo é a continuidade da Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra, estando Casto Sampedro y Folgar á fronte das dúas entidades. O Museo vai contar con dez membros no seu Padroado. Precisamente en 1930, cando D. Casto ocupa accidentalmente a presidencia da Deputación e pretende alterar a composición de dito Padroado, cambiando o formulado no regulamento, prodúcese un gran malestar e duros enfrentamentos, alomenos escritos, e dimiten tres dos seus conselleiros, Sánchez Cantón, Castelao, e Filgueira. Como a situación se reconduce e non se altera o regulamento, os tres dimitidos retiran a súa dimisión e logo aquí paz e despois gloria.

En dito reguamento exprésase que fundamentalmente o Museo constituirase con fondos locais.

Segundo o regulamento de 14/01/1929, o 30/01/1929 constitúese formalmente o Padroado, algúns dos seus principais conselleiros foron:

- Casto Sampedro y Folgar, Director e conservador, ademais de Cronista da provincia.

- Xosé Filgueira Valverde, Secretario técnico.

- Gerardo Álvarez Limeses, Vicedirector.

- Raimundo Riestra, Tesoureiro.

Tamén pertenceron a este primeiro Padroado:

- Antón Losada Diéguez

- Daniel Castelao

- Enrique López de la Ballina

- Argenti

Para a primeira sede do Museo a Deputación merca a casa de Casimiro Gómez en maio de 1928, era un edificio moi adaptable para a función que se lle pensaba dar. No epistolario de Sánchez Cantón figuran, na etapa 1928-1929, un intercambio de cartas moi interesante con Castelao encol da adaptación e reconstrucción do edificio, entrando nos máis mínimos detalles do deseño.

O Museo de Pontevedra é inaugurado o 10/08/1929, véspera da Virxe Peregrina. A elección desta data tiña un fundamento, xa que as importantes exposicións levadas a cabo pola Sociedade Arqueolóxica nos anos 1894 e 1895, tamén foran inauguradas na véspera da Peregrina. Nesa data, Castelao non se atopaba en Pontevedra, xa que estaba na Bretaña francesa estudando as cruces de pedra, que daría lugar a súa publicación: As cruces de pedra na Bretaña. Os materiais expostos, que se puideron ver naquelas datas, pertencían ao fondo local, á Sociedade Arqueolóxica, fóronse ampliando os fondos con obras de Castelao, préstamos e cesións de obras por parte da Real Academia de Belas Artes, do Museo do Prado. Sánchez Cantón tutelaba desde Madrid todo o referido ao Museo de Pontevedra. A correspondencia permite ver o incremento e a evolución dos fondos.

O Museo posúe gran parte (unha parte importante) da obra de Castelao, único artista que ten varias salas do Museo a el dedicadas. Fondos da Real Academia de Belas Artes de Madrid (o Museo de Pontevedra foi o primeiro receptor de obras cedidas por esta academia). Asimesmo somos receptores de obras do Museo del Prado, en concreto a famosa copia do Cristo de Velázquez. Detrás dos préstamos está a man de Sánchez Cantón. O Museo vaise consolidando, crecendo, vanse incorporándose novos edificios.

En 1935 o Partido Galeguista (PG) sofre unha crise e xurde como unha escisión de ideoloxía conservadora e católica a creación da Dereita Galeguista (DG) como consecuencia vaise producir a ruptura de relacións de Castelao con Sánchez Cantón e Filgueira Valverde. Esto repercute na vida interna do Museo. Neste momento, desaparece Castelao da correspondencia de ambos os dous eruditos pontevedreses, salvo citas moi puntuais e esporádicas. Tamén neste ano deixan de celebrarse reunións periódicas do Padroado. Celebrándose unha soa reunión en 1936, dúas en 1937 e unha en 1938. Nunca se cubrirá a baixa de Castelao no Padroado.

Á morte de Casto Sampedro en 1938 a Sociedade Arqueolóxica de Pontevedra intégrase totalmente no Museo.

En 1940, prodúcese o pasamento de Álvarez Limeses e por tanto, Filgueira Valverde será o novo director do Museo, o terceiro, e serao ata 1986 en que será nomeado Director Honorario. Este ano créase a figura dos alumnos colaboradores e noméase a Sánchez Cantón Director Honorario.

A partires desa data, consolídase o Museo e convértese no centro de referencia. Organizaranse as exposicións temporais e en 1942, empézase a publicación da Revista do Museo. Nese mesmo ano, exponse o chamado Tesouro de Caldas de Reis e fanse as xestións para achegar a Cruz "Pastor", a famosa cruz de acibeche mercada en Londres e logo donada por Antonio Pastor. O Museo vai ser un Centro de Estudos asociado ao Padroado José Mª Cuadrado do Consello Superior de Investigaciones Científicas (CSIC).

En 1943, mércase o edificio Fernández López, créanse as Salas Navais, que coincide coa instalación da Escola Naval Militar en Marín.

En 1949, recupéranse as arquerías do convento de San Domingos.

En xaneiro de 1950 morre Castelao en Buenos Aires. Non hai mención algunha do seu pasamento nas actas do Padroado.

Unha cuestión de vital importancia foi o evitar a subasta dos bens de Castelao despois da Guerra Civil, o que evitou a súa dispersión e as posibles perdas.

A partires de 1951 dita obra vai ser incorporada ao Museo de Pontevedra, con sucesivas e incesantes incorporacións, hoxe a maior parte da obra do artista rianxeiro, pontevedrés de adopción atópase no Museo.

En 1981 consíguense tres ábumes de Guerra. Grazas as xestións con Rodolfo Prada, albacea do legado de Castelao, os dous mantiveron unha relación fraterna. A el Castelao entrégalle os albumes para que os enviara ao Museo de Pontevedra coa condición de que Galicia conseguira o autogoberno. Esto provoca a correspondencia entre Filgueira Valverde e Rodolfo Prada, aquel indícalle que os requisitos están cumpridos a obter Galicia a súa Autonomía. Este acepta os plantexamentos de Filgueira e Rodolfo Lama fai unha viaxe a Buenos Aires e o 28/04/1981 prodúces a recollida dos albumes, na que participamos Filgueira, Fontoira e quen lles fala.

Destacar a figura de Álvaro Gil, cunha actitude moi intelectual e participativa, este gran empresario colabora de xeito moi importante co Museo de Pontevedra, que consideraba como unha segunda casa.
Tamén significar a extraordinaria personalidade de José Fernández López, outro gran benefactor do Museo. Ambos aportan a financiación necesaria para mercar e poder recibir os materiais de Castelao.

En 1987, adquírense a serie de Negros e en 2002 os materiais das Cruces de Pedra.

Xa en 1999, conseguimos a versión definitiva de Os vellos non deben namorarse. A versión inicial atopámola en maio de 1999 en Santiago de Chile.

Asimesmo conseguimos os debuxos das Cruces de Pedra na Bretaña.

A última adquisición foron os tres grandes lenzos do tríptico de Cegos de 1915, que nos cedeu en depósito a Real Academia Galega.

Castelao tense moi presente no Museo de Pontevedra, é o único artista con varias salas a el dedicadas.

Que os futuros responsables deste Museo saiban de onde vimos para saber onde queremos ir.

No hay comentarios: