miércoles, 3 de enero de 2018

Xosé Lois Vila Fariña, voa libre polo ar de Arousa-03-01-2018

Vila Fariña no centro da imaxe nunha das primeiras Mesas das Verbas na rúa


Xosé Lois Vila Fariña
voa xa ceibe polo ar
da súa benquerida comarca
de Arousa - Salnés.

Seu espírito anda ceibo
polas corredoiras,
polos máxicos montes
do seu amado Baión.

Chouta de penedo en penedo,
de lenda en lenda
na busca da verba cumprida,
das historias agochadas
en cada arquivo,
en cada monumento
do seu idolatrado Concello.

Nos montes de Baión
xa choran as meigas e os meigos,
as curuxas e os mouchos
ventan que xa marchou
o druída de Baión,
o amante dos celtas fuxidíos; 
os carballos das fragas
agora quedan sós.

Vilanova de Arousa xa ten
unha lumieira,
que alá no alto do ceo,
máis aló do tempo
e das estrelas
velará polos acontecementos,
polas xentes queridas
dos tempos idos.

Voa, Lois, libre,
valente como sempre,
incómodo e tenro,
triste en enrabechado coas inxustizas.

Amigo, ti querías unha Arousa
culta, amante do seu pasado,
atarefada e xusta co presente,
esperanzada e engaiolada co futuro.

Voa, Lois, por sempre
e aterra nos nosos corazóns
para que loitemos polo pobo
e fagamos unha Terra libre
e máis igualitaria.

Voa, Lois, voa xa libre.

In memoriam

Do teu amigo e admirador, Xermán Manuel Torres, no nome das túas amigas e amigos da Mesa das Verbas, que endexamais te esquecerán.

As miñas primeiras lembranzas dun contacto directo e moi cotián con Lois, veñen dos tempos do que eu chamo xeración da Revista RODADA do Club Xuvenil Vilagarcián, alá na pasada década dos anos 80 do pasado século XX. Dita revista tirábase na súa famosa fotocopiadora, de onde tamén saía a súa revista O NOSO POBO. Daquela, colaborabamos e tiñamos os nosos soños e ilusións xunta a Vila Fariña, o lembrado Manuel Olveira, Jesús Recio, Calixto Vázquez, Antonio Recio, Mario Vázquez, Andrea Fernández, Loreto Conde, entre a mocidade que frecuentaba o Club Xuvenil Vilagarcián, entidade moi visitada por Vila, naqueles froitosos anos.

Daqueles tempos xorde un proxecto nunca cumprido, o PROXECTO TRÉVERIS, idea de Vila Fariña, que consistía nunha peregrinación de Compostela a Tréveris e de Tréveris a Compostela. Cousa que non puido completar Prisciliano. Nin nós fixemos nunca xuntos, como tiñamos proxectado facer cun grupo de amigos. Lois matinaba na teoría de que no sartego que se venera na Catedral de Santiago, quen está alí, realmente, é o bispo heterodoxo, Prisciliano. Lois, ao seu xeito, tamén era un heterodoxo.

Lois era un autodidacta, un home moi intelixente e loitador interesado pola cultura, un apaixonado da historia e da lectura e da escritura, cunha considerable obra publicada, en grande parte nas EDICIÓNS CARDEÑOSO. Da súa grande produción eu destacaría dúas monografías moi valoradas, a dedicada ao Monte Lobeira e ao xeógrafo e erudito Domingo Fontán.

Outro tema do seu grande interese era a teoría do Colón galego, sobre este tema escribiu unha peza de teatro representada no seu día en Pontevedra.

Precisamente, a Mesa das Verbas xurdiu nuns recitais poéticos e nunha homenaxe que lle rendemos na Residencia Divina Pastora de Vilagarcía ao propio Vila Fariña co gallo da súa publicación en lembranza do seu paso por dita residencia, alá polos anos 2010 e 2011. El participou nas Mesas das Verbas da primeira etapa.

Foron moitos anos de amizade e de complicidade, o oco baleiro que deixa o amigo Xosé Lois Vila Fariña quedará por sempre así, oco, baleiro... Soio o enchen os felices encontros e tantas xuntanzas e experiencias de tipo cultural e artístico que compartimos xuntos. Brindo unha copa por ti, amigo, dese albariño, ambrosía dos deuses da túa terra. Por sempre, Lois.

Nunha imaxe de José Luiz Oubiña, Vila Fariña coa súa querida nai

No hay comentarios: