domingo, 27 de marzo de 2016

DÚAS CARTAS DE RAMÓN PIÑEIRO A FILGUEIRA VALVERDE

 
 (Filgueira Valverde con Fernández del Riego e Ramón Piñeiro nun acto galeguista na década dos 70 do pasado século XX)


Ramón Piñeiro López (Armeá, Láncara, 1915 - Santiago de Compostela, 1990). Foi un importante e influinte intelectual e político galego. Antes da Guerra Civil vinculado coas Mocidades Galeguistas. Despois da Guerra e na dictadura franquista mantivo vivas as inquedanzas galeguistas e foi líder indiscutible do galeguismo interior, tendo sido represaliado e sufrindo a cadea polos seus ideais. Alentou sempre a defensa de Galicia e do galego. Foi membro fundador e director literario da editorial Galaxia (1950-1963). Iniciou a importante revista de pensamento galeguista Grial, axudou a crear o Partido Socialista Galego (1963). Na chamada época da Transición é cofundador con outros intelectuais galeguistas do grupo Realidade Galega. Tivo un forte peso no activismo galeguista nesa etapa, foi famosa a chamada "mesa camilla" de Piñeiro en Santiago de Compostela, apoiaba todo tipo de iniciativas culturais e políticas co fin de conseguir o maior grao posible de autonomía política para Galicia nun plano de igualdade coas outras comunidades históricas. Foi deputado independente polo PSOE no primeiro Parlamento galego (1981-1985) e primeiro Presidente do Consello da Cultura Galega (1983-1990), neste cargo sucederíao Filgueira Valverde por mor do seu pasamento. Foi o chamado filósofo galego da saudade. Foi membro da Real Academia Galega e recibiu a Medalla Castelao en 1985. As súas principais obras:

- La saudade, ensayos (1953).

- Olladas no futuro (1974).

- Filosofía da saudade (1984).

Estivo en contacto permanente con Xosé Filgueira Valverde para apoialo e felicitalo polas súas accións e obras a prol de Galicia e do galeguismo. Os dous compartían inquedanzas pola lingua galega e a súa defensa, así como polo traballo en favor da nosa cultura co obxectivo de soerguer Galicia.
Piñeiro pensaba que en todas as opcións políticas que actuan en Galicia tiña que haber unha ponla galeguista. Desexaba convencer que hai que loitar polo progreso de Galicia e polo uso e defensa activa da lingua e da cultura galegas.

Estando de pescuda no Arquivo Documental e Gráfico do Museo de Pontevedra, fonte inesgotable de información e de documentación valiosa para os estudosos galegos, atopeime cun pequeno epistolario de Ramón Piñeiro para Filgueira Valverde. E na sinatura: Filgueira, 380-83, topeime con dúas cartas de Ramón Piñeiro a Filgueira Valverde do ano 1951. A primeira transcríboa completa e textualmente, da segunda reflicto algúns dos fragmentos que considero máis salientables.

Vigo, 11-2-1951

                            Meu querido amigo:


     O xoves teño mentes de ir a Pontevedra e pasar ahí a tarde. Tamén irá Paco, que ten que facer ahí algunhas xestións e aproveito a ocasión pra irmos xuntos. Farei por atopalo e así charlaremos de "Galaxia".

                                                        Unha aperta do seu amigo

                                                                    R. Piñeiro


Carta de Ramón Piñeiro a Filgueira Valverde, datada en Lugo, 6-3-1951. Fálalle da posible creación "da seicción de Filoloxía Románica" incluindo unha cátedra de "Língoa e Literatura galaico-portuguesa" na Facultade de Filosofía de Santiago. E Ramón Piñeiro soña como primeiro catedrático nesa posible Cátedra na figura do Dr. Filgueira Valverde.
Finaliza o anverso desta carta do seguinte xeito: "E n-iste soño de nos sentire orgaizadores libérrimos da seicción de Filoloxía Románica na Universidade Galega o primeiro titular da cátedra de língoa e literatura galaico-portuguesa é inevitablemente o Dr. Filgueira. Xa veremos si é verdade que os soños se cumpren. Ninguén se folgaría máis".
No reverso da mesma misiva, Ramón Piñeiro manifesta que pensa viaxar algún día a Pontevedra desde Santiago para "discutir" con Filgueira de cuestións de lingua, tendo presente ao padre Sarmiento.

E remata así esta carta:

"En fin, quizais seña ista unha das groriosas aportacións da futura cátedra de 'Língoa e Literatura galaico-portuguesa' baixo a direición do seu titular Dr. Filgueira Valverde... si é verdade que os soños se cumpren.


                                                    Unha forte aperta do seu amigo

                                                                             Ramón Piñeiro"


Resulta curioso por que Ramón Piñeiro insiste no seu soño de que Filgueira Valverde fose ese primeiro Catedrático de Lingua e Literatura galaico-portuguesa na Universidade Galega. Pensamos que pola súa solvencia científica e categoría intelectual, porque sería quen de desenvolvela e consolidala axeitadamente, polo que significaba Filgueira Valverde e pola consideración que tiña no réxime anterior. Con el dita cátedra seguiría adiante. Por fin esa cátedra chegaría máis tarde a ser unha realidade e o seu primeiro catedrático sería o profesor e tamén galeguista, Ricardo Carballo Calero. E desta cátedra e da Facultade conseguinte sairían tantos e bos lingüístas e filólogos galegos, moitos dos cales exerceron e aínda exercen fructífero maxisterio. O soño de Ramón Piñeiro cumpriuse en parte, loxicamente sen ser o catedrático soñado Filgueira Valverde.

No hay comentarios: