jueves, 17 de marzo de 2016

PRESENTACIÓN DA REVISTA GALEGOS




Previamente á presentación da revista Galegos en Pontevedra, o luns 14, ás 20:00 h. asistimos a súa presentación na sede da Fundación Torrente Ballester na rúa do Villar en Santiago de Compostela, que se centrou nos contidos plásticos da revista, a obra pictórica de Manuel Quintana Martelo, quen ademais é presidente da Real Academia Galega de Bellas Artes, que dedicou o Día da Arte Galega a Castelao neste ano 2016. Tamén participou na mesa de presentación o fotógrafo Vari Caramés, que firma un traballo sobre o Xardín do Pasatempo de Betanzos. Interviu asimesmo Alejandro Diéguez como editor e presidiu e coordinou o acto o presidente da Fundación Torrente Ballester como anfitrión. Destacouse a calidade da revista tanto desde o punto de vista formal como dos contidos. Vari Caramés plantexou o seu desexo de realizar a revista nun formato máis pequeno, tamaño buzón de correos, que facilite e faga máis barata a súa distribución.

Ao día seguinte, martes 15, ás 20:00 h. tivo lugar a presentación no salón de actos do Sexto Edificio do Museo de Pontevedra. Presidiu o acto o deputado provincial de Cultura Xosé Leal Fariña, en representación da Deputación Provincial de Pontevedra, acompañado na mesa polo presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, o pintor e presidente da Real Academia Galega de Belas Artes, Manuel Quintana Martelo, o director do Museo de Pontevedra, Xosé Carlos Valle Pérez, a vicepresidenta da Fundación Filgueira Valverde, Araceli Filgueira Iglesias, e o editor da revista Galegos, Alejandro Diéguez.

Da comezo o acto coas palabras de acollida e de agradecemento Xosé Leal, quen a continuación cédelle o uso da palabra a Xosé Carlos Valle que describe a revista Galegos con palabras de eloxio, destacando os magníficos aspectos formais da revista en canto a edición, as imaxes e recoñece que ten unha feitura moi coidada. Destaca tamén a gran calidade dos contidos e das persoas que colaboran na revista ao longo dos seus vintedous números, que teñen como constante esa característica de calidade, que fan desta revista un verdadeiro luxo editorial e anima a seguir nesta liña, ao mesmo tempo felicita ao editor polo labor realizado.

Subliña a parte gráfica, onde se recolle a obra e a personalidade do pintor Quintana Martelo, un dos grandes valores da pintura galega contemporánea, así como o interesante traballo sobre o Pasatempo de Betanzos do fotógrafo galego, Vari Caramés, quen tamén retrata a Quintana, protagonista do caderno central deste número 22 da revista Galegos.

Valle tamén destaca o contido máis literario da revista, as entrevistas, os artigos sobre o sector lácteo galego, o artigo sobre a galeguidade de Franco; pero facendo fincapé sobre o apartado persoeiros, dedicado nesta ocasión a Xosé Filgueira Valverde, con artigos de Xesús Alonso Montero, Xosé Fuentes Alende, Xermán Manuel Torres de Aboal e del mesmo. Filgueira, un intelectual galego de múltiples intereses que ademais da literatura e a erudición tamén dedicou liñas fundamentais da súa obra ás artes gráficas e á historia da arte galega.

Tamén intervén Alejandro Diéguez, editor da revista Galegos, que reitera o seu agradecemento a todos os asistentes a este acto e a todos os colaboradores da revista. Lembra ao igual, que o fixera antes o director do Museo, as veces que a revista, nalgúns dos seus anteriores números, como os dedicados a Castelao e ao arquitecto Alejandro de la Sota foran presentados no Museo de Pontevedra. Anima a esta exemplar institución a seguir adiante, promovendo o desenvolvemento da cultura galega.

Araceli Filgueira, en nome da Fundación e da familia Filgueira Valverde agradece a atención e os traballos que suscitou a figura do seu pai co gallo da celebración do Día das Letras Galegas-2015. E fai unha relación das principais obras que xurdiron con tal motivo en lembranza e homenaxe do seu pai.

Intervén Manuel Quintana Martelo que manifesta sentirse moi satisfeito por ter presencia neste número 22 da revista Galegos, que fai unha mostra dalgúns dos seus traballos, desde o seus inicios en 1978 e ata o día de hoxe. Recoñece que o caderno está deseñado con moita intelixencia. Indica que ten a Rembrant como o seu referente pola vibración da súa pincelada, destaca que o pintor holandés é o "animal máis salvaxe da Historia de Pintura". Na revista recóllese unha obra del un tanto inacabada, que está inspirada na Muchacha da Ventá de Rembrant. Manifesta que no ano 1968, mantivo unha loita intensa entre figuración e abstración. Sempre na búsqueda da liberdade. Despois desto caiu nun caos pictórico. E hoxe debido a informática e aos medios dos que se dispón semella que se da o fenómeno de "como pintar sen pintura". Co motivo do Maio de 1968, deséxase levar a "arte na rúa" e que é aí onde se atopa. Hai un impacto da abstración, da "pintura sen imaxe". Manifesta que no ano 1978 gaña a súa Cátedra de Debuxo, que exerce no IES Xelmírez de Santiago, para abandonala no ano 1992, foi o mellor que puido facer, deste xeito puido facer a súa viaxe a New York. El é quen de entender o volume dentro do plano, posúe o dominio do debuxo. Centrouse como inspiración da súa obra nos contenedores por exemplo da cidade de New York e agora da cidade de Madrid. Tamén manifesta a súa satisfacción de ser retratado nesta revista polo fotógrafo Viri Caramés, autor do interesante traballo sobre o Pasatempo tamén recollido neste número.

Finalmente fai uso da palabra o presidente da Real Academia Galega, quen manifesta o seu asombro de como esta revista pode pervivir. Xa que ten unha grande calidade, un traballo admirable do seu editor e unha revista admirable. E loxicamente esto ten un enorme custe. Trátase dunha revista cultural con coidados traballos de carácter gráfico e humanístico. Tamén lle agrada topar na revista unha reportaxe sobre o séctor lácteo, de tanta importancia na economía galega. Os contidos e os colaboradores son dun moi grande nivel. Alegrándose do protagonismo do presidente da Real Academia Galega de Belas Artes neste exemplar da revista. Parécelle moi positiva a atención que se lle presta á figura do médico Roberto Nóvoa Santos, unha das luminarias da medicina galega. Expresa que el ten lido a Patoloxía da autoría de tan eminente médico. Lembra a frase de Gregorio Marañón, que manifestaba que o médico que só sabe medicina, nin medicina sabe. E xunto ao doutor Nóvoa Santos menciona a outros grandes médicos humanistas de Galicia como Roff Carballo, García Sabell, que no seu tempo era quen máis sabía de Historia da Arte, menciona tamén como médico humanista ao doutor Xosé María Filgueira Martínez, pai de Xosé Filgueira Valverde. Precisamente sobre este último personaxe, gran polígrafo galego, hai un caderno na revista con artigos de Xosé Carlos Valle, Xosé Fuentes, Xermán Manuel Torres e un del mesmo, que se detén sobre a Cantiga CIII de Afonso X, obxecto da impresionante tese de doutoramento de Filgueira Valverde. Este escoitou cantar a "passarinha" no bosque dos arredores do mosteiro da Armenteira. Relata a cantiga e reflicte a tese a noción do gozo eterno e do paso do tempo, xa que nuns segundos que foron trescentos anos o monxe Ero da Armenteira escoitou extasiado o canto deste paxariño paradisíaco, que lle fai ver os goces celestiais de quenes pasaron pola Terra facendo o ben. Foron moi grandes as repercusións da tese de Filgueira. Entre outras moitas cousas, provocou un poema laudatorio do gran ensaísta, Eugenio D'Ors, outro de José Valente e outro moi recente de Franco Grande, a quen llo inspiraron as alocucións sobre Filgueira Valverde, pronunciadas na sesión aberta e solemne da Real Academia Galega do día 17 de maio de 2015, celebrada aquí mesmo, neste lugar. Tamén indica Alonso Montero que el mesmo, nese ano filgueirián, compuso dúas versións da Cantiga CIII de Afonso X, na honra de Filgueira Valverde. (Nunha delas, a un famento e pobre labrego galego amosaráselle o que lle depara Deus aos que son bos na Terra cando chegan ao Ceo. E como o labrego pasaba tanta fame neste val de bágoas, demóstraselle que "comerase no Ceo e comerase ben") . Tíñan tamén dedicado o seu interese sobre dita cantiga, realizando algún interesante traballo, Valle Inclán e Castelao. Aínda que Filgueira en 1925, dez anos antes de defender a súa tese na Universidade Central de Madrid, dedicou varios artigos sobre o tema na prestixiosa revista Nós. Sobre o tema da cantiga, cos seus elementos, o monxe, o paxariño, o bosque do mosteiro da Armenteira e inspirado nun grabado do propio mosteiro, Castelao debuxa e compón o ex libris de Xosé Filgueira Valverde.  Alonso Montero remata lembrando que este ano será o ano do poeta, ensaísta, dramaturgo, home da nosa cultura, Manuel María, o poeta da Terra Chá.

Pon fin ao acto, o deputado provincial, Xosé Leal, quen reitera a súa gratitude. Ao mesmo tempo lembra que Castelao será protagonista este ano, e especialmente aquí en Pontevedra, ao térselle dedicado o Día das Artes Galegas. E Manuel María o será por ser homenaxeado este ano co gallo do Día das Letras Galegas, motiva a todos a participar nos actos en memoria de tan egrexios personaxes.

No meu artigo, publicado neste número 22 da revista Galegos, titulado: Xosé Filgueira Valverde, paradigma do humanista galego do século XX, trato de amosar porque considero a Filgueira como modelo de humanista galego. En síntese:

- Pola súa extraordinaria formación multidisciplinar, recibida no seo da súa familia, no instituto de Losada Diéguez, na universidade de Cotarelo Valledor e Salvador Cabeza de León, pola súa pertenza e o seu traballo no inesquecible e insuperable Seminario de Estudos Galegos.

- Polo seu coñecemento da cultura grecolatina, polo dominio do Latín, en xeral polo seus coñecementos da nosa cultura na Idade Media, no Renacemento, na Ilustración,...

- Pola súa práctica da erudición e das ciencias humanísticas, sendo considerado unha autoridade en temas como: as cantigas medievais, as cantigas da Afonso X, Camoens, Cervantes, Sarmiento, Rosalia de Castro,...

- Polo seu oficio de lector e de escritor, el que tanto leeu e escribiu. Escribiu máis de trescentos libros e folletos, pronunciou 1.600 conferencias, a súa función de divulgador da cultura nos medios de comunicación social (prensa escrita, radio, televisión).

- Por participar na fundación de institucións fundamentais que o trascenden (SEG, Museo de Pontevedra, Bibliófilos Galegos,...).

-Pola súa poligrafía e actitude de traballo multidisciplinar e de traballo en equipo.

- Polo seu afán didáctico (sempre aprendo, sempre ensino).

- Por ser un intelectual que non queda pechado na súa torre de marfil, senón que participa activamente na vida social, cultural e política.

- Porque foi un home de ben e procurou o ben,

Por todo esto e, sen dúbida, por moitas cousas máis podemos considerar a Xosé Filgueira Valverde como o paradigma de humanista galego do século XX.

Manifestar, finalmente, os meus parabéns e noraboa á revista Galegos e que me sinto moi compracido por ter colaborado neste número 22. Longa vida a Galegos.

No hay comentarios: