viernes, 4 de diciembre de 2015

XIV MEMORIAL FILGUEIRA VALVERDE (IV)

Rafael L. Torre

"A Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra"





Valle Pérez presenta e agradece a aceptación de defender a súa ponencia a Rafael L. Torre, experto na materia e gran xornalista, coñecedor do s. XX de Pontevedra. Finaliza reiterando a súa gratitude ao conferenciante polas facilidades que sempre da ao Museo cando se lle pide a súa colaboración.

Rafael L. Torre pola súa parte manifesta a súa gratitude ao Museo e á Universidade de Vigo e manifesta que ten unha especial querencia polos temas da Caixa de Aforros por varios motivos, dita Caixa de Aforros foi cliente da súa empresa de asesoría sobre temas de información e divulgación, porque elaborou o seu libro sobre a historia da mesma por encargo da citada entidade. Tamén por facilitarlle ao emprender as súas investigacións o coñecemento dunha persoa crucial para a provincia de Pontevedra como foi Daniel de la Sota Valdecilla, sobre o que manifesta: "tengo un libro entre manos". Recoñece que Carlos Velasco fixo posibles as tres cousas que antes mencionou. Os vinte ou trinta primeiros anos da Caixa son de suma importancia para a historia de Pontevedra, para a súa historia social.

Durante moito tempo foi cuestionada a Deputación Provincial, sendo moi contestado este poder provincial, incluso moito máis que agora. Pedíase con insistencia a desaparición das deputacións.

Daniel de la Sota chega á presidencia da Deputación en 1924, eses case séis anos da súa presidencia son uns anos clave. Na época de Primo de Rivera prodúcese a idade de ouro da Deputación, que coincide case na súa totalidade co mandato de de la Sota. Nesta época prodúcense, entre outros, estes transcendentais feitos:

- Becas para os artistas

- Repoboación forestal

- Instalación da Misión Biolóxica en Pontevedra

- Absorción do Hospital, que pasa de municipal a provincial

- Creación do Museo de Pontevedra

- Fundación da Caixa de Aforros Provincial  


A CAIXA DE AFORROS

Tiña á Deputación Provincial como sociedade matriz. Nun primeiro lugar, ocupa dúas pequenas habitacións do pazo provincial.

Castelao non tivo nada que ver coa fundación da Caixa. Si tiña unha relación moi estreita e de colaboración con Daniel de la Sota. O fillo de Castelao, Alfonsiño Daniel e o seu curmán , Turiñas e o fillo de Daniel de la Sota, Alejandro eran íntimos amigos. Este último chegará a ser un recoñecido arquitecto. Alejandro considera a Castelao como o seu primeiro mestre no debuxo.

A Caixa de Aforros pretendía xerar a propia facenda da Deputación e ter unha importante atención social. O diñeiro de Pontevedra hai que invertilo en Pontevedra. Cun símil cinematográfico, de la Sota é o director e productor da Caixa e Bóveda é o guionista e primeiro actor. Bóveda  será o xestor da facenda e da economía da Deputación co seu importante papel na ordenación e cobro das cédulas persoais. Seguindo coa comparación anterior, Armando Rodríguez Acosta sería o secundario de luxo, man dereita de Bóveda.

Bóveda é comisionado para visitar caixas de aforro xa creadas para recoller adiantos e toda canta información valiosa puidera achegar. Visita as de Guipúzcoa, a máis antiga, a de Barcelona, Vizcaia e Valladolid.

Antes da posta en marcha e reforzamento das caixas provinciais existiron as caixas municipais e monte de piedade, as caixas provinciais consolídanse a partires de 1940.

Bóveda inspírase sobre todo na Caixa de Barcelona.

A fundación da Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra tivo lugar o 28/06/1929, e desde os inicios tivo un forte acento benéfico social. "El protocolo fundacional constaba de 66 artículos".

En Pontevedra xa existían a Caixa de Aforros Municipal e Monte de Piedade, o Banco de Crédito Agrícola e Caixa de Aforros Foral, esta última fundada coa intención da redención dos foros.

O 12/01/1930 constitúese o Consello de Administración da nova caixa e o nomeamento de Bóveda como director, que toma posesión o 19/01/1930, formarán parte deste proxecto desde os inicios: López García, Armando Rodríguez Acosta e José Luís Bermúdez, que permanecerán unidos a dita entidade ata a súa xubilación en 1971. O día 20/01/1930 ten lugar a solemne inauguración, aproveitando o cumio das catro deputacións galegas que se celebra en Pontevedra os días 20 e 21 de xaneiro de 1930, tendo como anfitrións ao presidente, Daniel de la Sota e á Deputación de Pontevedra, asisten todos os presidentes das deputacións galegas e os gobernadores civís da catro provincias. Neste importante cumio demándase ao goberno central a construcción do Ferrocarril Central Galego e a Gran Cruz do Mérito Civil para D. Daniel de la Sota, polo seu gran labor nos séis anos que estivo á fronte da deputación pontevedresa.

Promóvese que o maior número de cidadáns abran as súas cartillas de aforro e D. Daniel de la Sota da exemplo abrindo libretas aos seus fillos, a cartilla nº 54 corresponde a Alejandro de la Sota.

Como fonte de atracción e propaganda vanse realizar os famosos sorteos públicos da Caixa coincidindo co Día do Aforro. Naqueles tempos ofrecíanse tres premios de 50 ptas. para os primeiros aforradores. E premiábanse aos párrocos e aos mestres e mestras que realizaban a captación de clientes nos pobos, con premios de 100 ptas. para os mellores.

A caída do xeneral Primo de Rivera provoca a dimisión de Daniel de la Sota como presidente da Deputación de Pontevedra e de todo o seu equipo, así como a de todos os deputados provinciais, esto supón nesta cadea de obrigados abandonos, a dimisión de Bóveda no seu posto de responsable da Facenda provincial e como director da Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra.

D. Daniel manifestara como principio do seu mandato: "No confundir la esfera de lo político con la administración".

A nova Deputación pretende destruír toda a obra de Daniel de la Sota. A Caixa puido desaparecer por inanición, puideron liquidar a Caixa en séis ou sete anos. Pero houbo un miragre, un salvador, Armando Rodríguez Acosta, quen lle explica aos novos xestores que a Caixa debe pervivir para toda a vida polos beneficios que podía aportar para a riqueza da provincia. Nesto topou un gran aliado, o pai de Peláez Casalderrey (quen chegaría ser presidente da Deputación), Casiano Peláez Merino, propietario do comercio El Globo, que foi Conselleiro Director durante a Guerra Civil e ata finais dos anos 40.

Os fondos da Caixa en 1936 eran de 1.000.000 ptas., que pasan a 2.000.000 ptas en 1937. Benefícialle á Caixa que Pontevedra estaba na retagarda.

En 1944 mércase un edificio en construcción por 100.000 ptas para albergar a nova sé da Caixa. Términase o edificio nos anos 1947-1948.

En 1944, a Caixa acada uns fondos de 6.000.000 ptas.

En 1948 prodúcese un gran desfalco na repoboación forestal o que fulmina o acto de inauguración do novo edificio da Caixa. É un ano de gran crisis na Caixa e na Deputación Provincial. Como consecuencia a pura e dura intervención da Caixa como decisión de Madrid.

Cando José Solís Ruiz foi Gobernador Civil de Pontevedra deulle por facer vivendas sociais e quería meter neste proxecto á Caixa.

Cando se produce un cambio na Deputación Provincial de Pontevedra e Luís Rocafort se converte en presidente en 1957 noméase a D. Daniel de la Sota como Presidente Honorario e réndeselle unha homenaxe. D. Daniel sobreviviría séis ou sete meses a este acontecemento, tan merecido.

"El poder central se puso al lado de Vigo. Y la Caja de Ahorros Municipal de Vigo se expande por toda la provincia". A nova Lei de Caixas permitiu que unha caixa de ámbito municipal abarcara ao ámbito provincial. O poder de Vigo impúsoxe.

EPÍLOGO

Durante a década dos 90 do pasado século prodúcese a fusión das Caixas do Sur, tendo como impulsores de tal feito a Manuel Fraga Iribarne e aos seus Conselleiros, Orza e Cuíña. Pretendíase a fusión antes das eleccións municipais de 1999. A Caixa de Aforros de Pontevedra oponse, o 12/03/1999 hai unha xuntanza na Deputación para forzar a fusión. Ese día e o seguinte non hai ningún acordo, pero o día 15/03/1999 acéptase a fusión.

Villarino chega a dicir: "Hemos cambiado de postura pero no de opinión".

Na década dos 90 a Caixa alcanzou os seus mellores resultados.

"Carlos Velasco renuncia al cargo antes de la fusión, quiso morir con la Caja".

"70 años de luces y sombras, la historia de la Caja tuvo un gran peso en la provincia".

Algúns dos seus logros:

- Compra de Lourizán

- Financiación de todo San Antoniño

- Residencia de Estudiantes

- Centro Rexional (Asociado) da UNED en Pontevedra

- Obra cultural

- Grandes e pequenas axudas

- Identificación e confianza da xente humilde na cartilla de aforros

Sería moi importante non perder as actas da entidade, por eso o conferenciante interpela ao Museo de Pontevedra, na figura do seu director, presente neste acto, para que se faga unha xestión e reclámense a ABANCA e se recuperen e trasladen ao Arquivo Provincial. E con esta xusta demanda o conferenciante da por rematada a súa intervención.

O director do Museo, Xosé Carlos Valle Pérez abre a quenda de preguntas do público.

Xermán Manuel Torres, nesta quenda, pregúntalle a Rafael L. Torre se a xestión de sistematización e de cobro das cédulas persoais supúxolle algún problema a Bóveda.

Rafael L. Torre comenta que Bóveda pola súa gran formación en Economía e co rigor e seriedade que lle imprimía ao seu traballo trata de levar do mellor xeito posible a Facenda Provincial cumprindo a encomenda que lle fai Daniel de la Sota, que depositou toda a súa confianza neste tema en Alexandre Bóveda. Certamente, este tema creou grandes nemigos de Bóveda, que tristemente, como sabemos, pasaríanlle lamentable factura.

Ao non haber ningunha outra pregunta, dase por finalizado o acto.

No hay comentarios: