domingo, 2 de octubre de 2016

I XORNADA SOBRE ARTE ROMÁNICA - VILAGARCÍA



Foi unha moi interesante xornada na que participei, digamos como alumno. Todas as ponencias tiveron unha grande importancia pola coidada información e formación que ofreceron. Os nosos parabéns aos Amigos do Románico e ao Concello de Vilagarcía de Arousa pola organización deste acontecemento cultural aquí na nosa cidade.

Ímonos referir á Catedral de Tui polos vínculos que nos unen, da miña etapa no Seminario Menor San Pelayo de Tui, nos cursos 1969-1970 e 1970-1971. E por teres participado en tantas misas na catedral tudense co Coro do Seminario, dirixido por D. Javier Chao.

Recollemos as notas dos apuntamentos da exposición da Dra. Dna. Margarita Vázque Corbal, quen disertou sobre: A catedral románica de Tui.

A catedral de Tui é singular pola súa situación, nun outeiro desde o que domina e pode ver unha parte do territorio da diócese, obsérvase ben a cidade de Tui e a cidade fronteiriza de Valença do Minho. O aspecto exterior da catedral é o dunha fortaleza, unha fortificación con torres e ameas ao xeito das catedrais portuguesas de Coimbra e de Ébora. Esto ten sentido por ser Tui unha cidade fronteiriza, da raia con Portugal e había que tomar medidas de protección fronte a posibles invasións.

A xurisdicción da Sé Episcopal tudense estendíase a territorios do fraterno Portugal, estamos a falar da comarca eclesiástica de Viana do Castelo. E temos noticias de dita diócese no Concilio de Braga e no Parroquiarum suevorum. En 1381 comeza a separación de Portugal e en 1444 confírmase a perda definitiva dos territorios portugueses e a merma da importancia desta diócese.

Xa no século VIII temos noticias dos ataques musulmáns, pero os conflictos máis destacados son no século X coas tres invasións normandas ou dos vikingos que provocaron o exilio dos bispos tudenses. No século XI prodúcese a restauración de diocese, que é anexionada a Santiago en 1024. Entre os anos 1068-1070/71 a diócese reestructúrase e volve a rexurdir, en tempos do bispo Xurxo. O culto episcopal celebrábase en San Bartolomeu de Rebordáns cara o 1122.

O primeiro documento que acredita obras na catedral de Tui data de 1145 en tempos do bispo Paio Mendes ou Pelaio Menéndez.
No último cuarto do século XII o Mosteiro de Oia dona dous marcos de prata para a "ecclesia de Santa María faciendo".
En 1225 conságrase a catedral de Tui. Unha catedral que empeza en románico e remata en gótico. A única fachada gótica de Galicia é a fachada occidental da catedral de Tui.

Constatar que a cidade de Valença na antigüidade chamouse Contrasta.

É moi difícil saber como era a planta románica da catedral de Tui. O románico atópase no "transepto". A sala capitular é románica. Algunhas capelas desaparecidas estarían elevadas. Na fachada norte atopamos elementos do románico, capiteis vexetais (que serven de modelo e que se repiten noutras igrexas da diócese), unha ventá románica.

Esta catedral ten moito de cisterciense como se pode contemplar no seu claustro.

Na fachada sur os elementos románicos están ocultos, "canecillos" antropomórficos e vexetais ocultos.

No interior hai zonas románicas e zonas góticas.

Topamos capiteis vexetais reproducidos noutras igrexas. Tamén é moi curioso o capitel con leóns de aspecto simiesco que representan o mal. Hai outro que repesentan aves bebendo no cáliz que simbolizan a Eucaristía. Así mesmo topamos un capitel con cabeza de bóvido.

Moi curioso son os capiteis con figuras serpentiformes con cabezas humanas, quizais se trate dun personaxe mítico galaico-portugués, a bicha moura.
Nas igrexas da diócese de Tui hai moitas serpes. Podemos falar de ofiolatría, culto das serpes. Por iso a Galicia e a Portugal se lle denomina Ofiusa, que quere dicir, terra de serpes.
Topamos algún capitel vexetal con personaxes hercúleos, representando forza.
Outro capitel ten a un centauro ou centauresa disparándolle a unha harpía. Polo que hai capiteis con personaxes da mitoloxía.
Aparecen outros capiteis con águias e con escenas de loita. Loita contra o Islam? Ou representando a loita que os fieis deben manter contra do mal.
Tamén topamos un capitel co prendemento de San Pedro e outro con xente presenciando unha teofanía.
Topamos outro representando a anunciación, a epifanía.

Nesta catedral hai unha gran riqueza de capiteis que son fonte de modelos para as igrexas da diócese.

Subliñar que o terremoto de Lisboa afectou moito á catedral de Tui.

O primeiro bispo desta diócese sería San Epitafio, aínda que non está documentado.




O Coro do Seminario Menor San Pelayo de Tui en 1970

Dito coro participaba en numerosas misas na catedral de Tui

No hay comentarios: