lunes, 6 de junio de 2016

CONCERTO INAUGURAL DA SOCIEDADE FILHARMÓNICA DE VILAGARCÍA




Vémonos neste concerto, o próximo venres ás 21:00 h., no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa.
Comeza a súa andaina a Sociedade Filharmónica de Vilagarcía de Arousa.

Longa vida! 

Realmente o concerto resultou magnífico, un éxito artístico. En canto ao respaldo do público, ben os socios, pero só se acadou media entrada o que foi unha mágoa porque este acontecemento musical ben merecía un cheo absoluto. A representación institucional tamén mellorable, debería ser do máximo nivel, quizais moita xente non é consciente do significado do propio concerto en si e do que supón a creación dunha Sociedade Filarmónica na nosa cidade. Desexo manifestar aquí a máxima gratitude polo respaldo coa súa presencia dos compañeiros da Filharmónica de Santiago de Compostela e de Ferrol. Da presencia de todos os que acompañaron o nacemento desta sociedade en Arousa, non nomeo a ninguén por mor de cometer o erro irreparable de omitir a alguén e xa o noso presidente, Xosé Luis Sanz Acosta, citou e agradeceu as representacións nas súas palabras iniciais.

En canto ao concerto e interpretación de Yeol Eum Son, a min inspiroume dúas verbas: Sensibilidade e paz. As dotes artísticas e o dominio da técnica lévannos a supoñer as longas horas de estudo e de traballo desta inconmensurable pianista, que xa está na élite mundial, pero que, sen dúbida, na mesma seguirá escalando postos. Dou mostras dunha grande expresividade, dunha grande forza, unha pianista que convence e que seduce ao espectador, ao oínte. Foi unha noite de beleza, unha noite de música, chegaron a Arousa por primeira vez e por primeira vez a España os rechouchíos dunha passarinha chegada de Oriente, de Corea en forma de notas musicais, percutidas nun piano que nos deleitou a todos coa música eterna, a música clásica; da que Yeol é unha mestra inspirada e tocada polas musas. Desexamos que a Filharmónica nos ofreza noites musicais magníficas como esta, foi un extraordinario comezo, que non decaia, e que a xente se decate que hai algo máis que fútbol e cervexas nas terrazas, pero esto é cuestión de educación, que tomen nota todo tipo de autoridades que nos gobernan.

Yeol Eum Son moi amable e delicada ofreceunos o seu autógrafo:






 

No hay comentarios: