sábado, 17 de diciembre de 2016

BO NADAL E FELIZ ANINOVO-2017

ANUNCIACIÓN

MURILLO

A luz esperanzada do arcanxo
Chega ata a moza María,
Abraiada pola decisión divina,
Na súa alma chea de alegría.

María, moza humilde de condición
Sinte a grandeza do Creador
Ela, a nai do Señor! Canta bendición!
Baixa a cabeza chea de obediencia.

Sexa o que Deus me pide,
Amén ao Deus que é todo Amor.
Pasan pola súa mente moitas cousas,
Dentro da dúbida, ledicia e dor.

Esa sinxela e agarimosa moza xudía
Di si para ser a nai do Salvador;
Así sería nosa nai Virxe María,
Grazas a Ela temos ao noso Redentor.

Xermán Manuel Torres



Belén de Arturo Baltar (Ourense)
Imaxe: Xermán Manuel Torres

martes, 6 de diciembre de 2016

LXVII MESA DAS VERBAS - 17-12-2016; 18:30 H.


O sábado 17 de decembro, ás 18:30 h. na Sala de Conferencias do Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa, teremos unha nova oportunidade para ceibar versos ao ar.

Os que queirades sorprender, inquietar, desacougar, gozar cos versos e coas verbas compartidas non deixedes pasar esta nova cita poética, versos conxugados coa amizade nun marco de liberdade.

 

domingo, 27 de noviembre de 2016

A BIBLIOTECA MUNICIPAL DE CALDAS DE REIS. A BIBLIOTECA DA MIÑA INFANCIA

A Biblioteca no seu emprazamento actual, desde a década de 1970


Antiga localización da Biblioteca nos baixos do Concello


Filgueira Valverde da noticia da creación dunha biblioteca en Caldas de Reis no ano 1882, comentando que "a Dirección General de Instrucción Pública favorece as bibliotecas populares e as de sociedades, como as do Recreo de Artesanos de Pontevedra e a de Caldas de Reis". (Terceiro Adral, do Castro, 1984, p. 306).

Andado o tempo no xornal Litoral de Pontevedra, atopamos esta nova: "el 8 de diciembre de 1954 se cumple el primer aniversario de la fundación de la Biblioteca Municipal, llamada 'Manuel Martínez Ferro'". Por tanto, dita biblioteca fundóuse en 1953. (Recollida a nova en "Litoral, Año II - Núm. 107 - Pontevedra, 6-DIC.-1954 - 1 pta."). Era alcalde da vila termal naquelas datas, Clemente Viqueira Iglesias, home forte da Falanxe na vila, fora fundador do grupo cultural, folclórico e deportivo denominado Grupo Sindical de Educación y Descanso "Encantiños do Umia", chegaría a ter certa fama a súa sección de Coros e Danzas con actuacións en diversos lugares do país e tamén no estranxeiro, lembro que estiveran, entre outros sitios, en París e figuran participando na película: Más allá del Río Miño (1969). Cuxo rodaxe en Caldas fora todo un acontecemento, case sae na película todo o pobo, con Paquito Barros facendo de alcalde.

A Biblioteca Municipal de Caldas foi dirixida nos seus comezos polo intelectual, escritor e profesor galego D. Hipólito de Sá Bravo, quen tamén chegou ser por breve tempo alcalde da vila.

Dita Biblioteca Municipal trae á miña memoria ledas lembranzas da miña infancia caldense, eu debía frecuentala bastante a partires de 1967 e ata o ano 1969, a bibliotecaria era Quiquina Mosquera, a súa familia rexentaba o servizo de Telégrafos na rúa Real. Moitas veces eu ía acompañado dun amigo e colega do Colexio San Fermín dos PP. Somascos, José Antonio Búa Barreira, actualmente docente nese mesmo colexio e durante moito tempo membro distinguido do Grupo de Voluntarios de Protección Civil de Caldas. Cantas e cantas horas de lecturas naquela vetusta biblioteca, pouco frecuentada daquela, moitas tardes só José Antonio e máis eu nos atopabamos na súa sala de lectura, situada nos baixos da Casa Consistorial, no lateral contrario ao río.

Eu utilizaba moito o préstamo e descubrín alí por primeira vez os meus prezados cómics das aventuras de Tintín do belga Hergé (mágoa que os albumes estaban moi deteriorados e rotos, sen as páxinas do final; esto provocou o meu interese e andado moito tempo puiden mercalos todos e completar a súa lectura). Tamén lía con gozo As aventuras de Guillermo da editorial Molino, o Club dos Sete Secretos de Enid Blyton, tamén Heidi de Juana Spiry... Lembro que as miñas lecturas eran máis literarias e infantís pola contra José Antonio xa lía libros relacionados coa que sería a súa especialidade a Electrónica e a Electricidade, desto penso que xa teño falado noutra oportunidade.

A Biblioteca Pública de Caldas na actualidade atópase no Paseo Román López, nº 9, moi preto do fermoso parque xardín, moito máis fermoso e exhuberante nos tempos da miña infancia. A Biblioteca foi trasladada para alí na década dos 70 do pasado século, segundo nos informou a súa actual bibliotecaria, e pensa que máis concretamente debeu ser arredor de 1973. E tamén no 2003 acometeuse unha rehabilitación e ampliación.

Polo que teño lido e polas informacións que chegaron ata min o equipo responsable actual da Biblioteca caldense é un equipo moi dinámico, moi activo polas múltiples e variadas actividades que realizan, dinamizando a lectura e achegando a Biblioteca a moitos colectivos, entre eles os de centros educativos. Por todo este labor están a recibir moitos recoñecementos, entre eles, o importante premio María Moliner na súa convocatoria de 2013.

En Caldas de Reis gañeime para a lectura, primeiro, o exemplo na casa do meu querido e lembrado avó materno, Manuel. Logo pola benéfica acción neste campo dos colexios da Encarnación e de San Fermín e como non pola docencia maxistral dun mestre e director inesquecible da Graduada de Nenos de Caldas, o meu querido D. Victoriano Rosales, a quen Caldas lle debe unha homenaxe. Nesta miña afección pola lectura tamén ten boa parte de culpa a Biblioteca "Manuel Martínez Ferro", sirvan estas humildes verbas como homenaxe e tributo a esta miña primeira Biblioteca, que recordo con tanto cariño e nostalxia.

O nome da Biblioteca caldense vén dun dos seus fillos máis ilustres e doctos, o cultísimo relixioso mercedario, frei Manuel Martínez Ferro (Caldas de Reis, 28/02/1774-Écija-Sevilla, 03/06/1827). Tendes cumprida información sobre él nas seguintes reseñas:

- VV.AA.: "Martinez Ferro, Manuel" en Diccionario Enciclopédico Galego Universal. Tomo 40. Ir Indo, Vigo, 2003, p. 106.

- Vázquez Fernández, Lois: "MARTÍNEZ FERRO, Manuel" en Gran Enciclopedia Gallega. Tomo 28. Silverio Cañada, Lugo, 2003, pp. 80-81.

RECURSOS EN LIÑA:

http://www.caldasdereis.com/biblioteca_c.php

http://bibliotecadecaldasdereis.blogspot.com.es/


viernes, 11 de noviembre de 2016

LXVI MESA DAS VERBAS - 26-11-2016; 18:30 H.


Na sala de conferencias do Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa, o sábado, 26 de novembro, ás 18:30 h., celebraremos un novo encontro poético. Oportunidade da expresión libre das pulsións poéticas nun ambiente de amizade e de gozo por ceibar os versos ao ar. Todas e todos os que queiran sen límites e sen ningún tipo de traba poderán compartir os seus poemas nunha nova festa ou guateque da poesía.

Teremos unha especial lembranza para as Irmandades da Fala (1916) e para o seu poeta, o grande Ramón Cabanillas.

Amigos verdadeiros son os que veñen compartir a nosa felicidade, cando se lles prega, e a nosa desgracia sen seres chamados. (DEMETRIO DE FALERO)


martes, 1 de noviembre de 2016

I ASEMBLEA SINODAL

PRESIDIDA POLO ARCEBISPO E ACOMPAÑADO DO SEU BISPO AUXILIAR

TIVO LUGAR EN SANTIAGO DE COMPOSTELA O SÁBADO, 8 DE OUTUBRO DE 2016, A PARTIRES DAS 10:00 H.





 Eucaristía Inaugural



Con tal motivo desprazámonos a Compostela os tres sinodais da nosa parroquia, Celestino Brianes, Xosé Anuncio Mouriño e quen escribe estas liñas. Iamos ilusionados xa que participabamos nun acontecemento histórico para a nosa arquidiocese, algo crucial para a nosa Igrexa particular, que debe orientar a pastoral e o enfoque estrutural e organizativo da nosa diocese de hoxe e do futuro.

Na Eucaristía inaugural, que principiou puntualmente ás dez da mañá, o Arcebispo manifestou os seus desexos de que o proceso sinodal coa axuda do Espírito Santo cumpra co seu cometido nesta hora fundamental da Igrexa Diocesana e pregou que os sinodais se entreguen con xenerosidade e dilixencia ás tarefas que teñen encomendadas, ao mesmo tempo que agradecía a súa entrega.

Unha vez rematada esta Misa Solemne, os bispos e todos os sinodais trasladáronse ao Salón de Actos do Instituto Teolóxico Compostelán. Alí, don Xesús Fernández González, Bispo Auxiliar da Arquidiocese e responsable do primeiro documento que se sometía a estudo e que tiña como tema as UPAS (Unidades Pastorais), modelo de organización territorial de parroquias agrupadas para poder prestar os servizos pastorais acordes coa nova situación da Igrexa Diocesana, inmersa como toda a Igrexa nunha crise de vocacións sacerdotais e relixiosas e tamén nunha crise de fieis. Esta nova estrutura organizativa ofrécese para dar solución a dramática e difícil situación que estamos a vivir e que cada vez máis ten visos de ser máis complicada. Algo hai que facer, temos que pensar, razoar e tomar decisións non precipitadas, meditadas; pero, que aporten solucións e para iso, entre outras cousas estamos aquí. Estas podía ser en síntese as palabras de D. Xesús na presentación do documento, para que se convertan en constitucións sinodais que aporten mecanismos de axuda para ir solucionando as situacións que xa se están a dar e que no futuro poden ser máis difíciles. Todos temos que nos comprometer na misión da Igrexa, que non é outra que anunciar o plan de Salvación, mediante a Mensaxe de Xesús; dar a coñecer a Xesús e o seu Evanxeo. E urxe a toma de novas medidas, vencendo reticencias e medos, afrontando con serenidade, pero con medidas eficaces o novo futuro da Igrexa Diocesana, sabemos Quen non vai fallar, non o defraudemos nós. Con fe, esperanza e valentía e ilusión seguiremos a construír entre todos a nosa Igrexa, todos corresponsables: sacerdotes, relixiosos, leigos, todos formamos o Pobo de Deus.



Mesa presidencial


Despois da exposición do noso Bispo Auxiliar houbo moita participación, mellorando, enmendando, modificando algúns dos artigos do documento sometido a estudo e exame, que estaba baseado nos traballos dos equipos sinodais e da comisión redactora, representada polo seu responsable, quen defendeu os postulados, que se ofrecían para ir aportando solucións ás necesidades da nosa diocese.
Clausurou a asemblea o Sr. Arcebispo, don Xulián Barrio Barrio, quen agradeceu aos sinodais o traballo desenvolvido e poñendo a súa esperanza de que coa axuda de Deus iremos buscando e atopando solucións á difícil situación que estamos a vivir e que será moito máis comprometida no futuro inmediato. Aportou un dato revelador e alarmante, pero para movernos á acción non ao desánimo. Foi o seguinte, hai unha prospectiva de que no ano 2021, na Arquidiocese de Santiago de Compostela haberá en activo 141 sacerdotes, nunha diocese que na actualidade conta con 1.072 parroquias. Así que algo haberá que facer, temos que poñernos en acción, colaborando todos, facendo Igrexa todos.



Algúns dos sinodais presentes




Rematou esta I Asemblea Sinodal ás 13:30 h. co rezo do Angelus, dirixido polo Señor Arcebispo e cumpríndose os tempos cunha magnífica puntualidade, todo dentro do horario previsto e segundo o programado.
Quedamos emprazados para a II Asemblea Sinodal, que se desenvolverá na Casa de Exercicios de Santiago de Compostela o sábado, 22 de outubro a partires das 10:30 h.
Queremos volver a manifestar os nosos parabéns a D. Alfonso Novo, Secretario Xeral do Sínodo e a todo o seu equipo da secretaría técnica polos acertos e bo facer na organización desta asemblea e de todo o complexo proceso sinodal.
Elevamos as nosas oracións para que o Señor nos acompañe e ilumine nesta tarefa que temos encomendada e que o Sínodo Diocesano alcance os froitos desexados para o bo goberno e para vida pastoral de toda a nosa Diocese, que todos nos impliquemos e traballemos polo Reino de Cristo que trae unha Mensaxe de optimismo e Redención, que non caiamos no desánimo, porque El sempre estará a carón noso e nunca nos vai fallar, mais para este labor precisa da nosa axuda, da nosa colaboración.

RENOVARNOS EN COMUÑÓN DESDE CRISTO

                                                                                              Xermán Manuel Torres

sábado, 22 de octubre de 2016

I XORNADA FILGUEIRA VALVERDE, SEMPRE EN GALICIA - VILAGARCÍA - 28-10-2016; 20:00 H.



Será un acto de lembranza do último dos polígrafos galegos e gran figura da cultura e da educación en Galicia, non é outro que Xosé Filgueira Valverde, no día que cumpriría 110 anos, o 28 de outubro de 2016, ás 20:00 h. na sala de xuntanzas do Centro Comercial Arousa, onde Augusto Guedes e Xermán Manuel Torres desenvolverán candasúa ponencia.

Animamos a acudir a este acto, que pensamos continuar e institucionalizar cada ano na data de nacemento do insigne pontevedrés, para manter viva a súa memoria e a súa magna obra.





domingo, 16 de octubre de 2016

LXV MESA DAS VERBAS, 22-10-2016; 18:30 H.



Este próximo sábado 22 ás 18:30 h. celebraremos unha nova edición da Mesa das Verbas. Ceibaremos os versos ao ar na Sala de Conferencias do Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa.

Convencer, argumentar, gozar, liberar pacificamente coas verbas. Humanizar sinxelamente cos versos, nun espazo que queremos de amizade, liberdade e democracia.

Vinde probar, agardámosvos coa ambrosía dos deuses e das musas.

Teremos unha particular homenaxe a Ramón Cabanillas, o poeta cambadés das Irmandades da Fala.

martes, 11 de octubre de 2016

IV FESTIVAL SOLIDARIO - AUDITORIO MUNICIPAL DE VILAGARCÍA - 14-10-2016; 20:30 H.


Este próximo venres, a partires das 20:30 h., no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa, celebraremos, organizado por Cáritas Parroquial de Santa Baia de Arealonga, o IV Festival Solidario. A nosa gratitude para todos os colaboradores.

Desenvolverase o seguinte programa:

AROSA BAY

Esta noche está para boleros
Usted
Cheira a Lisboa
Sahara
Teño saudade
Havemos de ir a Viana.

CORO PARROQUIAL STA. EULALIA-A XUNQUEIRA

Amazing Grace – J. Newton
Zarzarrosa – H. Werner
Lela – Popular
Everybody Sing Freedom – Negro Espiritual

DESCANSO: Sorteo dun cadro mural doado polo artista Tito Porto.

CORO ANPA ATRIL “SIYAHAMBA”
Mangwani m’pulele
Duerme negrito
The lions sleeps tonight
Lusse lella
Good news

ORQUESTRA DE PULSO E PÚA AROUSA

Islas Canarias.....................................J. M. Tarridas

Recuerdos de la Alhambra............F.Tárrega

The Entertainer (El Golpe)...Scott Joplin

Pequeña Serenata Noctura K-525...W. A. Mozart


Vivir sinxelamente para que outros sinxelamente poidan vivir
 

domingo, 9 de octubre de 2016

SEGUNDO CONCERTO DA SOCIEDADE FILHARMÓNICA DE VILAGARCÍA-07-10-2016



Este pasado venres tivemos a gran fortuna de poder asistir ao segundo concerto da tempada da Sociedade Filharmónica de Vilagarcía de Arousa. Tivo lugar no Auditorio Municipal cunha boa presencia de socios e algún público acompañante, é un xeito de ir abrindo camiño cara a promoción da chamada música clásica. Estivo presente en representación municipal a Concelleira de Cultura, Sonia Outón, que se brindou a colaborar en todo momento. Pero, non obstante, botouse en falta a presencia do primeiro edil, quen tan pouco asistiu ao concerto inaugural. Penso que o señor alcalde debera apoiar máis a música e a cultura; pois en actos e actividades de carácter cultural brilla pola súa ausencia.

No apartado musical foi unha actuación brillante, chea de calidade, de sensibilidade, de dominio instrumental. Mayu demostrou porque é tan xustamente premiada, nas súas mans o violín (nesta oportunidade un Stradivarius de 1702) soa cunha perfección e riqueza de matices admirables, un sol de plenitude oriental, unha riqueza de vexetación nipona, unha flor de loto que embauca e deleita ao oínte. Moi ben acompañada por Suzana Bartal ao piano. Fusión perfecta de oriente e occidente, Xapón e Rumanía. A música non sabe de fronteiras, é un arte e unha linguaxe universal, ninguén e estranxeiro coa música, todos cidadáns do mundo. Mayu e Suzana, dúas excelsas realidades da música de hoxe, da música de sempre. Foi un enorme pracer e un privelexio gozar do seu arte, do seu excelente facer musical. Parabéns á Filharmonía, unha por nacer na nosa cidade e outra por brindarnos a oportunidade de poder deleitarnos con concertos de tanta calidade. Longa vida á Sociedade Filharmónica de Vilagarcía de Arousa, da que me honro en ser socio fundador e o seu actual tesoureiro, na directiva presidida por Xosé Luis Sanz, gran amante e executante da música, tendo por Vicepresidente ao noso amigo e compositor Elixio Vila, a Juan Antonio Nieto, un gran melómano, como secretario, agardamos que esta idea se consolide e vaia a máis. Que Atenea e as Musas nos acompañen.

domingo, 2 de octubre de 2016

I XORNADA SOBRE ARTE ROMÁNICA - VILAGARCÍA



Foi unha moi interesante xornada na que participei, digamos como alumno. Todas as ponencias tiveron unha grande importancia pola coidada información e formación que ofreceron. Os nosos parabéns aos Amigos do Románico e ao Concello de Vilagarcía de Arousa pola organización deste acontecemento cultural aquí na nosa cidade.

Ímonos referir á Catedral de Tui polos vínculos que nos unen, da miña etapa no Seminario Menor San Pelayo de Tui, nos cursos 1969-1970 e 1970-1971. E por teres participado en tantas misas na catedral tudense co Coro do Seminario, dirixido por D. Javier Chao.

Recollemos as notas dos apuntamentos da exposición da Dra. Dna. Margarita Vázque Corbal, quen disertou sobre: A catedral románica de Tui.

A catedral de Tui é singular pola súa situación, nun outeiro desde o que domina e pode ver unha parte do territorio da diócese, obsérvase ben a cidade de Tui e a cidade fronteiriza de Valença do Minho. O aspecto exterior da catedral é o dunha fortaleza, unha fortificación con torres e ameas ao xeito das catedrais portuguesas de Coimbra e de Ébora. Esto ten sentido por ser Tui unha cidade fronteiriza, da raia con Portugal e había que tomar medidas de protección fronte a posibles invasións.

A xurisdicción da Sé Episcopal tudense estendíase a territorios do fraterno Portugal, estamos a falar da comarca eclesiástica de Viana do Castelo. E temos noticias de dita diócese no Concilio de Braga e no Parroquiarum suevorum. En 1381 comeza a separación de Portugal e en 1444 confírmase a perda definitiva dos territorios portugueses e a merma da importancia desta diócese.

Xa no século VIII temos noticias dos ataques musulmáns, pero os conflictos máis destacados son no século X coas tres invasións normandas ou dos vikingos que provocaron o exilio dos bispos tudenses. No século XI prodúcese a restauración de diocese, que é anexionada a Santiago en 1024. Entre os anos 1068-1070/71 a diócese reestructúrase e volve a rexurdir, en tempos do bispo Xurxo. O culto episcopal celebrábase en San Bartolomeu de Rebordáns cara o 1122.

O primeiro documento que acredita obras na catedral de Tui data de 1145 en tempos do bispo Paio Mendes ou Pelaio Menéndez.
No último cuarto do século XII o Mosteiro de Oia dona dous marcos de prata para a "ecclesia de Santa María faciendo".
En 1225 conságrase a catedral de Tui. Unha catedral que empeza en románico e remata en gótico. A única fachada gótica de Galicia é a fachada occidental da catedral de Tui.

Constatar que a cidade de Valença na antigüidade chamouse Contrasta.

É moi difícil saber como era a planta románica da catedral de Tui. O románico atópase no "transepto". A sala capitular é románica. Algunhas capelas desaparecidas estarían elevadas. Na fachada norte atopamos elementos do románico, capiteis vexetais (que serven de modelo e que se repiten noutras igrexas da diócese), unha ventá románica.

Esta catedral ten moito de cisterciense como se pode contemplar no seu claustro.

Na fachada sur os elementos románicos están ocultos, "canecillos" antropomórficos e vexetais ocultos.

No interior hai zonas románicas e zonas góticas.

Topamos capiteis vexetais reproducidos noutras igrexas. Tamén é moi curioso o capitel con leóns de aspecto simiesco que representan o mal. Hai outro que repesentan aves bebendo no cáliz que simbolizan a Eucaristía. Así mesmo topamos un capitel con cabeza de bóvido.

Moi curioso son os capiteis con figuras serpentiformes con cabezas humanas, quizais se trate dun personaxe mítico galaico-portugués, a bicha moura.
Nas igrexas da diócese de Tui hai moitas serpes. Podemos falar de ofiolatría, culto das serpes. Por iso a Galicia e a Portugal se lle denomina Ofiusa, que quere dicir, terra de serpes.
Topamos algún capitel vexetal con personaxes hercúleos, representando forza.
Outro capitel ten a un centauro ou centauresa disparándolle a unha harpía. Polo que hai capiteis con personaxes da mitoloxía.
Aparecen outros capiteis con águias e con escenas de loita. Loita contra o Islam? Ou representando a loita que os fieis deben manter contra do mal.
Tamén topamos un capitel co prendemento de San Pedro e outro con xente presenciando unha teofanía.
Topamos outro representando a anunciación, a epifanía.

Nesta catedral hai unha gran riqueza de capiteis que son fonte de modelos para as igrexas da diócese.

Subliñar que o terremoto de Lisboa afectou moito á catedral de Tui.

O primeiro bispo desta diócese sería San Epitafio, aínda que non está documentado.




O Coro do Seminario Menor San Pelayo de Tui en 1970

Dito coro participaba en numerosas misas na catedral de Tui

sábado, 17 de septiembre de 2016

Caldas de Reis na lembranza




As tres imaxes iniciais son instantáneas de como se atopa na actualidade a rúa dos Fornos en Caldas de Reis, por certo un tanto descoidada e abandoada. Nesta rúa,  no seu número 4, transcorreu a miña vida desde 1957 e ata 1971. Nas imaxes figura un edificio ruinoso con balconadas no que antigamente estaban situados o bar Roquiño e súa pousada. Eu era amigo dos nenos que eran fillos dun dos propietarios do citado local de hostalería, tan popular en Caldas. Alí teño pasado moito tempo de maxia e diversión, xogando con Manolo, Seso e Ramón e vendo na televisión do bar, que outra non había na rúa, aquelas famosas e para min boísimas series, case nos inicios da televisión no noso país, lembro: "El Virginiano", "Bonanza", "Caravana", "Jim West", "Daniel Boom" e tantas outras, as sesións de ventriloquía da austríaca Herta Frankel coa súa cadeliña (un boneco), Marilín, os debuxos animados que nos gustaban tanto aos nenos daquela: O oso Yogui, "Los Picapiedra", "La Hormiga Atómica", ... E tamén viamos, case todos os nenos do barrio alí, as corridas de touros con Manuel Benítez, "El Cordobés", os partidos de fútbol, fundamentalemente do Real Madrid (lémbrome da velocidade de Gento) e da Selección Española, onde era o porteiro, o mítico Iríbar, xogador do Atlético de Bilbao. Horas e horas pasadas naquel mítico e lembrado Bar Roquiño. Ah! tamén estaban os partidos de tenis con Manolo Santana, primeiro, e logo con Orantes. E as carreiras ciclistas, Tour e Volta a España con Federico Bahamontes. Viamos o que nos botaban, só había unha única canle e gracias.

As tardes dos sábados ía ver a televisión, naqueles tempos idos, ao Liceo de Caldas, ali gocei moito cunha serie que era do meu máximo agrado: "Viaje al fondo del mar", co almirante Nelson e toda a súa tripulación do submariño que estaba ao seu mando. Tamén vía o mítico concurso escolar "Cesta y Puntos", que comandaba Daniel Vindel.

Así mesmo, lembro ver a televisión no colexio San Fermín dos Padres Somascos, de alí recordo ver os primeiros capítulos da miña vida, baseados nun cómic, que logo lería con fruición na Biblioteca Pública de Caldas, tratábase de Tintín co seu can Milou e o seu amigo, o meu personaxe preferido, o capitán Haddock, acompañados do simpático "profesor Tornasol". Neste colexio, tamén teño asistido a sesións de cine, sobre todo relixioso, hai unha frase dunha daquelas películas que me quedou gravada: "Vino Constantino y nos trajo la paz", ou algo así.

No ano 1968, chegou un televisor á graduada de nenos de Caldas de Reis, dirixida daquela por un gran mestre que merecería hoxe un recoñecemento en Caldas, D. Victoriano Rosales. Alí seguimos as peripecias do programa espacial americano Apolo, logo un programa que se chamaba Televisión Escolar, onde vin por primeira vez ao gran Doctor Félix Rodríguez de la Fuente, que nos engaiolaría a todos cos seus programas de animais e da Natureza.

Non quero esquecer as tardes-noites no cine Avenida, acompañado da miña querida nai, e comendo aqueles saborosos "cacahuetes" mentres víamos: Ben-Hur, "La Marabunta", "Sube y Baja" de Cantinflas coa que me escachei a rir, tamén todas as películas, dos daquela nenos prodixio, Marisol e Joselito, teño que confesar que naquel tempo gustáronme moito. Ai! aqueles tempos de neno! E tamén recordo o medo que me fixo pasar o meu tío Manolito cando me levou a ver Drácula...

Foron inesquecibles tardes de TV e noites de cinema na querida Caldas de Reis da miña infancia.


jueves, 8 de septiembre de 2016

LXIV MESA DAS VERBAS - 17- SEPT - 18:30 H.



Vinde de novo
os versos ceibar
ao ar do noso pobo
porque aínda é preciso loitar
para conseguir unha terra máis xusta.
Porque aínda é preciso amar
nun mundo sen compromiso, 
aínda cunha flor podes gozar,
cun paxariño, cun can...
Aínda a túa man a un amigo podes dar.

E se es tan tolo para versos ceibar,
esta cita non podes perder:
sábado 17, ás 18:30 h.
na sala de conferencias do Auditorio quérote ver.
Aínda hai xente por aí
que con poemas te pode agasallar.

lunes, 29 de agosto de 2016

LITORAL - Pontevedra, 1953-1954



Hoxe de 10:00 h. a 13:30 h. estivemos de pescuda no Museo de Pontevedra, na sala da Biblioteca e do Arquivo Documental e Gráfico. Revisando exemplares da revista LITORAL, hai coleccións desta revista na Hemeroteca Provincial e no propio Museo con varias coleccións, pois tamén se atopa no legado de Antón Odriozola. Comprobamos na mesma sesión de indagación o intercambio epistolar entre Filgueira Valverde e o cardeal Fernando Quiroga Palacios, de grata lembranza na Arquidiócese de Santiago de Compostela.

Resumo do contido escollido de LITORAL:

- LITORAL - Año I - Núm. 27 - Pontevedra, 16-Nov.-1953 - 1 pta.

. Inauguración de la temporada en la Filarmónica: "La Orquesta de Cámara de Berlín y sus dos extraordinarios conciertos".
. En Marín - Asoc. Cultural "Santa Cecilia" conferencia de Xosé Filgueira Valverde: "El lenguaje de la poesía y el goce estético".

- LITORAL - Año I - Núm. 28 - Pontevedra, 23-Nov.-1953 - 1 pta.

. Pregunta y deseo sobre un homenaje póstumo a Víctor Mercadillo.
. "FILGUEIRA VALVERDE propuesto para la Academia de la Lengua". (Como correspondiente).
. Visita al Museo del Almirante Jefe de las unidades de la Escuadra Inglesa fondeada en Vigo.

- LITORAL - Año I - Núm. 29 - Pontevedra, 30-Nov.-1953 - 1 pta.

. Artículo de Amancio Landín Carrasco: "La Escuadra de Galicia".
. Pzo. de matrícula en el Instituto de Pontevedra.

- LITORAL - Año I - Núm. 30 - Pontevedra, 7-DIC.-1953 - 1 pta.

. Concierto de la Filarmónica.

- LITORAL - Año I - Núm. 31 - Pontevedra, 14-DIC.-1953 - 1 pta.

. Artículo de F. J. Sánchez Cantón: "El segundo GRAN DUQUE DE ALBA".
. Exámenes de Reválida del grado superior del Bachillerato en el Instituto.

- LITORAL - Año I - Núm. 32 - Pontevedra, 21-DIC.-1953 - 1 pta.

. Artículo F. J. Sánchez Cantón: "Más que un mecenas".
. Felicitación de la Corporación Municipal de Pontevedra a Xosé Filgueira Valverde por ser nombrado correspondiente de la Academia de la Lengua.
. Reunión Padres de Familia del Instituto de Pontevedra.

- LITORAL -Año I - Núm. 33 - Pontevedra, 28-DIC.-1953 - 1 pta.

. Artículos de Modesto Bará: "La documentación italiana sobre la PATRIA DE COLÓN". Y de Alejandro Requejo Domínguez: "Puentecesures. Breve historia de este laborioso Ayuntamiento".
. Sánchez Cantón va a dar un cursillo de conferencias a Norteamérica". El erudito pontevedrés era Decano de la Facultad de Filosofía y Letras de Madrid y Subdirector del Museo del Prado.
. Noticia de publicaciones de Bibliófilos Gallegos: De López Ferreiro: A Tecedeira de Bonaval, O castelo de Pambre, O niño de Pombas. De Aquilino Iglesia Alvariño: Diccionario Gallego.
. Felicitación a Filgueira Valverde por su nombramiento como correspondiente de la Academia de la Lengua, ya lo era de la de Historia y será próximo su nombramiento de la de Bellas Artes. Se loan sus merecimientos, su obra, que se verá acrecentada (y tanto) por su juventud y talento.

- LITORAL - Año II - Núm. 34 - Pontevedra, 4-ENE.-1954 - 1 pta.

. Diez años de la eficaz labor del Tribunal Tutelar de Menores. Comenzó el 1 de enero de 1944 con la apertura de la "Casa Tutelar Avelino Montero Villegas". Se hace un balance 1944-1953.
. Noticia sobre la reunión en el Instituto de Pontevedra de la Cofradía Espíritu Santo, integrada por alumnos y ex alumnos.
. Balance ejemplar del Museo de Pontevedra durante el año 1953. Destacamos la tercera visita de Franco y esposa, acompañados del Contraalmirante Nieto Antúnez, antiguo miembro del Patronato del Museo. Depósito Bedoya de tesoros y restos prehistóricos. Colaboración de Julio Guillén Tato, director del Museo Naval de Madrid. Compra por parte del Estado del autorretrato de Manolo Quiroga, que se custodia en el Museo.

- LITORAL - Año II - Núm. 35 - Pontevedra, 11-ENE.-1954 - 1 pta.

. Noticia operación en el Sanatorio Baltar de Santiago de Araceli Filgueira Iglesias.
. "O fillo de Celt" - Admirable poema sobre COLÓN PONTEVEDRÉS, de Ramón Cabanillas.

- LITORAL - Año II - Núm. 36 - Pontevedra, 18-ENE.-1954 - 1 pta.

. Reivindicación: "Pontevedra necesita de un periódico diario".
. Operada en el Sanatorio Baltar de Santiago Mª Teresa Iglesias, esposa de Filgueira Valverde.
. Boda de Alfredo García Alén y Adela Acosta Requejo.

- LITORAL - Año II - Núm. 37 - Pontevedra, 25-ENE.-1954 - 1 pta.

. Las conferencias en el Instituto del Curso Preuniversitario, que acaba de comenzar. 1ª Conf.- 21/01/1954 del catedrático de Latín, Aquilino Iglesia Alvariño: "El Monacato: Los Monasterios Gallegos". 2ª Conf. de Xosé Filgueira Valverde: "La vida en las antiguas universidades".

- LITORAL - Año II - Núm. 38 - Pontevedra, 1-FEBR.-1954 - 1 pta.

. Se da noticia de Pontevedra nevada.
. Festividad de los periodistas - patrón: San Francisco de Sales.
. 3ª conf. del curso Preuniversitario - Manuel Rey Martínez, canónigo de la Catedral de Santiago: "El Espíritu Personal en Dios y en los hombres".
. Regresan de Santiago, después de ser operadas con éxito, Mª Teresa Iglesias y Araceli Filgueira Iglesias, esposa e hija de Filgueira Valverde.
. Nuevo catedrático de Matemáticas en el Instituto de Pontevedra: José Unamuno Lizárraga, hijo de Miguel de Unamuno.

- LITORAL - Año II - Núm. 39 - Pontevedra, 8-FEBR.-1954 - 1 pta.

. Se da cuenta del regreso de Norteamérica de Fco. Javier Sánchez Cantón.
. Se refleja el contenido de la 3ª Conf. del Preuniversitario.
. 4ª conf.: Catedrático de CC. Nat.: Mariano García Martínez: "La nutrición en las plantas".

- LITORAL - Año II - Núm. 40 - Pontevedra, 15-FEBR.-1954 - 1 pta.

. Editorial reivindicativo: "Pontevedra, ciudad docente".
. La Orquesta de Cámara de Munich en la sociedad Filarmónica.
. 5ª conf. - Preuniversitario: lunes, 15 de febrero de 1954 a las 19:15 h.

Del legado Filgueira Valverde consultamos a seguinte correspondencia co Cardeal Arcebispo de Santiago de Compostela, Dr. D. Fernando Quiroga Palacios:

- FILGUEIRA 385-43:
 
. 13/10/1960: Quiroga Palacios presenta al sacerdote, Celso Alcaima, que se hará cargo del Hospital y de la Casa Tutelar.

- FILGUEIRA 385-19:

. 6/nov./1959: Carta de recomendación de Quiroga Palacios del pintor: Manuel Prego de Oliver para que se le adjudique la decoración de la Estación Marítima de Vigo.
. 15/nov./1959: Felicitación del cardenal a Filgueira por el Congreso Mariano con motivo del IV Centenario de Santa María la Mayor.

- FILGUEIRA 383-29:

. Borradores mecanografiados de cartas para el cardenal, una sobre la propuesta de nombramiento del franciscano P. Lamela como director espiritual y capellán del Instituto de Pontevedra, curso 1958-59.

martes, 23 de agosto de 2016

150 ANOS DE COMBATE NAVAL EN VILAGARCÍA, 1886-2016




Todo o mundo estaba espectante no complexo das praias da Concha-Compostela de Vilagarcía de Arousa para contemplar o espectáculo de fogos artificiais combinado con música, que constituirían o Combate Naval que poñería un dos colofóns á popular Festa de San Roque de 2016. Cento cincuenta anos despois da primeira experiencia. O combate naval é unha tradición moi querida polos vilagarciáns e polos asiduos ás festas patronais de San Roque. (Vilagarcía ten outra patrona, Santa Baia, que salvo os veciños do querido barrio de A Laxe, ninguén se lembra de festexar). 

Pero ao que iamos, o Combate Naval -2016 (teño que puntualizar que hai anos eu non era moi partidario de gastar tantos cartos en lume, habendo tantas necesidades que atender, pero bueno tamén hai que divertirse e atraer visitantes á vila por se deixan algúns beneficios na hostelería e nos comercios, que tamén tanta falta hai). Pero vaiamos co conto, a eso das 00:00 h. do domingo 21 de agosto de 2016, unha voz familiar, a gran voz de Julio García, actor (e tantas cousas máis) e responsable do grupo de teatro Clámide atrona na calorosa madrugada para anunciar o grande espectáculo de luz e son que nos tiña preparado a pirotecnia Penide para conmemorar esta importante efeméride festiva, sendo como é Xulio tan delicado e educado agradece aos devanceiros pola iniciativa, a todos os presentes por participar das festas vilagarcianas e a empresa Penide polo interese que pon cada ano, ultimamente, en innovar e atraer xente ao Combate, que homenaxea á nosa Armada que loitou na batalla naval do Callao alá no século XIX.

A idea de combinar fogos de artificio con música non é nova, Haendel (1685-1759), na súa etapa inglesa, compón unha chamada "Water Music", "Música Acuática" escrita para un paseo da Corte polo río Támesis no verán de 1717 e en abril de 1749 organízanse uns extraordinarios fogos de artificio en Londres, aos que asiste o propio rei, e para os que Haendel compón a "Fireworks music", "Música para os Fogos Artificiais". Parece ser que nesa ocasión, a música soou antes de prender os fogos; disfrutaron previamente da música. Aquí en Arousa Bay quixemos combinar fogos e música o que é unha boa iniciativa e unha boa intención, tamén se fai algo así en Compostela nos fogos do Apóstolo. Como digo a idea paréceme persoalmente moi ben. Pero nesta ocasión, a combinación non estivo ben sincronizada (asunto difícil de realizar) e logo a música escollida non foi moi apropiada. Gustoume máis cando coincidiu co fragmento de Carmina Burana, penso que o que mellor lle acae é unha boa música clásica e iríalle tamén ben fragmentos de música celta, con tantos e bos grupos galegos que hai. Como primeira experiencia, plausible e a seguir así, mellorando. Ah! o son podía estar un pouco máis baixo, mellor regulado. Non obstante, parabéns e noraboa á Pirotecnia Penide e ao Concello de Vilagarcía que é quen contrata e quen acolleu a idea favorablemente.



viernes, 12 de agosto de 2016

AUTO DE FILGUEIRA VALVERDE SOBRE A VIRXE DE AGOSTO





Hoxe, ás 21:30 h. e na igrexa parroquial de San Bartolomeu de Pontevedra terá lugar a representación do Aucto de como Santa María foi levada aos ceos para a festa de Nosa Señora de agosto da autoría de Xosé Filgueira Valerde, refeito con textos de orixe medieval e publicada en 1969. (Menciono o teatro de Filgueira no meu libro: Ó galego polo teatro, editado por Cumio en 1996 nas páxinas 70 e 159, un dos últimos libros prologados por D. Xosé denantes do seu pasamento. Tamén lle dediquei un artigo en ONDAS DE AROSA no número correspondente ao mes de setembro de 1994, na súa páxina 15).  Será representada polo Coro Ultreia e o grupo teatral Arume.

Tentaremos presenciar esta peza teatral filgueiriana e daremos cumprida nova da representación.

Para ser a época que é nunha Pontevedra xa en festas e con numerosos actos e actividades de todo tipo, houbo no templo de San Bartolomeu unha aceptable entrada. Tivemos unha oportunidade máis de saudar aos filllos e netos de Filgueira Valverde, sempre tan amables e atentos comigo, amigos e público en xeral presenciamos con interese a representación, na que existía unha forte compoñente de narración e de descrición. Os nosos parabéns para o grupo de teatro Arume por darnos a coñecer a vertente dramática de Filgueira Valverde e representar o seu teatro. É mágoa que o teatro profesional e o Centro Dramático Galego fagan tan pouco por representar e dar a coñecer o teatro galego. Está ben facer versións de teatro alleo, pero o labor principal dos grupos de teatro galego e dar a coñecer o teatro de autores que utilizaron a lingua galega para intentar dotar á nosa literatura dunha dramática. Aí hai un gran campo de traballo, non sei se as nosas autoridades culturais se dan conta de que compre estimular e fomentar o teatro galego, que existe, volvo a repetir unha e outra vez.
 Ten o seu mérito insisto que este grupo de afeccionados ao teatro cumpran unha función, moi importante, que outros moitos tratan de ignorar. O coro Ultreia interpretou moi dignamente as cantigas ao xeito medieval. Parabéns para todos, unha vez mais, e para a parroquia pontevedresa de San Bartolomeu por acoller esta representación. Sen perder de vista que o teatro ten unha orixe litúrxica e relixiosa, que houbo un tempo en que o teatro se representaba no interior das igrexas e logo nos adros.

Se me permitides un consello deste amante do noso teatro, hai que coidar máis a dicción e a vocalización, declamando alto, con boa sonoridade, con pausa, con impostación para que o público escoite e entenda ben o que din os actores e actrices. (De aí tan importante o traballo dunha boa dirección e producción, facendo un boa exercitación de voz e de formación de actores). E coidar tamén o xestos e acenos e o movemento escénico que fan máis verosímil a acción, hai que imprimir dinamismo ao corpo, non estatismo, acompañar a voz cos movementos corporais axeitados, sen esaxeracións e sobreactuacións.

Con todo, noraboa! e viva o teatro!



lunes, 1 de agosto de 2016

POESÍA NA RÚA - LXIII MESA DAS VERBAS



Vinde soltar os versos ao ar
na rúa, en Vilagarcía ben o ides pasar.
O mércores 10 de agosto temos que quedar,
non deixedes ás Musas marchar.

miércoles, 27 de julio de 2016

LXII MESA DAS VERBAS - 30-07-2016; 19:30 H.


Quedamos para ceibar versos ao ar,
preto de Cortegada no máis belido mar.
Versos moi sentidos desde Vilagarcía
paro poder espallalos por toda a Ría.

Vinde amigas, vinde amigos
será un encontro poético con moita alegría.
Vinde logo, non faltedes, que grande perda sería
non contar con vós nunha nova Mesa das Verbas.

Vilagarcía = Poesía

lunes, 25 de julio de 2016

A FARSA DAS ESPADAS - CARRIL-25-07-2016-19:30 H.

Todo está preparado para comezar

O párroco de Carril efectúa os pasos de rigor

Os farsantes en acción diante da imaxe de Santiago

Xa lle temos dedicado en outras oportunidades a nosa atención a este acontecemento cultural que mantén vivo o pobo de Carril. Trátase da coñecida farsa da Danza das Espadas, que efectúan na honra do Santo Patrón o día sa súa festa, dita danza que ten unha antigüidade de máis de catrocentos anos goza de moito apoio do pobo de Carril que a mantén viva. Trátase dunha danza de orixe gremial, tema que teñen estudado grandes etnógrafos e antropólogos galegos. Filgueira Valverde fala das danzas brancas, vinculadas moitas delas ao mundo do mar, consérvanse hoxe, por exemplo en Redondela e en Marín. Son moi fermosas e populares, de grande riqueza etnográfica e antropolóxica, dignas de estudo e de eloxios. Nos damos os nosos parabéns ao pobo de Carril  por manter viva esta tradición dos devanceiros, que sigan mantedo a farsa por sempre. Conversando un pouco máis das oito da tarde co meu amigo, o etnógrafo Carlos Rey Cebral, precisamente sobre as orixes e a antigüidade desta farsa, manifestoume que hai documentación dela desde o século XVI, pero que seguramente será moito máis antiga.

Persoalmente, a min gústame moito esta tradición carrilexa, igualmente era moi do agrado do meu querido e lembrado pai, Germán Torres Painceira, quen me ten falado moito dela, gozaba moito véndoa danzar, como tamén me ten informado doutras moitas cousas do noso querido Concello de Vilagarcía de Arousa. Sirva esta entrada como lembranza e homenaxe paterna. Sempre hai forma de facer presentes aos devanceiros, a farsa de Carril é unha forma máis, e unha forma moi artística e valiosa. É unha danza de grupo, comunitaria, onde os individuos colaboran e unidos e perfectamente coordinados logran o seu fin. Que llo digan aos carrilexos que hoxe nola ofreceron, cantos ensaios, canto esforzo persoal e social? Todo nos fala da unidade dos mariñeiros, da unidade na confraría; a unión fai a forza, e xuntos, un pobo consigue o que quere, como manter este centenaria e fermosa tradición.