jueves, 7 de enero de 2016

REMATOU O ANO FILGUEIRA


 Neste pasado 2015 tivemos a sorte de celebrar o Día das Letras Galegas e o Ano dedicado ao profesor e erudito pontevedrés, Xosé Filgueira Valverde. Foi unha posibilidade de afondar máis na figura deste polígrafo galego asistindo a mesas redondas, conferencias, xornadas, estrea da súa peza teatral, Agromar, creación da web da Fundación Filgueira Valverde, concertos, o XIV Memorial Filgueira, poder ler a maioría das novas publicacións a el dedicadas. Foi, sen dúbida, un ano moi intenso. Non imos entrar no rexeitamento inxustificado de algúns pola dedicación do Día das Letras e do Ano a súa persoa. El foi un home moi traballador e un gran cultivador do idioma galego, cunha obra literaria de grande calidade e cunha obra erudita moi recoñecida.

 Pola banda das letras (que é do que se trataba) non debería haber contestación nin controversia. No que ten que ver coa súa actividade política, hai xente que non chega a comprender as intencións de Filgueira e o labor que desenvolveu neste eido o que é unha mágoa.

 Penso que a decisión da Real Academia Galega foi acertada e dentro do libre exercicio das súas competencias e cunha mentalidade aberta e plural. Aínda hai xente tan pechada e antidemocrática que ou ben pensas e actúas como eles, senón nin auga nin sal.

 Felizmente o Ano Filgueira desenvolveuse e transcorreu con naturalidade e aceptación crecente, os primeiros rexeitamentos tan soados foron apagándose pouco a pouco. Se ben houbo certos grupos e persoas que trataron de boicotear os actos, non exercendo a súa representación pública neles. Pero, fíxose xustiza a este “obreiro da causa galega”. El procuraba non falar mal de ninguén, no caso, optaba polo silencio. E consta que intentou sempre facer o ben.

 Pola calidade e cantidade da súa obra e pola intensidade da súa vida, chégase á conclusión de que tanto Filgueira Valverde como a súa obra serán obxecto de estudo por sempre, nunca remataremos por descubrir e afondar nas súas múltiples facetas e os seus matices, tense dito máis dunha vez que é unha figura poliédrica.

 O seu legado está para ser investigado e estudado no Museo de Pontevedra, unha das súas principais casas na súa cidade natal. Queda que a Deputación Provincial volva a habilitar os espazos e os tempos do Arquivo e da Biblioteca de dito Museo para que os estudosos e investigadores poidan acceder con facilidade a estas dependencias e aos seus servizos, que eran exemplares antes das medidas restrictivas que erroneamente se adoptaron. Ese Museo e o seu Arquivo documental e gráfico, así como a súa Biblioteca e Hemeroteca son uns tesouros que temos moi de preto e Filgueira Valverde tivo moito que ver na súa creación e configuración.

E seguindo a simboloxía, como a rei morto, rei posto; viva o Ano Manuel María! E aproveitemos a oportunidade de homenaxear ao poeta da terra Chá no seu día Das Letras Galegas 2016. E como ocorre con calquera autor, o mellor é coñecer a súa obra. Gocemos da obra de Manuel María, como podemos seguir a facer coa obra de Filgueira e de tantos grandes autores da nosa rica literatura.
                                                                                 

No hay comentarios: